“Non vemos nada que xustifique reabrir o caso”, din os investigadores de Angrois

Conclusións da CIAF culpando do accidente ao despiste do maquinista Dominio Público Ministerio de Fomento

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e a comisaria de Transportes da UE, Violeta Bulc, foron conminados este luns por vítimas do accidente de tren de Santiago a realizar unha investigación técnica independente do sinistro, á marxe da penal que tamén está en curso, na que se analicen outras responsabilidades máis alá do maquinista. De la Serna e Bulc deitaron a iniciativa desa nova investigación na Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que realizou a anterior. Pero este martes ese organismo volveu rexeitar esa posibilidade: “Non vemos nada que xustifique a súa reapertura”, contesta a CIAF a Praza.gal.

Fomento e Bruxelas deitan nos técnicos a iniciativa de volver analizar Angrois e estes reiteran a validez do informe que responsabilizou o maquinista

O 24 de xullo de 2013 un tren Alvia descarrilou na curva de Angrois, na liña de AVE Ourense-Santiago, e deixou 80 mortos e 144 feridos logo de que o maquinista non frease a tempo sen que houbese activa ningunha medida de seguridade que evitase ou paliase o seu despiste. Na súa investigación do sinistro, a CIAF recomendou diversas melloras dos sistemas de seguridade, pero responsabilizou do accidente exclusivamente ao despiste do maquinista. Porén, o pasado xullo a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un ditame constatando que naquela altura a CIAF non era independente, xa que os seus membros eran nomeados polo Ministerio de Fomento, e censurando que a súa análise do sinistro se centrase en exclusiva no maquinista e non analizase outras causas subxacentes, como a inexistencia de sistemas de seguridade.

Despois da investigación do accidente de Angrois, Fomento, ante unha ameaza de sanción por parte da Comisión Europea, mudou o sistema de nomeamento da CIAF para mellorar a súa independencia, de xeito que agora os seus membros son votados polo Congreso dos Deputados. Pero a falta de independencia previa, constatada pola Axencia Ferroviaria Europea, serviu para que a finais de xaneiro a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo lle pedise á comisaria de Transportes “unha investigación exhaustiva e independente”.

A comisaria e o ministro ampáranse no paradoxo: se a CIAF agora xa é independente, o ministerio non lle pode dar a orde de reabrir a investigación nin a UE inmiscuírse nunha competencia estatal

Porén, a comisaria Bulc e o ministro De la Serna ampáranse no paradoxo: se a CIAF agora xa é independente, o ministerio non lle pode dar a orde de reabrir a investigación nin a comisaria pode inmiscuírse nunha competencia estatal que agora xa funciona supostamente de xeito correcto. Así o argumentaron os dous este luns en Madrid nun acto público no que foron interpelados polas vítimas. Nel, De la Serna insistiu en que “o Goberno non ten capacidade legal, como así nolo transmitiron desde os propios servizos xurídicos do Goberno, tería que nacer da propia comisión [CIAF], cousa que non sucedeu”. "Hai cousas que teñen que facerse en cada nivel, e non podemos ir máis alá", dixo a comisaria. Posteriormente, nun encontro privado, Bulc pediu ás vítimas un prazo de tres semanas para estudar a posibilidade de que técnicos europeos axuden aos españois, pero só se estes deciden reabrir o caso, obviando a petición da Eurocámara de que Bruxelas lidere a investigación.

É nese contexto no que desde a CIAF se ratifican “na decisión que tomou o pleno no seu momento”, en referencia á validez do informe xa emitido sobre Angrois. “Non vemos nada que xustifique a súa reapertura”, din desde a comisión a este diario.

Nos tribunais, a investigación da CIAF serviu de base para varios informes dos peritos xudiciais do caso nos que se baseou o xuíz instrutor para tentar pechar a causa

Nos tribunais, a investigación da CIAF serviu de base para varios informes dos peritos xudiciais do caso nos que se baseou o xuíz instrutor para tentar pechar a causa penal co maquinista como único imputado. Porén, en maio pasado a Audiencia Provincial da Coruña ordenoulle ao xuíz reabrir a instrución e analizar se Adif tratou como debía o risco existente na curva de Angrois, cuestión na que a CIAF non afondara e na que aínda se traballa na actualidade. Naquel auto de reapertura da instrución, a propia Audiencia Provincial daba por feito que a CIAF, ao ser nomeada daquela por Fomento, non podía ser considerada como un organismo independente. Os peritos xudiciais coinciden agora en que Adif non analizou nin tratou adecuadamente o risco dun exceso de velocidade como o que ocorreu, pero discrepan en se a normativa ferroviaria o esixía, cuestión clave para dilucidar a responsabilidade penal máis aló do maquinista.

Auto da Audiencia da Coruña que cualifica a CIAF como non independente Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.