O 20 de setembro está previsto que comecen as sesións, coas cuestións previas e as declaracións dos dous acusados, o maquinista e un ex-directivo de Adif, e a sentenza non chegará ata unha década despois do sinistro
O xuízo polo accidente de Angrois que o 24 de xullo de 2013 custou a vida a 80 persoas e deixou outras 144 feridas comezará máis de nove anos despois do sinistro, o próximo 20 de setembro. Así o prevé a xuíza do penal que xulgará o caso nun auto avanzado este luns por Europa Press e confirmado polo servizo de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no que se propón que as comparecencias das testemuñas se prolonguen ata maio do próximo ano, tras o que se expoñerían a proba documental e as conclusións. A sentenza chegaría polo tanto unha década despois do accidente.
No banco dos acusados sentarán o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar correctamente o risco da liña de alta velocidade Ourense-Santiago e non habilitar medidas que evitasen ou paliasen o previsible erro humano.
Prevese a intervención de 494 testemuñas, 193 peritos e 21 testemuñas-peritos
A proposta de calendario que a maxistrada formula ás partes prevé que os tres primeiros días, entre o 20 e o 22 de setembro, se analicen as cuestións previas e se tome declaración aos acusados. Posteriormente chegarían as declaracións das testemuñas, numerosas nun caso con tantas persoas implicadas. En total, prevese a intervención de 494 testemuñas, 193 peritos e 21 testemuñas-peritos. Agora as partes terán cinco días para alegar e xustificar o que consideren, sen prexuízo de que durante o xuízo se poida acordar a modificación do calendario en función das necesidades.
A data de comezo do xuízo coñécese despois de que hai un mes a plataforma de vítimas do accidente cargase publicamente contra as sucesivas demoras que vén sufrindo o caso, o que considera un “despropósito” máis da administración de xustiza tras todo tipo de eivas previas durante a investigación do sinistro.
Nestes nove anos Adif e Renfe ocultaron ou demoraron a entrega de documentación e a xustiza cometeu diversos erros que ralentizaron a instrución
Para chegar a este punto o caso rexistrou todo tipo de atrasos e obstáculos nestes oito anos, nos que a pandemia da COVID foi só unha parte máis. Adif e Renfe ocultaron ou demoraron a entrega de documentación. Os peritos xudiciais tardaron medio ano en comezar a traballar tras o accidente porque dous deles foron substituídos pola Xunta por funcionarios seus sen experiencia previa, un dos cales plaxiaría parte da súa peritaxe. En 2014 cambiou o xuíz instrutor, en 2017 o fiscal do caso e en 2018 unha folga do persoal da Xustiza demorou declaracións. Nese mesmo ano o xulgado ademais trabucouse de enderezo e tardou un ano en conseguir un informe que a UE elaborara en só dous meses. Finalmente o instrutor deu por rematada a investigación en setembro de 2020 e a Audiencia Provincial da Coruña avalaría esa decisión en abril do pasado ano.
O pasado xullo, no auto co que se decretou a apertura de xuízo oral, recolléronse as acusacións que formularon as partes, entre elas a Fiscalía dous meses antes, que pediu catro anos de cadea para cada un dos acusados salientando que no caso de Cortabitarte “tiña que garantir que a liña era segura. Non o era”. Agora, outro ano máis tarde, por fin hai data para o xuízo.