- Vítimas de Angrois no Congreso: “Houbo unha cacería do Goberno ao maquinista”
- Renfe rexeita as críticas de vítimas de Angrois polo seu maltrato tras o accidente
- O interventor xustifica a chamada do despiste
Pedindo perdón ás vítimas. Así pretendía iniciar e finalizar este mércores a súa intervención na comisión de investigación no Congreso sobre o accidente de Angrois o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, na que foi a súa primeira comparecencia pública en cinco anos tras ser posto en liberdade polo xulgado uns días despois do sinistro imputado por 80 homicidios por imprudencia. Porén, moi emocionado, as bágoas impedíronlle ler a intervención que levaba escrita e tivo que facelo o secretario da comisión. Foi na quenda de preguntas, moitas das cales rexeitou contestar, cando o propio Garzón si puido verbalizar entre bágoas a maior das súas desculpas aos pasaxeiros: "Prefería ter morto eu a un deles se con iso se evitaba unha morte".
Francisco José Garzón, moi emocionado, tivo que ceder ao secretario da comisión a lectura da súa intervención, na que salienta que a tecnoloxía debía evitar o seu previsible erro humano, polo que está imputado
Acompañado do seu avogado, como ten dereito todo comparecente que estea imputado nunha causa xudicial, Garzón amosouse derrubado. Despois do accidente, estivo de baixa varios meses e foi posteriormente recolocado por Renfe nun posto nos talleres da empresa na Coruña, onde segue a vivir con discreción, pero sempre afectado polo sinistro do que foi protagonista, segundo salientan os seus amigos. Malia que na actualidade na causa xudicial hai outras seis persoas imputadas, na súa intervención escrita lida este mércores polo deputado galego de En Marea Antón Gómez-Reino como secretario da comisión, Garzón criticou que o Goberno o apuntase a el desde o primeiro momento tras o que considerou un "accidente anunciado" e salientou que a tecnoloxía debía evitar o seu previsible erro humano.
Garzón si puido verbalizar entre bágoas a maior das súas desculpas aos pasaxeiros: "Prefería ter morto eu a un deles se con iso se evitaba unha morte"
A intervención de Garzón no Congreso produciuse tras as comparecencias iniciais estes martes e mércores de varias vítimas, que criticaron o que denominaron “cacería do Goberno ao maquinista” para tentar esconder outras responsabilidades, que elevaron ata os ex-ministros José Blanco, Ana Pastor e Rafael Catalá. El, pola súa banda, amosoulles na súa intervención escrita “a miña solidariedade fraternal, e unha vez máis pídolles perdón e agradézolles profundamente a actitude e comprensión que demostran cada día cara á miña persoa, moitas grazas de todo corazón”.
No accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 Garzón despistouse tras recibir unha chamada do interventor do convoi e non freou a tempo antes da curva de Angrois. Nin nas vías nin no tren había activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase ese previsible erro humano. Nas vías o sistema de control constante da velocidade (ERTMS, o propio do AVE) recortárase en 2010 e a bordo dos Alvia desconectárase en 2012, decisións polas que están imputados, entre outros, os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares.
A chamada que fixo para avisar do accidente na que asume a responsabilidade pero da que se ocultou a parte na que di que xa avisara do risco da curva “foi filtrada á prensa en tan pouco tempo que só podía dispoñer da gravación Adif e o Ministerio de Fomento”
Malia esas reducións de seguridade, diversos cargos do Goberno popular do momento apuntaron de xeito inmediato cara ao maquinista. Como el mesmo lembrou este mércores, a súa chamada inmediatamente posterior ao accidente para avisar do mesmo ao centro de control “foi filtrada á prensa en tan pouco tempo que só podía dispoñer da gravación Adif e o Ministerio de Fomento”. Nela Garzón recoñece o seu despiste e responsabilidade directa no descarrilamento, pero tamén, e esa segunda parte tardou máis en coñecerse, engadía que el mesmo xa advertira “que un día ía pasar, que somos humanos e que xa llo dixera ao de seguridade”, segundo lembrou este mércores. A negativa dos grupos maioritarios este mércores a reproducir esa gravación nesta sesión da comisión provocou unha breve interrupción da sesión cando o deputado de ERC Gabriel Rufián empezou a reproducila co seu teléfono móbil.
O maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, emocionado durante a súa comparecencia no Congreso
Garzón criticou que tras o accidente se puxese como exemplo de que “me encantaba correr cos trens” unha fotografía do seu Facebook, que a propia Policía presentou no xulgado, cun velocímetro indicando 200 quilómetros por hora
Igualmente, Garzón criticou na súa intervención escrita que tras o accidente se puxese como suposto exemplo de que “me encantaba correr cos trens” unha fotografía do seu Facebook, que a propia Policía presentou no xulgado como proba, cun velocímetro indicando 200 quilómetros por hora que fora tirada meses antes, nunha viaxe de formación na que conducía outro maquinista. “Unha velocidade de 200 para un tren de alta velocidade é normal, como é normal 300 ou máis”, salientou. Son velocidades, dixo, ás que están obrigados a ir.
Tamén se referiu o maquinista ao seu traslado do hospital á comisaría de policía de Santiago tres días despois do sinistro porque “o ministro do Interior visitaba Santiago, e parece que era importante que na súa rolda de prensa puidera dicir que tiñan detido o maquinista” malia que el mesmo xa asumira a súa responsabilidade.
Garzón salientou que o seu despiste debeuse á chamada do interventor do tren que recibiu no seu teléfono corporativo, “e estaba obrigado a responder esa chamada”. Esa chamada telefónica provocoulle, dixo, unha “pérdida de consciencia situacional, non voluntaria, causada por unha das variadas tarefas profesionais propias dun maquinista”. Esa situación, engadiu, “é imprevisible para as persoas, pero deben ser previsibles para as organizacións”. “A tecnoloxía existente permite controlar eses riscos e evitar accidentes deste tipo”, engadiu máis adiante.
Risco previsible e previsto
O maquinista reiterou que, como recolle o seu expediente, ninguén reforzou a súa formación sobre a curva de Angrois despois de que outro condutor alertase un ano e medio antes do sinistro do risco que alí existía
Que o risco da curva de Angrois era previsible, como o propio Garzón dixo na súa chamada tras o sinistro, xa o evidenciara un ano e medio antes do accidente un maquinista xefe, que alertara por escrito de que nesa curva podía ocorrer un sinistro como o que sucedeu. “Tratouse de xustificar que as medidas adoptadas despois dese avisto foi incrementar a formación dos maquinistas”, lembrou Garzón. “Debo dicir que, polo menos no meu caso, iso non é certo”, engadiu, e lembrou que o seu expediente formativo por parte de Renfe non recolle nada ao respecto tras aquela advertencia.
A intervención escrita e lida por outro de Garzón rematou pedindo aos deputados “que vostedes determinen claramente as causas, mediatas, inmediatas e subxacentes do accidente, as vítimas meréceno, a seguridade do ferrocarril tamén, pois non pode estar baseada exclusivamente na actuación de humanos, e os profesionais non poden traballar arriscando a súa vida e a dos seus viaxeiros”.
Declaracións xa feitas ante o xuíz
Garzón rexeitou responder a varias preguntas dos grupos salientando que todo o que podía dicir sobre o sinistro xa llo comunicou ao xuíz instrutor nas varias ocasións en que declarou ante el
Na quenda de preguntas dos grupos, nas que recibiu diversas mostras de apoio persoal, Garzón deu respostas moi curtas salientando que todo o que podía dicir sobre o sinistro xa llo comunicou ao xuíz instrutor nas varias ocasións en que declarou ante el. Foi nesas respostas cando Garzón volveu pedir perdón aos pasaxeiros do tren: “Prefería ter morto eu a un deles se con iso se evitaba unha morte”. Noutro momento da súa intervención Garzón chegou a pedir “pasar desapercibido” lembrando que levaba “cinco anos de anonimato” e que con esta comparecencia deixaría de telo.
As vítimas e varios grupos non entenden que poden achegar o maquinista e o interventor a unha comisión que avalía as responsabilidades políticas
A comparecencia de Garzón produciuse a petición do PP, que segue a colocar nel toda a responsabilidade do sinistro e cuxo deputado Celso Delgado foi o que máis preguntas técnicas formulou este mércores tras asegurar ata o de agora que a investigación importante é a que se realiza no xulgado. As vítimas, pola contra, non entenden que poden achegar tanto el como o interventor do tren, citado polo PSOE, a unha comisión que avalía as responsabilidades políticas do sinistro. O mesmo expresaron este mércores varios grupos parlamentarios.
Antes do maquinista e o interventor, na mañá deste mércores compareceu tamén no Congreso a directora da oficina de atención a vítimas de Renfe, que rexeitou as críticas de afectados do sinistro polo seu maltrato tras o mesmo.