Na súa proposta inicial a xuíza fixara o 20 de setembro como data de comezo, pero agora salienta que “a pesar da súa complexidade” o xuízo “carece de preferencia sobre outros sinalados con anterioridade”
As alegacións presentadas por tres letrados veñen de levar ao Xulgado do Penal número 2 de Santiago, encargado de xulgar o accidente de tren de Angrois ocorrido hai case nove anos, a aprazar o inicio do xuízo, previsto para o próximo 20 de setembro, ao 5 de outubro. Os tres avogados -representantes do cargo de Adif que está acusado xunto co maquinista, da plataforma de vítimas e dunha aseguradora- acreditaron a coincidencia de datas con outros xuízos que xa tiñan sinalados con anterioridade e, por iso, solicitaron a suspensión e cambio de sinalamento dalgunhas das sesións do calendario proposto polo xulgado de Santiago.
O pasado 11 de abril a maxistrada encargada de xulgar o caso emitiu un primeiro auto cunha proposta de organización temporal do xuízo que someteu a consultas ás partes implicadas. Agora, nun novo auto, admite as anteditas tres alegacións, muda a planificación previa e explica que, “a pesar da súa complexidade”, o xuízo polo accidente do Alvia “carece de preferencia sobre outros sinalados con anterioridade, de acordo co disposto no artigo 188.6 da Lei de Axuizamento Criminal”. Por tanto, segundo indica a xuíza na resolución, debe acceder á petición dos letrados solicitantes, “o que obriga a atrasar o inicio do xuízo ao 5 de outubro e a refacer o calendario” pero respectando “as datas respecto das que as demais partes non manifestaron obxección”.
O xuízo estenderase igualmente ata o verán do ano próximo, coincidindo co décimo aniversario do accidente, e os letrados poderán ausentarse cando non se traten cuestións do seu interese pero non poderán intervir por medios telemáticos
No auto, a xuíza fixa o calendario da vista oral, na que está prevista a intervención de máis de 700 testemuñas e peritos. O xuízo, segundo ese programa, comezará o mércores 5 de outubro, coa práctica das probas relativas á acción penal, centradas no maquinista e o cargo de Adif, que se desenvolverán ata o 3 de febreiro. Os testemuños relativos ás accións civís, centrados nos danos sufridos polas vítimas, iniciaranse o 14 de febreiro e prolongaranse ata mediados de xuño. Desde o 20 de xuño ata a súa finalización o xulgado reservou varios días para a práctica da proba documental, as conclusións e informes.
Por outra banda, no novo auto a xuíza tamén corrixe varios erros en nomes de persoas citadas no primeiro auto, substitúe a declaración dalgunha testemuña falecida “pola do seu herdeiro” e aclara diversas cuestións sobre o desenvolvemento dun xuízo tan longo, como a posibilidade de que os letrados se ausenten cando consideren que a cuestión que se está a tratar non ten relación coa súa parte. Ademais, a xuíza non permitirá “a comparecencia e intervención dos letrados por medios telemáticos dadas as dificultades técnicas que poden xurdir e que poderían impedir ou dilatar o adecuado desenvolvemento do xuízo”. “De forma que só excepcionalmente e por causas moi xustificadas, poderá accederse á intervención puntual dun concreto letrado por medios telemáticos”.