Hai dez días a comisión española de análise técnico de sinistros volveu negarse a cumprir co que lle pide Bruxelas desde hai máis de tres anos, agora nunha resposta ao BNG, e tras pasar polo cargo xa dúas comisarias distintas
En xullo de 2016 a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que considerou que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) española non era independente e realizara unha análise incorrecta do accidente de Angrois ao atribuílo en exclusiva ao despiste do maquinista. A daquela comisaria de Transportes da UE, a eslovena de centro-esquerda Violeta Bulc, pediu en varias ocasións a España que cumpra co que esixe ao respecto unha directiva europea de 2004, pero a CIAF, agora xa independente do Ministerio de Transportes, negouse en varias ocasións, a última hai apenas dez días en resposta a unha pregunta do BNG no Congreso dos Deputados. Ao tempo, en resposta a outra pregunta tamén do BNG a través do seu grupo no Parlamento Europeo, a nova comisaria de Transportes desde o pasado decembro, a romanesa liberal e do PP europeo Adina Vălean, vén de reiterar que esa investigación independente “segue pendente”.
A CIAF non era independente do daquela Ministerio de Fomento cando en 2014, un ano despois do accidente de Angrois, emitiu o seu informe. De feito, o seu daquela responsable chegou a culpar á ministra Ana Pastor, para rectificar ás poucas horas, de impedirlle reabrir a investigación cando a UE considerou que fora mal realizada.
Pero en 2015 o Goberno modificou a lei e agora a CIAF xa é considerada independente, como concorda tamén a UE. Iso impide que o Goberno lle poida dar a orde de reabrir a investigación e analizar as cuestións que a Axencia Ferroviaria Europea consideraba que non se estudaran, entre elas se Adif analizara correctamente os riscos da curva de Angrois, cuestión pola que na causa xudicial está imputado tamén un cargo desa empresa pública xunto co maquinista. Ademais, a UE ten aberto un procedemento de infracción contra España por como avalía os riscos ferroviarios en xeral.
As vítimas reclaman que o Goberno dea unha solución á petición da UE e ante a negativa da CIAF
Ante a negativa da CIAF, nin o ministro popular de Fomento Íñigo de la Serna nin o actual socialista, José Luis Ábalos, foron quen de ofrecer unha solución, como reclama a Plataforma de Vítimas, para cumprir coa reclamación europea. Nese contexto, o BNG preguntou á Comisión Europea, a través do eurodeputado de Bildu Pernando Barrena co que a portavoz nacionalista galega en Bruxelas, Ana Miranda, se repartirá o escano durante esta lexislatura, tanto pola situación actual do procedemento de infracción contra España como pola falta da investigación técnica independente de Angrois. “A pesar do forte compromiso coas vítimas dese accidente por parte da comisaria Bulc e da súa insistencia [...] para que realizara unha investigación independente, a CIAF non a realizou. Recomendará de novo a Comisión esa obligación ao Estado español”, foi a pregunta do BNG.
![](https://praza.gal/storage/uploads/0407ba49-4ed3-4d90-8a6c-02a4319ead6c-62a702d.jpeg)
Adina Vălean lembra que a Comisión non pode investigar sinistros pero que a Directiva europea de 2004 que esixe aos estados análises técnicas independentes é de aplicación no caso e iso “segue pendente”
Sobre o procedemento de infracción a nova comisaria sinala que segue o seu curso e que a Comisión “solicitou ás autoridades españolas que a manteñan informada periodicamente”, ao tempo que di que aínda non pode determinar “se recorrerá ao Tribunal de Xustiza” polos incumprimentos detectados. Sobre o accidente de Angrois, Vălean lembra que a Comisión non pode investigar sinistros pero que a Directiva europea de 2004 que esixe aos estados análises técnicas independentes é de aplicación no caso e iso “segue pendente”.
Ante esta situación, este venres Ana Miranda trasladou á Comisión Europea a resposta obtida hai dez días da CIAF de que este ente investigador rexeita reabrir o caso porque considera, en contra do establecido pola Axencia Ferroviaria Europea e reclamado polas comisarias, que a investigación que fixo en 2014 foi “pormenorizada, correcta e independente”. Miranda tamén salienta que o procedemento de infracción aberto contra España “é consecuencia da denuncia presentada polo BNG” por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria “por non facer o control de riscos que esixe a norma no caso do accidente do Alvia”, cuestión que está no foco da investigación xudicial do sinistro.