O ministro dimite horas despois de aprobar novas medidas de seguridade e tras unha comparecencia na que PP e Vox o acusaron xunto a Sánchez de "amañar contratos e contratar Koldos" e "prostitutas de Ábalos"
Tras máis de catro horas de intervención, no remate da súa comparecencia no Congreso dos Deputados, o ministro de Transportes, Óscar Puente, anunciou este martes a súa dimisión dese cargo e como cabeza de lista ao Congreso do PSOE por Valladolid ao 29N. Faino seis días despois do accidente de tren de Urda que deixou 69 mortes e explicando que con dous accidentes mortais de tal relevancia nun ano, sumando o de Adamuz do pasado xaneiro con 46 falecementos, un ministro non pode seguir no cargo. "Non é certo que todos os políticos sexamos iguais", sentenciou.
Puente dimitiu tras dar as súas explicacións no Congreso e logo de que previamente, pola mañá, o Consello de Ministros aprobase diversas medidas de seguridade ferroviaria. Na rolda de prensa posterior a esa reunión o propio Puente, preguntado pola súa posible dimisión, dixera que se sentía apoiado polo resto de ministros e ministras, tamén polos de Sumar.
A comparecencia este martes de Puente no Congreso comezou tras un minuto de silencio polos 69 falecementos. O ministro fixo un relato cronolóxico do sucedido no accidente, incluída a autorización do centro de control de Adif ao tren de Renfe que acabou chocando co de Iryo para circular "a velocidade moi, moi superior á máxima permitida con circunstancias como as que había". Segundo dixo Puente, a liña Madrid-Sevilla "non é unha infraestrutura abandonada nin esquecida" senón que está a ser renovada por completo, gasto que precisou que se computa como investimento, "non como mantemento", para matizar así informacións das últimas xornadas sobre supostas caídas no gasto en matemento.
Sobre o centro de control de Atocha, Puente detallou que en 2012 o seu cadro de persoal era de 70 persoas, a finais de 2018 era de 87 persoas e na actualidade de 133, tras chegar a "un pico de 140" do que se baixou nos últimos meses "por xubilacións".
O ministro tamén detallou no Congreso as medidas aprobadas na mañá deste mesmo martes polo Consello de Ministros en relación co accidente, tanto de axudas para as vítimas como de mellora da seguridade ferroviaria. Medidas normativas pero tamén que requirirán máis gasto público, desde o reforzo dos protocolos dos centros de control de Adif, con máis supervisións tanto humanas como automáticas das ordes que dan aos maquinistas, ata melloras das condicións laborais e do factor humano ou a mellora tecnolóxica dos sistemas tanto nos centros de control como na liña Madrid-Sevilla. Sobre este punto, no que se espera completar a "comezos de 2027" a mudanza do actual sistema LZB polo ERTMS existente no resto de liñas de alta velocidade, Puente lembrou que en Angrois completar ese ERTMS demorouse dez anos despois do accidente de 2013.
Foi nas quendas de intervención dos grupos políticos cando PP e Vox elevaron o ton. "Que ben se lle dá explicar como morre a xente nos trens e que mal evitalos", comezou a portavoz parlamentaria do PP, Ester Muñoz, que atribuíu o sucedido a "decisións políticas" do Goberno de España. Muñoz acusou directamente ao presidente Pedro Sánchez e ao ministro Puente de estar máis preocupados por "amañar contratos e contratar Koldos" que por gobernar. Na súa segunda e derradeira ntervención Muñoz reiteraría a Puente que "xa perdemos demasiadas vidas pola súa responsabilidade".
Tras o PP foi a portavoz de Vox, Pepa Millán, a que proseguiu por esa liña argumental preguntándose por que non se investiu en seguridade. "O diñeiro está nos contratos que lles facían ás prostitutas de Ábalos", dixo. "Vostedes non teñen humanidade, corazón, principios nin finais", sentenciou Millán antes de marchar da sala tras a súa primeira e única intervención co resto de deputados de Vox sen atender xa ao resto do debate.
Tamén moi críticos coa xestión de Puente, ata o punto de pedir igualmente a súa dimisión pero sen expresións de tal calibre, amosáronse grupos de esquerda como Sumar ou Podemos. Porén, horas antes este mesmo martes, Puente, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, dixo sentirse apoiado polos seus compañeiros ministros e ministras, tamén polos de Sumar.
ERC foi igual de crítica, pero sen chegar a verbalizar a petición de dimisión senón limitándose a preguntar "que pediríamos se fose un ministro do PP". Mentres que EH Bildu foi máis moderada, sinalando que igual que non se pode facer responsable do accidente a un traballador, tampouco vai facer responsable ao ministro ata que remate a investigación, pero igualmente pedindo unha reformulación completa da política ferroviaria. "A mellor resposta non é unha dimisión convertida nun acto simbólico" senón que se coñeza a verdade e se corrixan eivas, dixo a deputada vasca Mertxe Aizpurua.
Si pediu a dimisión expresamente o PNV, que rexeitou falar de "Estado falido" porque tras o accidente funcionaron todos os mecanismos de auxilio, pero incidindo en que antes non se fixo o suficiente. "Hai que asumir señor ministro a responsabilidade", dixo Mikel Legarda.
O BNG salienta o paralelismo co accidente de Angrois, no que "o desencadeante non foi un erro humano", e pide unha investigación independente fronte ao "pacto de silencio" que houbo en Santiago
Polo BNG o seu deputado, Néstor Rego, lembrou as similitudes do accidente de Urda co de Angrois, do que salientou que "o desencadeante non foi un erro humano". Nesa liña, pediu "unha investigación independente e a fondo, a que non houbo en Angrois". Sobre as peticións de dimisión a Puente por parte doutros grupos, que considerou lícitas, o nacionalista lembrou que "despois de Angrois non houbo dimisións, o que houbo foi premiar a ministra responsable [en referencia á popular Ana Pastor] coa presidencia do Congreso". Tamén lembrou que "Feijóo vetou a comisión de investigación" política do accidente de Santiago e atribuíuno a "un pacto de silencio para tapar responsabilidades compartidas entre José Blanco e Ana Pastor".
"Non é certo que todos os políticos sexamos iguais", di Puente, que asegura que a decisión de dimitir tomouna "os primeiros minutos tras a traxedia"
Foi no remate da súa terceira e derradeira intervención, tras máis de catro horas de comparecencia, cando Puente anunciou a súa dimisión. "Un ministro de Transportes dun país como España non pode continuar no seu cargo tras dous accidentes en menos dun ano", dixo. "Non é certo que todos os políticos sexamos iguais", engadiu, asegurando que a decisión sobre o seu futuro tomouna "os primeiros minutos tras a traxedia".