Creado o Defensor de Vítimas de Accidentes para seguir atendéndoas tras as emerxencias

Concentración de vítimas de Angrois nun aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Na mesma xornada en que o vicepresidente Cuerpo recibe a vítimas de Angrois, o Consello de Ministros aproba que as asociacións participen na elaboración do marco normativo que regulará a atención que reciben por parte da Administración

O Consello de Ministros aprobou este martes a creación da figura e estrutura dun novo Defensor/a de Vítimas de Accidentes de Transporte Colectivo, que de se encargará de xeito permanente da atención de vítimas e familiares "dando continuidade no tempo ao traballo de todos os que interveñen tras un accidente". A medida é tomada tras o accidente de tren de Urda, na mesma xornada en que o vicepresidente primeiro, Carlos Cuerpo, encargado agora tamén das competencias en materia de transportes, recibe ás vítimas de Angrois. Tras aquel accidente a daquela ministra popular Ana Pastor anunciara, e aprobara un ano despois, un real decreto de asistencia a vítimas de accidentes ferroviarios.

Óscar Puente e Ana Pastor nas súas comparecencias tras os accidentes de Urda e Angrois CC-BY-SA Fotos: Congreso / Guardia Civil / CIAF

A nova Oficina do Defensor terá rango de dirección xeral, con estrutura administrativa propia, mentres que o propio defensor ou defensora terá rango de subsecretario e será nomeado por real decreto do Consello de Ministros a proposta do ministro de Transportes. Nun prazo de tres meses tras o seu nomeamento, o defensor ou defensora "presentará, coa participación das asociacións un proxecto de mellora do marco normativo de atención ás vítimas" que abordará, entre outras "a estrutura institucional de atención e as formas de colaboración entre administracións e entidades". "Así poderanse integrar as leccións dos recentes accidentes e doutros anteriores en todos os modos de transporte, e estudar con detalle as cuestións que esixen unha norma con rango de lei", salienta o Goberno. 

O Defensor "actuará nos accidentes de transporte colectivo de viaxeiros de titularidade ou competencia estatal: ferrocarril, aviación comercial, transporte marítimo de pasaxe e autobús" e "poderá estender o seu labor aos servizos autonómicos e locais mediante acordos de colaboración coas administracións competentes en cada territorio". 

Oito medidas de mellora da seguridade ferroviaria aprobadas a pasada semana polo Goberno de España e anunciadas por Puente antes da súa dimisión CC-BY-SA Praza Pública

A nova figura será o "interlocutor de referencia para as vítimas e os seus familiares" prolongando a súa atención "a medio e longo prazo, tamén cando se desmontan os dispositivos de emerxencia". Tamén colaborará coa investigación técnica da nova Autoridade Administrativa Independente para Investigación Técnica de Accidentes (AITAT) e elaborará un "código de boas prácticas coas asociacións de medios de comunicación para o tratamento ético da información sobre estes accidentes". Igualmente, terá "capacidade de requirimento" a outros órganos ou administracións da "información necesaria para exercer as súas funcións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.