Ana Pastor anuncia cambios para evitar outro accidente, pero non recoñece erros

A ministra de Fomento, Ana Pastor, na súa comparecencia en comisión para falar do accidente © Congreso

A comparecencia da ministra Ana Pastor na Comisión de Fomento do Congreso non achegou, a xuízo dos grupos políticos grandes “novidades” sobre as causas do  accidente do tren Alvia. A ministra anunciou un paquete de 20 medidas para mellorar a rede ferroviaria e evitar un accidente no futuro como o ocorrido en Santiago, pero, con todo, non recoñeceu erros nin lles deu resposta aos interrogantes que lle expuxeron os portavoces dos grupos da oposición.

A propia ministra, na súa primeira intervención, incidiu varias veces en que o proxecto inicial foi de alta velocidade, pero que logo se cambiou a ancho de vía convencional en datas nas que aínda gobernaba o PSOE, aínda que a ministra coidouse en non dar nomes

O que se desencadeou a comparecencia de Pastor foi un cruzamento de datos acusatorios entre os portavoces do PP e PSOE sobre as datas nas que se aprobou, adxudicou e modificou o trazado do tren que descarrilou a poucos quilómetros da estación de Santiago. Datos que son importantes para atribuír posibles responsabilidades políticas sobre a traxedia.

A propia ministra, na súa primeira intervención, incidiu varias veces en que o proxecto inicial foi de alta velocidade, pero que logo se cambiou a ancho de vía convencional en datas nas que aínda gobernaba o PSOE, aínda que a ministra coidouse en non dar nomes. “A planificación foi feita por diversos gobernos”, engadiu Ana Pastor na súa réplica, que, ao non estar xa escrita, adoeceu de certa fluidez e na que non entrou a contestar ningunha das numerosas preguntas que lle fixeron momentos antes os portavoces dos grupos parlamentarios.

Ana Pastor recoñeceu que había "algunhas interacións" entre o ERTMS e o ASFA e "os técnicos decidiron que mentres non se solucionase había que recorrer ao ASFA"

Unha réplica na que se tan só achegou un dato: recoñeceu que había "algunhas interacións" entre o ERTMS e o ASFA e "os técnicos decidiron que mentres non se solucionase había que recorrer ao ASFA". “Eu só quero que se saiba a verdade, e iso só o poden dicir quen investigan o accidente”, dixo a ministra.

 

A oposición segue reclamando “responsabilidades políticas”

Na súa intervención, a deputada do BNG Rosana Pérez insistiu en que houbo “présa por culpar ao maquinista” e en deixar claro que o tramo onde se produciu o accidente non era de Alta Velocidade, cando nun principio se “vendeu” como tal. A deputada galega sacou a colación o caso do Prestige para pedir á ministra que non ocorra como entón, cando 10 anos despois da vertedura do fuel non se esclareceu o suceso nin se puxeron medidas para que non volva ocorrer un caso similar. “Hoxe máis que nunca, nunca mais”, dixo Pérez como colofón á súa intervención. Rosana Pérez criticou que a oficina de atención de afectados se instalase en Madrid "a pesar de que a maioría dos afectados son galegos" e concluiu que "o Estado trata a Galicia como menor de idade".

Rosana Pérez concluiu que "o Estado trata a Galicia como menor de idade"

Para Pérez, "había déficits e complicacións nese trazado e nas medidas de seguridade" do tren e destacou que alguén tomaba as decisións e estes non eran "os técnicos", senón que estes "asesoraban a toma de decisións de outros". Para o BNG a comisión de investigación debería "dilucidar as responsabilidades políticas se é que existen. Non sabemos en que nivel, pero cremos que si existen", sinalou.

Rafael Simancas non quixo deixar pasar a oportunidade de “puntualizar” algúns dos datos achegados por Pastor e lembrou que os técnicos que aprobaron o trazado en 2011 “aínda que a súa autorización a datou definitivamente en 2012” son os mesmos que están a traballar agora para Fomento, e que non puxeron ningunha obxección ás decisións que se tomaron entón.  Simancas volveu negar que houbese présa para inaugurar o tramo da liña: “non hai aforro nin présa que pase pola seguridade, nin agora nin antes”, dixo. Ao igual que o xoves, Laura Seara (PSdeG-PSOE), informou de que o PSOE vai apoiar a creación da comisión parlamentaria de investigación que propoñen BNG e a Esquerda Plural.

Ascensión de las Heras, portavoz da Esquerda Plural, denunciou que “PP e PSOE fan piña para evitar a súa responsabilidade"

Ascensión de las Heras, portavoz da Esquerda Plural, denunciou que “PP e PSOE fan piña para evitar a súa responsabilidade”. A deputada considerou que “hai responsabilidades” e depositounas de momento no presidente de Adif, Gonzalo Ferre, cuxa dimisión cre que está “máis que xustificada”. A deputada adiantou que cando se teñan máis datos da auditoría e da comisión interna que puxo en marcha Fomento, o seu grupo volverá pedir a súa comparecencia de Pastor para liquidar se debe de asumir “responsabilidades políticas”.

Pola súa banda, AGE, a través dun comunicado, considera "cada vez máis evidente a responsabilidades políticas no accidente ferroviario de Angrois" e denuncia que Ana Pastor "eludíu falar de cuestións clave como sinalar os responsábeis de que neste tramo a seguridade dependera só do acerto humano sen ter instalado previamente sistemas de seguridade de respaldo". E sinala que entre as 20 medidas anunciadas pola ministra "non están cuestións chave coma  o cambio do ancho de vía e a implantación das medidas de seguridade previstas no proxecto inicial".

O que quedou patente durante o debate é que as 20 medidas anunciadas por Pastor non chegaron aos portavoces. Algunhas delas suscitaron críticas por parte dalgúns deputados da oposición porque aínda que as cren acertadas, demostran que “chegan tarde” e tamén que poden derivarse “responsabilidade” por non tomarse antes.

A ministra de Fomento, Ana Pastor, na súa comparecencia en comisión para falar do accidente © Congreso
A deputada do BNG Rosana Pérez, na comisión de Fomento Dominio Público Congreso

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.