Tras empregar Renfe máis de dous anos en reparar a bordo dos Alvia o sistema ERTMS de control da velocidade, Adif actívao tamén nas vías máis de once anos despois da súa inauguración
Desde poucos días despois do accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, no que morreron 80 persoas, ningún tren pode volver descarrilar nesa curva porque un maquinista se despiste e non free a tempo, como ocorreu aquel día. Tras o sinistro instaláronse balizas do sistema de control puntual da velocidade ASFA, estendido por toda a rede ferroviaria, pero aínda agora comeza Adif a activar nas vías o sistema de control constante propio da alta velocidade, o ERTMS, que remataba uns quilómetros antes da curva e que ademais estaba desconectado a bordo dos Alvia cando o accidente.
Se no seu momento Renfe tardou máis de dous anos en reparar o ERTMS nos seus trens, agora Adif vén de empregar unha década para habilitar os equipos na curva de Angrois, por cuxas carencias de seguridade está acusado no xuízo polo accidente, xunto co maquinista, un ex-cargo desa empresa pública.
A liña de alta velocidade Ourense-Santiago foi inaugurada en decembro de 2011 como un treito illado, o que levou a Adif a adoptar unha configuración das vías na que o ERTMS remataba uns quilómetros antes da curva de Angrois, onde unha bifurcación permite enlazar co Eixo Atlántico de alta velocidade entre A Coruña e Vigo. Adif esgrimiu diversos argumentos técnicos para adiar a instalación do ERTMS nese punto de enlace ata o remate de todo o Eixo Atlántico para facilitar así a circulación cun mesmo sistema nas dúas liñas. Pero o Eixo Atlántico inaugurouse en 2015, e Adif tampouco foi quen de cumprir as promesas de prazos ofrecidas tras o accidente.
Pola falta de seguridade da curva de Angrois está acusado un ex-cargo de Adif, que autorizou a posta en servizo da liña sen o ERTMS e despois a desconexión do sistema a bordo dos Alvia
Segundo declararon no xuízo diversos expertos e peritos, o ERTMS podía chegar máis adiante da curva de Angrois, ou Adif podía instalar a cambio outra sinalización convencional que protexese igualmente a velocidade ao paso por ese punto, pero non se fixo, polo que está acusado o daquela director de Seguridade na Circulación da empresa pública, Andrés Cortabitarte. Porén, aínda que non houbese ERTMS nas vías en Angrois, no punto no que remataba uns quilómetros antes alertaría igualmente aos maquinista da proximidade do final da liña e mesmo frearía o tren. Pero o ERTMS tamén estaba desconectado a bordo cunha autorización do propio Cortabitarte a Renfe.
O ERTMS desconectouse nos Alvia en xuño de 2012 porque a veces daba fallos noutro punto da liña, aínda que varios expertos dixeron que non afectaban á seguridade senón que precisamente a garantían aínda máis. Pero Renfe non foi quen de reparalo e volvelo conectar neses trens ata agosto de 2014, máis de dous anos máis tarde, e un ano despois do accidente.
Adif ligou o ERTMS de Angrois co Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, pero esta liña inaugurouse en 2015 e tamén estivo ata o de agora sen ese sistema
Tras o sinistro, e despois de vincular a instalación do ERTMS en Angrois con que tamén o Eixo Atlántico tivese o mesmo sistema para así facilitar a operatividade dos trens, o daquela Ministerio de Fomento prometeu que a finais de 2014 a liña entre A Coruña e Vigo entraría en servizo por completo coa máxima protección. A inauguración do Eixo Atlántico foi finalmente en marzo de 2015, pero sen o ERTMS, e con novas promesas de que o sistema estaría en 2017, xa que había dificultades técnicas. E esas dificultades, froito da necesidade de facer compatibles tecnoloxías de diversos provedores e de enlazar dúas liñas xa en servizo polas que circulan trens de moi diversas características, veñen de prolongarse ata agora.
Así que será aínda agora, once anos e medio despois da inauguración da liña Ourense-Santiago, dez anos despois do accidente de Angrois e sete anos despois do remate do Eixo Atlántico cando esas dúas liñas conten finalmente con ERTMS. Tras o accidente nas dúas liñas -e noutras moitas en todo o Estado- xa se instalara sinalización convencional ASFA reforzada con balizas específicas para protexer reducións bruscas de velocidade como a que requiría a curva de Angrois. Pero agora o ERTMS fará que a supervisión da velocidade dos trens sexa constante.
A activación do sistema levou a Renfe a habilitar transportes alternativos entre o sábado 22 e o luns 24 de abril tanto na liña Ourense-Santiago como en varios servizos de longa distancia que poden consultarse nesta ligazón.