O Congreso retoma a investigación de Angrois tras dous anos e medio parada e coa vista posta no xuízo inminente

Pleno do Congreso que aprobou retomar a comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois © Congreso de los Diputados

A iniciativa de BNG, ERC e Bildu para rematar a análise do sistema ferroviario atopou unha mudanza de postura do PP, que en anteriores ocasións votou en contra da comisión e desta volta optou por “non opoñerse” a que se rematen os traballos xa iniciados

Coa instrución penal do accidente de Angrois rematada e só pendente de que nos próximos meses se celebre o xuízo contra o maquinista do tren Alvia e un cargo de Adif, agora o Congreso vai reabrir a investigación política do sinistro que quedou interrompida a comezos de 2019 coa disolución das cámaras tras a convocatoria de eleccións xerais para abril dese ano. A iniciativa do BNG asinada tamén por ERC e Bildu saíu adiante este xoves grazas ao apoio do PSOE e Unidas Podemos e cunha mudanza de postura do PP, que en anteriores ocasións votou en contra da comisión e desta volta optou por “non opoñerse” a que se rematen os traballos xa iniciados, situándose na abstención.

Na exposición das posturas de cada grupo o deputado do BNG, Néstor Rego, puxo o foco en que a investigación política “sirva de impulso a unha verdadeira investigación técnica independente do accidente”, despois de que a UE puxera en dúbida a que no seu momento fixeron técnicos dependentes de Fomento apuntando en exclusiva ao maquinista e sen analizar outras posibles causas do sinistro. Rego dixo ser consciente “de que o ideal sería que a comisión política arrancase despois da comisión técnica independente, pero tememos que se non existe impulso político suficiente esa investigación non se chegue a producir. 

Néstor Rego defende na tribuna do Congreso a reapertura da comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, este 23 de setembro de 2021 CC-BY-NC-SA BNG

O deputado nacionalista tamén considerou necesario ampliar as pescudas realizadas pola comisión política durante o tempo que funcionou para analizar cuestións desveladas neste tempo na investigación penal que poderían ter relevancia política ou feitos como que Adif gastase 14.900 euros en “asesorar” os comparecentes naquelas sesións no Congreso, desvelado posteriormente en exclusiva por Praza.gal.

Co PSOE e Unidas Podemos mantendo a mesma postura favorable a retomar a investigación política que cando apoiaron a súa creación en 2018, a principal novidade do debate deste xoves, á espera de que a constitución efectiva da comisión nas próximas semanas estableza as súas características concretas, chegou do PP, que en anteriores ocasións votara en contra e desta volta se abstivo. O deputado popular ourensán Celso Delgado, que participou na comisión de investigación mentres funcionou, argumentou que a súa formación non se opón a que se poida rematar o traballo xa iniciado. Delgado pediu ter en conta nos novos traballos os “elementos de base importantes” que poidan saír do xuízo penal que se iniciará nos próximos meses e que a investigación política “non sexa un xuízo paralelo”, pero defendeu “aproveitar o traballo realizado”, que gabou como intenso e fondo, para emitir “conclusións e recomendacións”.

O medo de socialistas e populares a que a investigación política salpicase a Blanco e Pastor paralizou o seu inicio catro anos, ata que en 2017 o PSOE mudou de opinión

A investigación política do accidente máis alá das responsabilidades penais comezou a ser reclamada pola plataforma de vítimas do sinistro desde poucos meses despois deste. Malia que a propia plataforma asume que os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, no cargo respectivamente cando se deseñou o AVE Ourense-Santiago e se puxeron en servizo nel os trens Alvia, non son responsables directos do accidente, o medo de socialistas e populares a que unha investigación política os salpicase bloqueou durante catro anos esa posibilidade. A situación mudou a mediados de 2017, cando o PSOE mudou de opinión tras a volta de Pedro Sánchez á súa secretaría xeral e pasou a apoiar a investigación.

O ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista do Alvia, Francisco Garzón, nas súas comparencias no Congreso CC-BY-SA Praza Pública

As comparecencias na comisión de medio cento de persoas comezaron o 10 de xullo de 2018 coas vítimas e o maquinista do tren e remataron o 11 de febreiro cos ex-ministros Blanco e Pastor, poucos días antes de que se disolvese o Congreso sen que se chegasen a elaborar as conclusións da investigación. Nese punto é onde agora se retomarán os traballos, coa posibilidade de que se cite a algún novo comparecente ou se analice algunha derivada do pescudado neste tempo na investigación penal paralela. 

Ademais da investigación política que agora se retoma e a penal pendente só de xuízo, a UE vén reclamando ao Goberno de España unha nova análise técnica do sinistro tras invalidar a que se fixo poñendo o foco só no maquinista

Un proceso penal xa próximo ao seu remate que fai que agora a plataforma de vítimas non considere tan urxente a reanudación da investigación política. Convencidos de que o xuízo deixará patente as eivas de seguridade existentes en ADIF e na investigación técnica do sinistro que realizou Fomento e que apuntou só ao maquinista, os afectados prefiren agora que a sentenza penal achegue elementos á análise política do sinistro e poida obrigar ao Estado a realizar unha nova investigación técnica, como vén reclamando a UE. Tamén sinalan que igual que PSOE e Unidas Podemos apoiaron a reapertura da investigación política no Congreso, como partidos que sustentan ao Goberno deberan pedirlle a este que reabra igualmente a investigación técnica criticada desde Bruxelas por non pescudar todas as causas do sinistro. Polo momento, o reinicio da vertente política das pescudas sae adiante con 202 votos a prol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.