Un subordinado do cargo de Adif acusado di que era correcto deixar “en mans dun maquinista o control da velocidade”, ao que o fiscal replica que “o profesional pode fallar, ese é o problema”
Na curva de Angrois, onde o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, “asumíase que a seguridade estaba suficientemente controlada deixando en mans dun maquinista o control da velocidade”. Así o declarou este xoves no xuízo polo accidente quen daquela era xerente de Seguridade na Circulación de Adif para o noroeste peninsular, Fernando Rebón Sartal, subordinado do director de Seguridade de Adif a nivel estatal, Andrés Cortabitarte, acusado do sinistro ao mesmo nivel que o maquinista.
Na súa declaración, con longas disertacións nas que reproduciu as principais argumentacións que Adif vén mantendo desde o accidente, Rebón Sartal incidiu en que en Angrois “controlábase o risco igual que no resto da rede”, deixando o control da velocidade en mans dos maquinistas, aos que presentou como profesionais capacitados. Porén, o fiscal, Mario Piñeiro, retrucoulle: “O profesional pode fallar, ese é o tema, o problema é cando fallan”, dixo, en referencia ao despiste que sufriu o maquinista acusado ao recibir unha chamada do interventor que lle impediu frear a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese alí ningún sistema automático que o evitase, como si hai noutros puntos da rede ferroviaria, ao contrario do que dixo o comparecente. Só ao final da súa declaración de tres horas o comparecente acabou recoñecendo que o que daquela se podía considerar aceptable, tras un accidente así resulta replanteado por completo.
Fernando Rebón Sartal dixo que se lle chegase a advertencia que fixo un maquinista xefe sobre o risco de Angrois probablemente concluiría que "cumpría a normativa" e non faría nada máis
O técnico de Adif incidiu en todo momento en presentar ao maquinista como alguén “fóra da realidade” e mesmo criticou que o maquinista xefe que advertira do risco que había en Angrois, sen que se fixese nada, non o transmitiu no foro adecuado se consideraba que había tanto perigo. Porén, cando foi preguntado sobre o que faría el mesmo se lle chegase esa advertencia, dixo que probablemente concluiría que a situación “cumpría a normativa” e non faría nada máis xa que o control da velocidade debía depender dos maquinistas.
Como nas súas declaracións durante a instrución, na que estivo imputado, o comparecente este xoves dixo que el non tiña competencias no deseño da sinalización e os sistemas de seguridade que había en Angrois senón que só supervisaba posteriormente o funcionamento correcto do que se instalara. Aínda así, xustificou que o instalado era correcto aínda que non podía evitar un erro humano previsible como o que ocorreu.
Rebón Sartal chegou a dicir que aínda que se instalase outra sinalización, “nas condicións en que circulaba ese maquinista, creo que serviría de pouco”. Nada dixo de que unha sinalización adicional con balizas automáticas podía frear o tren aínda que o maquinista non o fixese.
A avogada do Estado que defende a Adif preguntoulle se considera que a liña tiña “suficientes elementos” para axudar a un maquinista a saber en que punto se atopaba en cada momento para así frear a tempo antes da curva de Angrois. “Entendo que si, claro”, respondeu, malia que o que ocorreu no accidente foi que nada puido recuperar o maquinista do despiste que lle provocara a chamada telefónica.
Pola súa banda, o avogado da aseguradora de Renfe salientou que o comparecente e o resto de inspectores de Adif tiñan entre as súas competencias “sensibilizar e asesorar aos maquinistas” para “reducir o risco de fallo humano”, o que o técnico dixo que facían nas súas viaxes de inspección a bordo dos trens cando detectaban que algún maquinista facía algo mal, pero sen que houbese máis instrumentos a nivel previo para detectar os riscos de erro humano.