Vén de comezar en Santiago o xuízo polo accidente de Angrois, o descarrilamento do tren Alvia no que morreron 80 persoas e cento 145 resultaron feridas o 24 de dous mil trece, hai xa máis de nove anos. Nel hai dúas persoas acusadas, o maquinista do tren e un ex-xefe de seguridade do Adif, Francisco José Garzón e Andrés Cortabitarte. A ambos impútanlles 80 de homicidio por imprudencia grave profesional, 145 de lesións por imprudencia grave profesional e un delito de danos.
É un proceso moi grande: 154 acusacións que representan máis de catrocentas persoas prexudicadas, outras 53 prexudicadas cuxas acusacións se trasladan a través da Fiscalía, reclamacións de danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil por máis de 57 millóns... e un sumario xudicial que rolda as 50.000 páxinas.
En vésperas do xuízo, o accidente volveu á actualidade. Tamén o acontecido a noite daquel accidente e as horas posteriores, nas que xunto ao drama humano se desencadeou toda unha ofensiva política a prol da verdade oficial do acontecido: o maquinista despistouse, non freou a tempo por atender unha chamada do interventor do propio tren e esa foi a única causa. O accidente, ademais, dicían, non fora na alta velocidade. Nos nove anos seguintes fomos sabendo que aquela verdade oficial deixaba fóra moitas arestas do acontecido.
Neste episodio do podcast informativo de Praza.gal, conducido por David Lombao, aproveitamos o inicio do xuízo para ordenar feitos, refrescar datos e poñer contexto. Facémolo tras nove anos nos que levamos publicadas unhas trescentas informacións sobre cuestións técnicas, xudiciais e políticas do accidente. A maioría delas están asinadas polo noso compañeiro David Reinero, que é tamén o autor do libro Angrois. O AVE en anacos, editado en dous mil catorce pola Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, polo que recibiu o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo. Con el lembramos o sucedido en Angrois e as claves do xuízo que agora comeza.
Arte para facerse visible no espazo público
O xuízo polo accidente de Angrois vai ser na Cidade da Cultura e a ela volvemos neste mesmo episodio pero cun ton e un tema radicalmente diferentes. Facémolo no espazo de VINTE no Fálase, neste episodio da man de Ana G. Liste.
Achegámonos á Cidade da Cultura porque alí foi VINTE para coñecer o proxecto A Porta Aberta da artista Lúa Gándara, co que gañou a Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, no encontro de artistas novos que se desenvolve no propio Gaiás, e que converteu esas torres nun obradoiro artístico aberto ao público.
Ese proxecto desenvolveuse en setembro, pero xa estamos en outubro, que para as ilustradoras Thais Forján e Helena López é Tintubro e con VINTE coñecemos en que consiste. Ademais, repasamos unha manchea de contidos vinculados ao Reino de Galicia espallados polas redes sociais e múltiples webs, escoitamos a Grampoder nunha das Miudiño Sessións d'A Regueifa 2.0 e coñecemos Sete óperas primas na sección Supernova do Curtocircuíto de Santiago.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.