A plataforma de afectados critica a falta de explicacións do Goberno un ano despois da súa reunión co ministro de Fomento
O 4 de setembro do pasado ano o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, reuníase coa plataforma de vítimas do accidente de Angrois ocorrido o 24 de xullo de 2013 e pedíalles “perdón en nome deste Goberno”. Naquel encontro as vítimas lembráronlle que, á marxe da investigación penal, España aínda non realizou unha investigación técnica independente do sinistro, como vén reclamando a UE, e Fomento comprometeuse a estudar o xeito de garantir mellor a independencia das comisións de investigación técnica de todo tipo de accidentes. Un mes despois, o 4 de outubro, as vítimas solicitaron un novo encontro co ministro para coñecer os avances nesa materia, pero un ano máis tarde seguen agardando por unha resposta tanto de Ábalos como do presidente Pedro Sánchez, ao que recorreron tras o silencio do primeiro.
Na investigación penal do accidente polos 80 mortos da curva de Angrois a causa está pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña avale ou rectifique a proposta do xuíz instrutor de abrir xuízo contra o maquinista e o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif por non habilitar medidas que evitasen o erro humano do primeiro. Porén, o despiste do condutor foi a única causa que apuntou un ano despois do sinistro a análise que fixo do mesmo a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, daquela con Ana Pastor á fronte.
"É indignante que nin sequera se nos conteste”, din as vítimas, que lembran unhas declaracións de Ábalos asegurando que as recibiría “cada vez que faga falla”
Esa investigación técnica foi despois descualificada pola Axencia Ferroviaria Europea por centrarse só no erro humano e non ser independente, e a Comisión Europea vén reclamando desde hai anos que España realice unha nova análise independente como esixe a normativa europea. Posteriormente Fomento reformou a CIAF e agora a UE xa si a considera independente, cuestión que vén empregando Fomento, tanto co PP como co PSOE, para argumentar a súa imposibilidade de pedirlle que reabra a investigación. Pero a UE segue considerando que a investigación segue sen ser correcta.
Ante esta situación de bloqueo, un ano despois e sen ter aínda resposta de Ábalos a esa falta de investigación técnica independente do sinistro, as vítimas emitiron este xoves un comunicado e un vídeo nos que critican o seu abandono. “Levamos 365 días solicitando reiteradamente unha reunión a través dos medios de comunicación, por carta, por correo electrónico e por teléfono, a través do seu director de Gabinete, o señor Vázquez. Sen ir máis lonxe, a pasada semana dirixíndonos por escrito á secretaría particular do ministro e ao secretario de Estado, Pedro Saura. É indignante que nin sequera se nos conteste”, din as vítimas, que lembran unhas declaracións de Ábalos asegurando que as recibiría “cada vez que faga falla”.
As vítimas consideran que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios está “realizando unha grave deixación de funcións e faltan ao obrigado cumprimento da directiva europea de seguridade ferroviaria”
A plataforma de vítimas salienta que coa súa negativa a facer unha investigación independente por considerar que a xa realizada e criticada pola UE era correcta, a CIAF está “realizando unha grave deixación de funcións e faltan ao obrigado cumprimento da directiva europea de seguridade ferroviaria”, polo que reclaman que Ábalos cese aos membros da comisión e cree unha nova investigación independente como reclama Bruxelas. As vítimas tamén lembran que non queren só que se depuren as responsabilidades penais do accidente, competencia dos xulgados, senón tamén “as técnicas e as políticas”.