Violeta Bulc dille ás vítimas que a UE non pode analizar o accidente pero que vén de escribir “invitando” aos investigadores de Fomento a volver a facelo “con total independencia”
A comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, vén de remitir unha carta á plataforma de vítimas do accidente de Angrois na que lles informa de que o seu departamento enviou outra misiva á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento “invitándoa a reabrir a investigación e levala a cabo con total independencia”. A petición por escrito de Bulc engádese ao seu pronunciamento verbal realizado en marzo en Madrid ante o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, a favor desa investigación pero admitindo que a UE non pode obrigar ao Goberno español e asumindo o argumento deste de que á súa vez non pode obrigar aos investigadores.
En xullo do ano pasado a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que ratificou que a investigación oficial do accidente de Angrois, que dixo que o maquinista fora o único responsable do sinistro do 24 de xullo de 2013 que deixou 80 mortos e 144 feridos en Santiago, non fora independente porque os membros da CIAF eran elixidos por Fomento. Tras ese informe, o Ministerio de Fomento argumentou que a CIAF agora xa si é independente, polo que o Goberno non pode pedirlle agora que reabra a investigación. A comisaria europea, en visita a Madrid o pasado 6 de marzo, asumiu esa explicación do ministro e salientou que a investigación non era unha competencia da UE. A propia CIAF indicou daquela a este diario que tampouco vía datos novos no caso que a leven a reabrila, malia que a instrución xudicial do caso considera que Adif non analizou como debía o risco existente en Angrois, unha cuestión sobre a que a CIAF non se pronunciara.
Fomento di que xa non pode pedir aos investigadores que reabran a súa análise porque agora xa son independentes e estes din que non hai datos novos para facelo
Agora, tras ser interpelada directamente polas vítimas no seu encontro do 6 de marzo, Bulc contéstalles que asume aquel informe da Axencia Ferroviaria Europea que criticou a investigación española e que o seu departamento (a DG MOVE) “enviou unha carta á CIAF invitándoa a reabrir a investigación e levala a cabo con total independencia”. Porén, insiste a continuación que non está entre as súas competencias a posibilidade de realizar esa investigación senón que é competencia de España.
Na carta, Bulc tamén lles di ás vítimas que a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente non tiña por que dispor do sistema de control constante da velocidade ERTMS, que estaba instalado pero que Adif autorizara a desconectar a bordo dos Alvia sen que houbese outro sistema inferior que puidese evitar ou paliar un despiste como o que sufriu o maquinista. Bulc di que nunha liña como esa o ERTMS non será obrigatorio ata 2030.
A comisiaria pide á Axencia Ferroviaria Europea "que elabore un informe sobre a situación da aplicación da normativa da UE sobre seguridade e interoperabilidade ferroviarias en España", cuestión que está a analizar a causa xudicial de Angrois
Malia que non era obrigatorio, Adif publicitou a seguridade que o ERTMS supostamente aportaba á liña. Agora, na causa xudicial estase a investigar se Adif a puxo en servizo co ERMTS con todos os requisitos que a normativa europea esixía para ese sistema aínda que non fose obrigatorio. Na súa carta, a comisaria europea engade que ten “a intención de pedir á Axencia Ferroviaria da UE, como unha medida paralela e distinta, que elabore un informe sobre a situación da aplicación da normativa da UE sobre seguridade e interoperabilidade ferroviarias en España”.