As viaxes previas á habilitación de Garzón para a liña Ourense-Santiago fíxoas pola vía paralela á do accidente, máis segura, e non recibiu advertencias tras a alerta sobre a curva que outro maquinista lanzou ano e medio antes do accidente
“Perdón, non puiden evitalo”. Así rematou, entre saloucos, o maquinista do tren acusado polo accidente de Angrois, Francisco José Garzón, a súa declaración na segunda xornada do xuízo, que xa comezara tamén chorando. Foi cando o seu avogado, o único ao que contestou durante unha hora, lle preguntou pola súa actuación xusto tras o accidente, cando estaba ferido no interior da cabina e chamou ao control central de Atocha para alertar de que sospeitaba que había moitas vítimas.
Despois repúxose e confirmou as teses que foi defendendo o seu avogado a través das súas preguntas, cuestións xa coñecidas durante a instrución do caso. Como que a formación para ser habilitado para circular pola liña de alta velocidade Ourense-Santiago recibiuna de Renfe non na vía na que ocorreu o accidente, a vía 1, aínda en obras naquel momento, senón na paralela, a vía 2, que tiña unha sinalización lixeiramente distinta que a facía máis segura ante un despiste dun maquinista. Tamén confirmou que, despois de que outro maquinista alertase do risco que había en Angrois dun accidente por despiste como o que ocorreu, el non recibiu ningunha advertencia ao respecto.
O avogado do maquinista tamén puxo o foco en desmontar con diversas explicacións técnicas que o maquinista puidese ir despistado xa desde o comezo da viaxe desde Ourense antes de recibir a chamada do interventor do tren cando xa case estaba a chegar a Santiago, que foi a que efectivamente o despistou e evitou que frease a tempo. E sobre esa chamada declarou que tiña a obriga, segundo as normas internas de Renfe, de atendela e tamén a obriga de informar ao interventor de como podían baixar os pasaxeiros na estación pola que este lle preguntaba. Despistouse da conducción por cuestións propias do seu traballo, veu dicir.
O outro acusado adiou a súa declaración ata o próximo xoves "afectado" polo intento de agresión que sufriu este mércores polo pai dunha moza morta en Angrois
A estratexia do avogado consistiu en toda a declaración en salientar que ao seu ver Garzón cumpriu en todo momento o que lle ditaban as normas e que ía á velocidade á que estaba obrigado a ir sen que houbese ningún documento nin sinal na vía ou no tren que o obrigase a frear en ningún punto concreto antes da mesma curva de Angrois.
Tras a declaración de Garzón, cando lle tocaría declarar ao outro acusado, Andrés Cortabitarte, ex-cargo de Adif, o seu avogado dixo que o seu defendido non se atopaba en condicións de declarar este xoves "afectado polo que ocorreu onte", en relación ao intento de agresión que sufriu por parte do pai dunha moza morta en Angrois. A súa declaración quedou adiada ata o próximo xoves día 13.