- O director de Renfe imputado por Angrois di que nin Adif nin os seus subordinados o avisaron do risco
- Varios técnicos de Ineco ratifican que Adif non lles pediu avaliar a curva de Angrois
“De non reducir previamente a velocidade nada se poderá facer xa”. Neses termos, describindo o accidente que acabaría ocorrendo o 24 de xullo de 2013, escribiu aos seus superiores en decembro de 2011, un ano e sete meses antes, un xefe de maquinistas de Ourense, José Ramón Iglesias Mazaira, alertando do risco que existía na curva de Angrois de que se producise un exceso de velocidade por despiste. O seu aviso por escrito chegou a polo menos dez técnicos intermedios de Renfe, pero algún nin o leu. Esa advertencia previa vén de ser posta de relevo novamente na instrución do caso por parte precisamente do máximo responsable da seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, quen na súa declaración como imputado no xulgado atribuíu a subordinados seus a responsabilidade de non tramitar esa “anomalía” polas vías regulamentarias.
“De non reducir previamente a velocidade nada se poderá facer xa”, advertira un maquinista un ano e sete meses antes do accidente
A liña de AVE Ourense-Santiago foi inaugurada polo daquela ministro de Fomento xa en funcións, o socialista José Blanco, o 10 de decembro de 2011. Aos poucos días, xa coa popular Ana Pastor á fronte do ministerio, Mazaira, xefe de maquinistas de Ourense, advertiu por escrito aos seus superiores de que a liña de AVE permite velocidades de 300 quilómetros por hora ata xusto a curva de Angrois, na que os trens non poden superar os 80, sen que existise ningún sistema de seguridade que frease de xeito automático se por erro non o facía o maquinista. O único sinal, só visual e non automático, que existía estaba situado ao inicio da propia curva “pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade nada se poderá facer xa”, dicía Mazaira sobre un posible despiste dun maquinista como o que tería o do Alvia sinistrado, Francisco José Garzón, imputado na causa xudicial.
Mazaira mesmo suxería implantar balizas que limitasen a velocidade como as que Adif só colocou tras o accidente
No seu escrito de advertencia, Mazaira suxería “a posibilidade de solicitar a implantación na vía de sinais de limitación permanente a 80Km/h. que poderían facilitar o cumprimento das velocidades máximas”. Eses sinais, con balizas que frean de xeito automático o tren se supera esa velocidade, só se implantaron no treito previo á curva de Angrois días despois do sinistro.
A advertencia por escrito de Mazaira chegou a polo menos dez técnicos intermedios de Renfe, algún dos cales nin a leu, segundo constatou posteriormente documentación interna de Renfe. O resultado final foi que Renfe non avisou a Adif, que era a responsable de mellorar a sinalización da vía, e un ano e medio despois acabou ocorrendo o accidente que predixera Mazaira.
Cando a comezos de 2014 varios daqueles técnicos de Renfe pasaron a declarar polo xulgado, ofreceron versións contraditorias e nunca quedou claro de ata onde chegou o aviso dentro da estrutura xerárquica da operadora ferroviaria. Este martes o director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, que xa estaba no cargo durante o Goberno do PSOE e segue na actualidade co PP, lembrou por iniciativa propia ante o xuíz aquela advertencia. Segundo dixo, el non chegou a ser coñecedor dela, porque do contrario avisaría a Adif para que mellorase a sinalización. Lanchares apuntou ao superior inmediato de Mazaira, José Luis Rodríguez Vilariño, como responsable, xunto co primeiro, de non transmitila pola vía adecuada para que fose analizada correctamente. Foi unha declaración na que Lanchares tamén desviou responsabilidades dicindo que Adif tampouco o advertira de ningún risco expreso na liña Ourense-Santiago.
Tras aparecer a advertencia de Mazaira sobre ese risco, a causa cambiou de instrutor e tanto o novo xuíz como a Audiencia deixaron de darlle importancia a esa cuestión ata que este martes a lembro o propio director de Renfe
No seu momento, cando o primeiro xuíz instrutor do caso imputou á cúpula directiva de Adif, a Audiencia Provincial da Coruña desimputouna argumentando, entre outras cuestións, que o accidente era imprevisible e que nunca ninguén alertara do risco da curva de Angrois. Porén, tras aparecer a advertencia de Mazaira sobre ese risco, a causa cambiou de instrutor e tanto o novo xuíz como a Audiencia deixaron de darlle importancia a esa cuestión e non seguiron indagando nela.
Unha alerta a de Mazaira que, por outra parte, transcendeu a comezos de 2014 grazas a indagacións do avogado do maquinista imputado e que Renfe ocultou ao xulgado durante mes e medio. Segundo admitiu no seu momento a empresa pública, a súa cúpula directiva non soubo da existencia dese aviso previo de Mazaira ata o 2 de decembro de 2013, catro meses despois do accidente. Porén, non llo comunicou ao xuíz ata que un mes e medio despois, a mediados de xaneiro de 2014, o avogado do maquinista logrou unha copia e revelou a súa existencia. Foi entón cando Renfe trasladou o escrito de Mazaira ao xuíz e argumentou que nese tempo estivera realizando unha investigación interna. Esa demora por parte da empresa pública foi vista polas vítimas como unha proba máis da falta de colaboración do Goberno coa xustiza para que se aclaren as responsabilidades do sinistro.