Varios condutores declararon xa que nada podían facer ante a resposta de que todo era correcto que recibira o seu xefe tras advertir da situación, pero a maxistrada repróchalles que “levan a centos de persoas”
Tras varias declaracións similares de diversos maquinistas ao longo das últimas xornadas, este martes a xuíza encargada de xulgar o accidente de Angrois, María Elena Fernández Currás, reprochou a un deles que non denunciasen máis ou mellor o risco de accidente que había na curva de Angrois, por cuxas eivas de seguridade está acusado na causa tamén o ex-director de Seguridade na Circulacion de Adif, Andrés Cortabitarte, ademais do condutor do Alvia sinistrado. Foi nunha sesión na que tamén o fiscal foi especialmente agresivo e na que a maxistrada fixo todo tipo de comentarios valorativos, como “eu ía moi segura no tren, pero...” ou “se un leva un autobús, despístase e colle unha rotonda será responsabilidade do condutor, digo eu”.
Durante as últimas xornadas declararon no xuízo polo accidente varios condutores, entre eles o maquinista xefe José Ramón Iglesias Mazaira, que alertou por escrito aos seus superiores en Renfe do risco que había en Angrois dun accidente como o que ocorreu. A resposta que lle deron foi que normativamente estaba todo correcto, polo que non se mellorou a seguridade. E ante esa resposta, outros maquinistas que tamén declararon nos últimos días dixeron que eles xa non fixeron nada máis e “conviviron” co risco porque entenderon que non ían conseguir nada máis que a resposta que xa obtivera o seu xefe.
Este martes outro maquinista máis, Manuel Mato, declarou en similar sentido que os seus compañeiros, pero fiscal e xuíza foron desta volta máis agresivos. A maxistrada, que adoita permanecer calada durante os interrogatorios das diversas partes, interrompeu desta volta a declaración do maquinista a preguntas do fiscal en varias ocasións con diversos comentarios.
Ante a resposta do condutor de que el e os seus compañeiros sabían do risco da curva -"había que atarse os machos" ante ela, dixo-, a maxistrada preguntou se “iso todo non o puxeron de relevo en ningún momento porque lles valeu que a Mazaira, informalmente porque non consta en ningún correo, se lle dixo que estaba todo ben”. O condutor respondeu dubidando “que teñamos que ser os maquinistas os que lles digamos [a Adif] onde poñer os sinais”, ante o que a xuíza retrucou de xeito inmediato: “Pois alguén ten que ser, porque levan a centos de persoas”.
"Eu ía moi segura no tren, pero...", deixou no aire a xuíza ante a declaración dun maquinista de que cada condutor aplicaba algunhas normas de circulación de xeito flexible porque estas non eran máis concretas
A maxistrada tamén interveu cando o fiscal preguntaba ao maquinista sobre a súa obriga de atender en todo momento ao punto da liña polo que circulan e non despistarse, como lle ocorreu ao compañeiro sinistrado co Alvia tras recibir unha chamada do interventor do tren. O comparecente tentaba xustificar o despiste do seu compañeiro cando a xuíza dixo que “se un leva un autobús, despístase e colle unha rotonda, será responsabilidade do condutor, digo eu”. E nesa mesma liña, cando a testemuña dicía que a chamada, que o maquinista tiña a obriga de coller, o desubicara, a xuíza dixo que “un desubícase porque colle unha chamada, iso non é nada? para vostede é irrelevante?”
“Eu ía moi segura no tren, pero...”, deixou no aire a xuíza noutra das súas interrupcións cando máis agresivo estaba sendo o fiscal co comparecente ante as súas declaracións de que cada condutor aplicaba algunhas normas de circulación de xeito flexible porque estas non eran máis concretas.
O formador do maquinista sinistrado confirmou que este non recibiu ningunha advertencia específica sobre o risco que había en Angrois
Durante sesións previas, aínda que en moito menor grao que este martes, a maxistrada fixera outros comentarios en sentido contrario, apuntando á responsabilidade de Adif en lugar de á do maquinista. Así, cando se debateu sobre se os maquinistas tiñan ou non un punto de referencia para frear antes da curva de Angrois, a xuíza xa comentara que “o problema é non velo e que non haxa nada máis que free o tren”.
Outro dos comparecentes deste martes foi Abel Fortes, maquinista xefe que formou ao sinistrado en Angrois, Francisco José Garzón, sobre a liña Ourense-Santiago. Na súa declaración confirmou que o condutor acusado non recibiu formación específica do risco que había na curva xa que esta se impartiu antes de abrirse a liña e daquela só se podía circular pola vía esquerda en sentido Santiago, que tiña unha configuración da sinalización máis segura que na vía dereita na que despois descarrilou. Cando o maquinista xefe Iglesias Mazaira detectou e alertou do risco, Garzón non recibiu ningunha alerta expresa a maiores.
A Fortes, como a Mato, o fiscal tamén o inquiriu sobre por que non alertaron máis ou mellor do risco cando el mesmo foi consciente del. A resposta de Fortes, como a do resto de maquinistas, foi que, malia que estaban “acostumados a que todo o que fosen reducións de velocidade estivesen sinaladas na vía”, xa sabían da resposta que recibira Mazaira de que a situación era correcta normativamente e entenderon que non podían facer nada máis.
E na mesma liña que os dous anteriores comparecentes pronunciouse este martes un terceiro maquinista, formador doutros condutores, Juan Carlos Cons, nunha sesión que se prolongou durante seis horas.
O regulamento ferroviario obriga a circular "á velocidade máxima" cando os trens circulan demorados, algo que ocorría sempre cos Alvia entre Ourense e Santiago tras a desconexión do sistema de seguridade ERTMS un ano antes
En sesións previas do xuízo tamén se insinuou por parte dalgúns avogados que o maquinista accidentado non tiña por que circular tan rápido como o facía, o que lle impediu frear a tempo de 200 a 80 quilómetros por hora antes da curva de Angrois. Porén, na sesión deste martes a defensa do condutor acusado amosou un artigo do Regulamento Xeral de Circulación ferroviaria (RGC) no que se indica expresamente que “se un tren circulara demorado, farao á velocidade máxima”. Inicialmente os trens Alvia tiñan que circular por esa liña a 220 quilómetros por hora, pero coa desconexión do sistema ERTMS a bordo un ano antes do accidente pasaron a facelo a un máximo de 200, polo que sempre circulaban con algo de demora e polo tanto tiña que ir á velocidade máxima.