Sete anos e medio despois do accidente de Angrois que o 24 de xullo de 2013 custou a vida a 80 persoas, a investigación xudicial segue acumulando atrasos, á espera de que a Audiencia Provincial da Coruña se pronuncie sobre a proposta do xuíz instrutor ratificada hai xa tres meses de xulgar tanto ao maquinista do tren por despistarse e non frear a tempo antes da curva da Grandeira como a un cargo de Adif por non avaliar correctamente o risco alí existente. Pero se a xustiza é lenta de máis para as vítimas, tampouco as vías técnicas e políticas abertas ante a Unión Europea e no Congreso dos Deputados a dar resultados e cumpren dous anos sen novidades.
A comisión política non chegou a emitir conclusións ao disolverse o Congreso para as eleccións de 2019 mentres que Bruxelas analiza desde aquela se España está a cumprir coa seguridade ferroviaria
O 24 de xaneiro de 2019 a Comisión Europea decidía enviar a España unha carta de emprazamento con dúbidas sobre o seu xeito de cumprir coa normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, unha investigación na que entre outros elementos pescuda se os riscos de accidente están a ser correctamente analizados para evitalos, cuestión clave no caso de Angrois.
Uns días despois, o 11 de febreiro de 2019, quen eran ministros de Fomento cando se puxo en servizo a liña de AVE e o tren Alvia implicados no sinistro, o socialista José Blanco e a popular Ana Pastor, pechaban coas súas intervencións as comparecencias na comisión de investigación política creada no Congreso dos Deputados, que uns días despois quedaba disolto pola convocatoria de eleccións xerais.
Desde aquela, hai agora dous anos, nin se volveu reactivar esa investigación política para emitir as súas conclusións nin a Comisión Europea resolveu aínda sobre o cumprimento ou non a día de hoxe por España da normativa comunitaria de seguridade ferroviaria.
“Se aínda non se cumpre a normativa europea sete anos despois do accidente...”, deixa no aire o presidente da plataforma de vítimas
No caso do procedemento de infracción aberto por Bruxelas, a propia Comisión Europea desligou as súas pescudas xerais sobre a seguridade ferroviaria en España do accidente de Angrois. Pero o feito é que a Comisión admitiu que entre outras cuestións analiza se España está a realizar “avaliacións de risco adecuadas” da seguridade ferroviaria, cuestión que tanto o xuíz instrutor como a Axencia Ferroviaria Europea, dependente da Comisión, consideran que non se fixo no caso do AVE Ourense-Santiago no que ocorreu o accidente de Angrois, e por iso está imputado o cargo de Adif. “Se aínda non se cumpre a normativa europea sete anos despois do accidente...”, deixa no aire o presidente da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez.
O procedemento de infracción europeo contra España segue "en curso" desde hai dous anos e a UE leva catro anos reclamando ao Estado unha nova investigación técnica independente do sinistro
A análise da Comisión segue formalmente “en curso” desde hai agora dous anos e na súa última pregunta ao respecto a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, recibiu o pasado outubro como contestación da comisaria de Transportes, Adina Vălean, que “unha vez finalizadas todas as medidas que deben tomar os distintos axentes do sector ferroviario español, a Comisión estudará se as preocupacións formuladas no procedemento de infracción se abordaron adecuadamente e se pode considerarse que España cumpre a lexislación da UE”.
Praza.gal preguntou esta semana á portavocía da Comisión Europea se a aínda está pendente de novas explicacións por parte España ou xa só de tomar unha decisión ao respecto, pero Bruxelas respondeu que ao ser un procedemento en marcha non pode dar información.
Ademais de analizar como España avalía os riscos para a seguridade ferroviaria, a Comisión Europea tamén admitiu hai dous anos que estudaría como se investigan os accidentes ferroviarios, despois de que a Axencia Ferroviaria Europea criticase a investigación sobre Angrois realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, que non foi independente e puxo o foco só no maquinista nun informe que influíu nos primeiros pasos da investigación penal no xulgado.
De xeito paralelo ao procedemento de infracción, a Comisión Europea vén reclamando a España desde hai catro anos que volva realizar unha investigación independente do sinistro, ata agora sen éxito ao negarse a propia CIAF a facelo e argumentar o Goberno central que agora os investigadores xa si son independentes e non poden darlle esa orde.
O 11 de febreiro de 2019 os ex-ministros Blanco e Pastor desvinculáronse no Congreso de calquera decisión sobre a seguridade ferroviaria e a comisión política pechouse sen chegar a emitir as súas conclusións tras seis meses de comparecencias
Esa incapacidade de actuación para cumprir coas esixencias europeas dunha investigación técnica independente argumentada tanto polo anterior Goberno central do PP como polo actual de PSOE e Podemos -as vítimas tamén apelaron sen éxito ao vicepresidente Pablo Iglesias hai agora un ano, o 23 de xaneiro de 2020- esténdese ao seu desinterese por reabrir a comisión de investigación política do sinistro que non chegou a emitir as súas conclusións. Dous días despois da comparecencia dos ex-ministros Pastor e Blanco, que se desvincularon de calquera decisión sobre a seguridade, o 13 de febreiro de 2019 o Congreso rexeitaba os orzamentos do Estado que propuña o Goberno e Pedro Sánchez disolvía a Cámara para convocar eleccións.
A comisión política non volveu reactivarse desde aquela e deixou sen conclusións os seis meses de comparecencias previas. Agora as vítimas reclaman que antes se realice a nova investigación técnica que reclama a UE pero rexeita reabrir a CIAF para que o que dela saia poida ser tido en conta na elaboración das conclusións políticas. Mentres, sete anos e medio despois do sinistro, seguen agardando por respostas xudiciais, técnicas e políticas.