En setembro de 2020, o xuíz instrutor do caso Angrois pechou a súa instrución por segunda vez. Na primeira ocasión situaba o maquinista do tren, Francisco José Garzón, como único acusado nunha conclusión que freara a Audiencia da Coruña. Desta volta propuxo que o condutor do tren sinistrado sexa xulgado ao mesmo nivel xunto con quen era xefe de seguridade na circulación o do Adif no momento do accidente, Andrés Cortabitarte. Ambos, acusados en similar grao de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 delitos de lesións, tantos como persoas feridas no descarrilamento do 24 de xullo de 2013.
O xuíz propuxo xulgar o maquinista e un ex-xefe de Adif como acusados, en grao similar, de 80 delitos de homicio por imprudencia grave profesional e 144 de lesións
Nesta ocasión, a Audiencia si avalou o peche da instrución por parte do xuíz, activándose así o proceso polo que todas as partes teñen que fixar posición antes da apertura de xuízo. Así o fixo a Fiscalía o pasado maio, pedindo catro anos de cadea para cada un dos acusados. E así o vén de facer tamén o maquinista que, a través do seu avogado, se opón á petición do Ministerio Público ao considerar que non cometeu delito ningún, senón que é "unha vítima máis" da falta de seguridade na liña ferroviaria Ourense-Santiago propiciada naquel tempo, subliña, polo Adif e mais por Renfe.
Nun escrito datado este 23 de setembro, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o representante legal do maquinista reitera, como xa fixera en 2018, que malia ao seu despiste nos instantes previos a transitar pola curva do descarrilamento "non é responsable do sinistro", senón "unha vítima máis" das dúas empresas públicas, a responsable da liña e a operadora do tren. Estas empresas "non controlaron os riscos que crearon e non os mitigaron" malia "teren a capacidade de eliminalos de raíz e de evitar o accidente".
"Cos sinais e as balizas instaladas despois do accidente, aínda que o maquinista fixese o mesmo, o sinistro non ocorrería", resalta o avogado no escrito no que responde ao da Fiscalía, que pide 4 anos de prisión para os dous acusados
A liña de alta velocidade Ourense-Santiago "non era segura" e o Adif, acusa, non "avaliou, analizou nin xestionou" o "risco intolerable do exceso de velocidade no tramo do accidente" nin o "previsible erro humano". Máis aínda, nesa liña "producíronse modificacións importantes" a respecto do deseño inicial e tampouco houbo avaliación ningunha do seu impacto. Neste contexto, acrecenta, "o risco incrementouse aínda máis" ata "ser decisivo" no accidente cando, en xuño de 2012, "se decide desconectar" o sistema de control constante da velocidade (ERTMS) que ía embarcado no Alvia "coa expresa autorización" de Cortabitarte.
Se o sistema ERTMS estivese funcionando en toda a liña ou se esa desconexión non se producise, resalta, non habería accidente en Angrois mesmo no caso dun erro humano. Do mesmo xeito, "cos sinais e as balizas instaladas despois do accidente, aínda que o maquinista fixese o mesmo, o sinistro non ocorrería" porque eses sistemas de seguridade "frearían o tren". Pero o certo é que aquel 24 de xullo, resalta, a vía "carecía" mesmo daqueles sinais e non tiña "ningunha medida de seguridade que evitase un exceso de velocidade" nun punto "crítico" como a curva da Grandeira, o cal tivo consecuencias "catastróficas".

Con estes e outros argumentos, o avogado do maquinista oponse á acusación e conclúe que o seu defendido non cometeu delito ningún, porque "non é responsable" da ausencia de medidas de seguridade que en orixe, subliña, foron causa do descarrilamento. Si concorda coa Fiscalía nas consideracións que esgrime para situar a Cortabitarte como responsable de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 delitos de lesións e subscribe as consideracións nas que o Ministerio Público advirte de que "o tráxico accidente non sucedería" se o acusado, dende o seu posto no Adif, "avaliase e xetionase o risco de exceso de velocidade no tramo do accidente". Solicita, ademais, a realización de novas probas sobre o acontecido.