“Unha vez finalizadas todas as medidas que deben tomar os distintos axentes do sector ferroviario español, a Comisión estudará se as preocupacións planteadas no procedemento de infracción se abordaron adecuadamente”, di a comisaria de Transportes en resposta ao BNG
O 24 de xaneiro de 2019 a Comisión Europea informou de que viña de abrir un procedemento de infracción contra España polo seu posible incumprimento da normativa europea en materia ferroviaria, entre outras cuestións por “deficiencias no xeito en que o organismo nacional de investigación analiza e investiga os accidentes”. Case dous anos despois o procedemento segue aberto, segundo vén de responder a comisaria de Transportes, Adina Vălean, a unha pregunta da portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, na que indica que “unha vez finalizadas todas as medidas que deben tomar os distintos axentes do sector ferroviario español, a Comisión estudará se as preocupacións planteadas no procedemento de infracción se abordaron adecuadamente e se pode considerarse que España cumpre a lexislación da UE”.
Tras o accidente de Angrois de 2013, no que morreron 80 persoas, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), dependente de Fomento, concluíu en 2014 que a causa do sinistro fora o despiste do maquinista, que non freou a tempo antes da curva. Dous anos despois a Axencia Ferroviaria Europea considerou que aquela investigación non analizara, como obrigaba a lexislación europea, outras causas subxacentes máis alá do maquinista, e que a análise non fora independente por ser nomeados os membros da CIAF por Fomento.
O Goberno central reformou a CIAF para que agora sexa nomeada polo Congreso,o que fai que a UE xa si a considere independente, pero a propia CIAF segue negándose a realizar unha nova investigación de Angrois que cumpra as directrices europeas que estaban en vigor e analice causas subxacentes máis alá do maquinista. Unha negativa que se mantén malia a que a investigación penal paralela vén de propoñer xulgar tamén a un cargo de Adif por non paliar correctamente o risco que existía na curva de Angrois dun despiste como o que sufriu o condutor.
O foco xudicial sobre o cargo de Adif púxose despois do pronunciamento sobre o caso da Axencia Ferroviaria Europea, que tamén deu pé posteriormente á apertura do procedemento de infracción por parte da Comisión Europea. Un procedemento no que tamén se analiza como se realizan en España as avaliacións de riscos como a que o xulgado considera que non se fixo correctamente no caso de Angrois.
A UE leva máis de tres anos reclamando a España que volva investigar o accidente cos criterios que xa esixía a lexislación europea pero o Goberno central argumenta que os investigadores son independentes para decidilo e estes néganse
Malia que cando abriu a infracción a Comisión Europea salientou que non estaba vinculado con ningún accidente en concreto, a anterior comisaria de Transportes, Violeta Bulc, xa viña reclamando a España que reabrise a investigación técnica de Angrois e un ano despois da apertura do procedemento a nova comisaria, Adina Vălean, respondía a unha pregunta directa de Ana Miranda sobre o accidente de Santiago lembrando que “segue pendente” unha investigación independente dese sinistro. Agora, case outro ano máis tarde, e ante unha nova pregunta de Miranda -formulada a través dos eurodeputados de EH Bildu e Esquerra cos que o BNG comparte escano europeo- sobre o estado do procedemento de infracción, a comisaria remítese á súa anterior resposta sinalando que “a información facilitada” nela pola Comisión “continúa sendo válida”, engadindo que “as autoridades españolas informan periodicamente á Comisión sobre a aplicación do plan de acción” e que será “unha vez finalizadas todas as medidas” cando estude “ se pode considerarse que España cumpre a lexislación da UE”.
A investigación que no seu momento fixo a CIAF de Angrois, na que puxo o foco en exclusiva no maquinista, condicionou algunhas das primeiras peritaxes xudiciais na investigación penal. Tras os sucesivos pronunciamentos da Axencia Ferroviaria Europea descualificando aquela investigación da CIAF, as vítimas veñen reclamando sen éxito que se cumpra a normativa europea e se volva facer unha análise técnica independente do sinistro, algo que o Goberno central deixa en mans da CIAF por considerala agora xa independente pero que esta se vén negando a facer.
As vítimas tamén reclaman que se realice esa nova investigación técnica independente antes de retomar os traballos finais da comisión de investigación política que quedou sen pechar a comezos do pasado ano tras disolverse o Congreso cando se convocaron eleccións xerais.