O 24 de xullo de 2013, un tren Alvia tivo un accidente en Angrois, en Santiago. Morreron 84 persoas e 145 resultaron feridas.Poucas horas despois, dende os gobernos da época afanáronse en sinalar un único responsable: o maquinista, por entrar na curva da Grandeira a máis velocidade da debida. Para reforzalo, filtráronse convenientemente unhas gravacións incompletas e mesmo unha captura descontextualizada do seu Facebook persoal do traballador.
Non pasaran nin vinte e catro horas e xa había construída toda unha verdade oficial que ía acompañada dunha advertencia. Quen cuestionase se a seguridade nese punto da liña de alta velocidade Santiago - Ourense era a correcta estaba a atacar á alta velocidade española.
Tras coñecerse a data na que comezará o xuízo polo accidente de Angrois, no Fálase refrescamos o contexto do sucedido, escoitamos as voces dos dous acusados e falamos con Jesús Domínguez, presidente da asociación de vítimas Alvia 04155
Algo máis de nove anos despois do accidente, o vindeiro 5 de outubro vai comezar o xuízo do caso Angrois. No banco dos acusados van sentar dúas persoas para responder dun sinistro sobre o que en Praza.gal sempre tivemos claro que había moito máis que contar. Nesa liña, neste duodécimo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, refrescamos feitos e voces sobre o acontecido coa axuda de David Reinero, xornalista de Praza e un dos informadores que coñecen máis polo miúdo as vertentes xurídica, técnica e política do sinistro.
Coa intención de darmos contexto para non perder memoria comezamos o episodio escoitando as voces dos dous procesados polo accidente: o maquinista, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación do Adif, Andrés Cortabitarte. A ambos impútanlles 80 delitos de homicidio por imprudencia e 145 de lesións.
Unha persoa que leva todos estes anos poñendo o foco na necesidade de que se saiba a verdade, que saian á luz todos os ángulos do accidente, é Jesús Domínguez, presidente da Asociación de Víctimas do Alvia 04155. Jesús viaxaba no Alvia a Galicia coa súa muller e as súas sobriñas desde Madrid, a cidade na que vive e con el falamos neste episodio do Fálase.
Ninguén da súa familia morreu, pero el quedou ferido, cunha perna esnaquizada que segue a darlle problemas nove anos despois. Neste tempo non se vitimizou, senón que tentou analizar racionalmente as situacións ás que se enfrontou, e iso suponlle ter na cabeza milleiros de datos das varias ducias de tomos que ocupa a investigación.
No Fálase preguntámoslle por como viviu a longa instrución xudicial e que espera dun proceso que, a xuízo deste colectivo, nace "coxo" pola ausencia dunha investigación técnica independente sobre o acontecido. Durante a entrevista, ademais, fai balance do trato que as vítimas veñen recibindo por parte dos diferentes gobernos e formacións políticas.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast, en Podgalego e, agora, tamén en Spotify.