Medidas anunciadas por Puente antes de dimitir xa foron aprobadas ou desbotadas tras Angrois

Óscar Puente e Ana Pastor nas súas comparecencias tras os accidentes de Urda e Angrois, nas imaxes de abaixo CC-BY-SA Fotos: Congreso / Guardia Civil / CIAF

Supervisión da normativa pola Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, redeseño dos compartimentos de equipaxe, maior atención ás condicións psicofísicas do persoal para evitar erros humanos ou máis apoio ás vítimas foron medidas xa anunciadas en 2013

"Non é certo que todos os políticos sexamos iguais". Con esa frase o ministro de Transportes, Óscar Puente, anunciou a súa dimisión este martes pouco despois das nove da noite, tras máis de catro horas de comparecencia no Congreso dos Deputados seis días despois do accidente de tren de Urda (Toledo) que deixou 69 mortes. Puente interveu ante a deputación permanente do Congreso dos Deputados nunha sesión especialmente tensa con fortes acusacións por parte de PP e Vox e peticións de dimisión de varios grupos. Ante eles deu explicacións, anunciou medidas e, no remate, desvelou a súa decisión de dimitir, que dixo que tomara "nos primeiros minutos tras a traxedia".

Previamente, pola mañá, o Consello de Ministros aprobara diversas medidas derivadas de dito sinistro, tanto compensatorias para as vítimas como de mellora da seguridade. Puente detallounas nas dúas ocasións, tras o Consello de Ministros e no Congreso, pero non contextualizou que se fixo nos últimos anos nos eidos concretos desas actuacións ata agora que son anunciadas tras o accidente de Urda.

No apartado de melloras da seguridade ferroviaria Puente anunciou un plan con oito medidas. Porén, non todas poden considerarse novas xa que varias xa foran anunciadas ou descartadas tras o accidente de Angrois de 2013, o máis grave da alta velocidade española, con 79 falecementos.

Vítimas de Angrois nun aniversario do accidente pedindo que non volva ocorrer un sinistro así CC-BY-NC-SA CA

Protocolos de control e seguridade

No apartado de medidas relativas a protocolos de control e seguridade Puente anunciou a modificación dos mesmos nos centros de control de xeito que en momentos nos que non funcionen todos os sistemas automáticos de supervisión dos trens "todas as decisións que se tomen" serán "supervisadas e terán que ser validadas por cando menos un segundo controlador humano".

Pero xunto con esa medida tamén anunciou outras dúas para a "revisión da normativa e a operativa do sistema por parte da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria" (AESF) e para a "elaboración dun estudo técnico con expertos independentes para valorar a implantación de medidas adicionais de seguridade pasiva nos vagóns, como o redeseño dos espazos de equipaxes para convertelos en compartimentos pechados que eviten proxeccións en caso de freadas bruscas ou impactos".

Puente anunciou este martes, seis días despois do accidente de Urda, 8 medidas, algunhas similares ás 22 anunciadas por Pastor tamén no Congreso dúas semanas despois do sinistro de Angrois

Por unha banda a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria xa ten entre os seus cometidos a supervisión de toda a normativa ferroviaria. Unha AESF que foi creada tras o accidente de Angrois de 2013 para cumprir coa normativa europea e que foi anunciada nunha comparecencia no Congreso similar á de Puente da daquela ministra popular Ana Pastor 16 días despois daquel accidente. Se hoxe Puente anunciou oito actuacións, daquela Pastor anunciara 20 medidas, recollidas posteriormente como 22 pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). Entre elas, e como derradeira, a creación da AESF para facer o que Puente di agora que fará tamén tras o accidente de Urda. 

Por outra banda, entre aquelas medidas anunciadas por Pastor tamén estaba, co número 14, a de "mellorar o emprazamento e protección de equipaxes no interior dos vagóns", para o que se anunciaron estudos e probas. Porén, un ano máis tarde, nas conclusións da comisión científico-técnica posta en marcha por Pastor para mellorar o sistema ferroviario tras o accidente, nada se dicía xa de equipaxes. A posibilidade de crear compartimentos pechados para a equipaxe foi descartada por outros problemas de seguridade que poderían implicar. 

Pero agora entre as oito medidas anunciadas por Puente volve figurar a de "estudar" e "valorar" novos compartimentos de equipaxe, sen dar por seguro que se vaian implantar.

As oito medidas de mellora da seguridade ferroviaria aprobadas este martes polo Goberno de España e anunciadas por Puente CC-BY-SA Praza Pública

Recursos humanos

No ámbito dos recursos humanos as novas medidas anunciadas por Puente inclúen a "mellora das condicións laborais dos controladores e reforzo dos cadros de persoal" e "adecuar o desenvolvemento dos descansos dos reguladores de tráfico adaptándoos aos picos de maior esixencia, e se estenderán os protocolos de fatiga (actualmente avanzados para maquinistas) a outros perfís críticos". Como segunda medida nese ámbito de recursos humanos tamén haberá unha "ampliación dos mecanismos de formación continua dos controladores, coa introdución de mentorías, novas acreditacións, e simulacros regulares para adestrar a xestión de situacións non habituais".

En 2013 a medida número 9 das anunciadas por Pastor era "reforzar a análise dos aspectos psicolóxicos da condución (control do estrés, actividade repetitiva, concentración, entre outros)" e mellorar a formación continua do persoal, para o que se anunciara a sinatura dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía. Tamén, como medidas números 7 e 8, figuraban a de "revisar os requisitos de acceso ás profesións do sector ferroviario" e "revisión do protocolo de recoñecementos médicos psicofísicos".

Innovación tecnolóxica

Xunto coas tres medidas relativas a protocolos de seguridade e as dúas sobre recursos humanos, Puente tamén anunciou outras tres medidas relacionadas coa innovación tecnolóxica. 

A primeira será a "creación dun novo software para os centros de control que conte con alertas automáticas, libros electrónicos de telefonemas, checklist de validación, e unha ergonomía visual mellorada que permita entender con máis facilidade o emprazamento dos trens e a situacións das vías. 

Un centro de control ferroviario de Adif © Adif

A segunda será a "creación dun axente de intelixencia artificial e un xemelgo dixital da rede que se encargará de supervisar o funcionamento do sistema, anticipar escenarios, detectar anomalías, e monitorizar conversas entre maquinistas e controladores, facilitando o traballo dos empregados e minimizando a posibilidade de erro humano". 

E a terceira é a "finalización do despregue total" na liña Sevilla-Madrid do sistema de control constante dos trens ERTMS que debe substituír o actual LZB. Nesa liña a AESF realizará tamén unha auditoría e mentres non se remate e non se complete a instalación do ERTMS "previsiblemente, comezos de 2027", as frecuencias de trens entre Madrid e Sevilla "se reducirán". 

Axudas ás vítimas

No apartado de compensacións para as vítimas, Puente, como xa se fixo en accidentes anteriores, anunciou axudas por 30 millóns de euros "compatibles coas indemnizacións dos seguros obrigatorios e de responsabilidade civil". De xeito complementario anunciou que "o Goberno crea Oficinas de Atención Integral ás vítimas", a través das delegacións e subdelegacións do Goberno", para "axudar ás persoas afectadas a solicitar as axudas e anticipos". Tamén tras o accidente de Angrois, como medida número 19 das anunciadas pola ministra Pastor, figuraba un real decreto de asistencia a vítimas de accidentes ferroviarios, aprobado un ano despois, en xullo de 2014.

Medidas anunciadas por Ana Pastor no Congreso tras o accidente de Angrois recollidas pola CIAF CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.