As vítimas concéntranse ante o Congreso durante unha comparecencia do ministro Ábalos esixíndolle que faga cumprir a reclamación comunitaria
En xullo de 2016 a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que considerou que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) española non era independente e realizara unha análise incorrecta do accidente de Angrois ao atribuílo en exclusiva ao despiste do maquinista. Desde aquela a Comisión Europea vén pedindo a España que realice unha nova investigación técnica cumprindo cos requisitos europeos, pero a CIAF, agora xa independente do Ministerio de Transportes, negouse en varias ocasións e segue a negarse, como vén de evidenciar o BNG a través dunha pregunta ao Goberno. Este mesmo mércores vítimas do accidente concentráronse ante o Congreso, durante unha comparecencia do ministro Ábalos, para reclamar que España cumpra coa esixencia comunitaria.
A CIAF non era independente do daquela Ministerio de Fomento cando en 2014, un ano despois do accidente de Angrois, emitiu o seu informe. De feito, o seu daquela responsable chegou a culpar á ministra Ana Pastor, para rectificar ás poucas horas, de impedirlle reabrir a investigación cando a UE considerou que fora mal realizada.
Pero en 2015 o Goberno modificou a lei e agora a CIAF xa é considerada independente, como concorda tamén a UE. Iso impide que o Goberno lle poida dar a orde de reabrir a investigación e analizar as cuestións que a Axencia Ferroviaria Europea consideraba que non se estudaran, entre elas se Adif analizara correctamente os riscos da curva de Angrois, cuestión pola que na causa xudicial está imputado tamén un cargo desa empresa pública xunto co maquinista. Ademais, a UE ten aberta unha investigación contra España por como avalía os riscos ferroviarios en xeral.
"O informe elaborado realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente", teima a CIAF nunha resposta ao BNG fronte ao que considera a UE
Neste contexto, o BNG vén de recibir unha reposta parlamentaria do Ministerio de Transportes na que este lle traslada a resposta que ao respecto lle dá a CIAF, que teima na súa postura: “A CIAF considerou que o informe elaborado realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente”, di, en contra do que considera a UE. E engade que, malia iso, “está estudando a posibilidade de realizar algunha actuación ou análise adicional ao informe, que, sen poñer en cuestión o realizado, afonde e/ou aclare as dúbidas que se suscitaron”. Porén, a CIAF vén aludindo desde cando menos outubro de 2018 á posibilidade de facer esa “análise adicional”, que non reabrir a investigación, sen que ata o momento se concretase.
O Ministerio de Transportes asegura que non pode cesar os membros da CIAF, pero as vítimas consideran que si porque estarían a realizar "unha grave deixación de funcións" ao non cumprir a normativa europea
Na súa resposta, o Ministerio de Transportes asegura que non pode obrigar á CIAF a realizar novas análises se ese organismo se nega, e que tampouco pode cesar aos seus membros por iso. Porén, a Plataforma de Vítimas de Angrois discrepa e considera que os membros da CIAF non están a cumprir coa súa obriga ao negarse a atender a petición da UE, polo que cren que o Goberno si podería cesalos.
Para reclamar iso, os afectados concentráronse este mércores ante o Congreso dos Deputados durante unha comparecencia do ministro Ábalos. Nela, o titular de Transportes subliñou que os plans do seu Ministerio pasan por "transformar" a CIAF e as demais comisións técnicas de investigación de accidentes -marítimos e aéreos- nun único ente con "maior independencia" e tamén "maiores recursos, para que teña esa independencia".
Mentres isto non sucede, a Plataforma de Vítimas subliña que “os membros da CIAF están realizando unha grave deixación de funcións e faltan ao obrigado cumprimento da Directiva Europea de Seguridade Ferroviaria”. "A lei do sector ferroviario -resaltan- permite ao señor Ábalos cesar aos membros da CIAF e crear unha nova investigación técnica independente” que dea respostas técnicas ao sinistro como esixe a UE máis alá das xudiciais que se están a analizar no xulgado de Santiago.