A vella liña Ourense-Santiago requiría frear de 110 a 105 quilómetros por hora e facíao con sinalización na vía, pero a nova obrigaba a pasar de 200 a 80 sen nada que protexese dun erro humano
O xuízo polo accidente de Angrois deixou este martes a comparecencia dun perito experto maquinista designado polo avogado do condutor do Alvia accidentado. Ángel Luis Sanz Cubero, con máis de 40 anos de experiencia, asesor de Renfe e examinador de maquinistas, evidenciou na súa declaración como a vella liña Ourense-Santiago que xusto en Angrois enlaza coa de alta velocidade tiña protexida esa curva mellor que a de altas prestacións, na que non había nada que evitase un erro humano como o acontecido o 24 de xullo de 2013, cando o maquinista non freou a tempo despistado por unha chamada do interventor do tren. Por esa insuficiente sinalización está acusado polas 80 mortes e máis de 140 persoas feridas tamén un ex-director de Seguridade de Adif.
Sanz Cubero foi o primeiro perito que durante a instrución do caso, en 2014, plasmou diversos erros na sinalización existente en Angrois que acabaron admitindo Adif e Renfe, aínda que argumentando que non foran causa do accidente.
Este martes, a preguntas do avogado do maquinista, o perito recuperou a sinalización e os cadros de velocidade que había na vella liña convencional Ourense-Santiago que xusto antes de Angrois comeza a circular en paralelo da nova liña de alta velocidade. No treito previo, lembrou, os trens debían circular a 110 quilómetros por hora, e xusto na curva de Angrois debían frear a 105, para o que había sinais nas vías. Pola contra, na liña de alta velocidade que nese punto discorre paralela non había ningunha sinalización nas vías que axudase ao maquinista a frear de 200 a 80 en ausencia do sistema de control constante da velocidade, o ERTMS propio da alta velocidade que estaba desconectado a bordo dos Alvia desde un ano antes do accidente.
O experto di que o ocorrido supuxo "espir de seguridade" a curva de Angrois e que se incumpriu a normativa que obrigaba a graduar as reducións de velocidade
“Unha redución de 5 quilómetros por hora estaba sinalizada na vía con sinais de limitación permanente de velocidade”, salientou o perito, fronte á ausencia de sinais similares na liña de alta velocidade que Adif vén defendendo como algo conforme á normativa. Esa diferenza, dixo o experto, supuxo “espir de seguridade” a curva de Angrois.
Sanz Cubero tamén criticou que "nas liñas nas que se vai a máis de 160 por hora a velocidade ten que estar graduada" e que a normativa así o requiría, fronte a tese de Adif de que non había ningunha obriga de protexer mellor esas situacións.
O perito tamén confirmou, como xa dixeron outros expertos antes, que co ERTMS conectado o accidente non se produciría porque obrigaría ao maquinista a actuar sobre o tren ou este frearía. E coincidiu en que os fallos que rexistraba o ERTMS non afectaban á seguridade, polo que considera inxustificada a desconexión do sistema a bordo dos Alvia que autorizou un ano antes do accidente o cargo de Adif agora acusado.
O experto foi duramente cuestionado pola Avogacía do Estado que defende a Adif, pero mantívose na súas teses e cuestionou que, ante a alerta sobre o risco de Angrois que detectou un maquinista xefe, se concluíse que a situación era conforme á normativa e só se decidise intensificar a formación dos condutores. “Someteuse aos maquinistas a isto e o aceptaron como unha situación diaria de ‘lembrádevos de...’”, dixo.
A deste martes foi a penúltima declaración da parte penal do xuízo polo accidente de Angrois, que rematará este mércores coa dunha última perita designada polo avogado do maquinista, unha psicóloga experta en factor humano, Pilar Calvo. A próxima semana, no que se vén denominando como parte civil do xuízo, que se estenderá ata xuño, comezarán a declarar as vítimas para determinar as indemnizacións a que ten dereito cada unha.
Os peritos do maquinista son os últimos da parte penal do xuízo, antes de que comparezan as vítimas a partir do 14 de febreiro e ata xuño
As declaracións dos peritos de parte destes días chegan tras as comparecencias dos tres peritos xudiciais supostamente independentes, dous dos cales apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsible que cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.