Seis anos despois de Angrois xa discreparon da versión oficial seis xuíces, un fiscal e unha axencia europea

Autos xudiciais sobre o accidente de Angrois e concentración de vítimas ante os xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

As vítimas tiveron que agardar ao último ano para que un ministro lles pedise perdón e houbese a primeira dimisión, xusto antes de que a xustiza propuxese xulgar a un cargo de Adif como responsable en igual grao que o maquinista no que se concentraran as culpas

Hai seis anos quen se atrevese a poñer en dúbida a versión de que o maquinista fora o único responsable do accidente do tren Alvia na curva de Angrois estaba a poñer en risco o negocio internacional da industria da alta velocidade española. Así o facían ver desde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao daquela secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá, despois ministro de Xustiza e Fomento. A do despiste do maquinista, que non freou a tempo, segue a ser a versión oficial do accidente daquel 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas. Pero nestes seis anos que pasaron desde aquela, esa versión xa foi posta en dúbida por seis xuíces, un fiscal e a Unión Europea.

O accidente de Angrois cumpre este mércores seis anos coa causa xudicial pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña decida se valida a proposta do xuíz instrutor, avalada polo fiscal, de xulgar como responsables en igual grao do accidente non só ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, imputado desde o primeiro momento, senón tamén ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar como obrigaba a normativa o risco previsible dun erro humano que existía naquela curva e implantar medidas para palialo ou evitalo. Unhas sospeitas, as existentes sobre as eivas de seguridade permitidas por Adif, ás que se foron sumando progresivamente varios xuíces. 

O cargo de Adif imputado, que nega ter recibido presións políticas, autorizou poñer en servizo a liña ferroviaria en 2011 sen o sistema de control constante da velocidade na curva e en 2012 permitiu que o sistema se desconectase tamén nos Alvia

O primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez Legeren, xa apuntou a Cortabitarte e outros moitos directivos e técnicos de Adif, pero a Audiencia da Coruña levantou aquelas imputacións. O segundo xuíz instrutor que o substituíu, Andrés Lago Louro, tampouco viu inicialmente responsabilidades máis aló do maquinista, pero tres anos despois do accidente, en maio de 2016, a mesma Audiencia, cun tribunal formado polos maxistrados Ángel Pantín Reigada, José Gómez Rey e María del Carmen Martelo Pérez, pediu ao instrutor reabrir o caso e investigar máis alá da actuación do maquinista. En concreto, o xeito en que Cortabitarte analizara os riscos existentes na curva de Angrois cando autorizou poñer en servizo a liña ferroviaria en 2011 sen o sistema de control constante da velocidade instalado na curva e cando en 2012 permitiu que o sistema se desconectase tamén a bordo dos Alvia. 

Autorización para desconectar o ERTMS nos Alvia asinada por Cortabitarte Dominio Público Sumario da causa de Angrois

Un informe crítico da Axencia Ferroviaria Europea foi determinante para poñer o foco en Adif

Nesa investigación de como Adif avaliara os riscos de Angrois foi determinante un informe crítico da Axencia Ferroviaria Europea, que acabou provocando a imputación de Cortabitarte por parte do segundo xuíz instrutor en marzo de 2017, avalada tres meses despois na Audiencia da Coruña por un tribunal no que un novo maxistrado, Alejandro Morán Llordén, substituía a Martelo Pérez. 

O pasado decembro o xuíz instrutor concluíu que hai probas suficientes para xulgar a Cortabitarte ao mesmo nivel que o maquinista como responsables os dous de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 delitos de lesións polo mesmo tipo de imprudencia. E despois de que o primeiro fiscal do caso, Antonio Roma, insistise en non investigar máis que ao maquinista, o segundo fiscal que se fixo cargo da instrución, Mario Piñeiro, avalou a proposta do xuíz fronte ás peticións dos acusados de ser exculpados e as das vítimas para que se ampliasen as imputacións a outros cargos. Agora será novamente a Audiencia da Coruña a que decida se avala ou corrixe esa proposta.

Os políticos piden perdón, a versión oficial permanece 

En febreiro Blanco e Pastor compareceron no Congreso e dixeron non ser coñecedores das decisións sobre a seguridade de Angrois pero lamentaron se as súas actuacións tras o accidente engadiron dor ás vítimas

Ao tempo que propuña xulgar ao director de Seguridade de Adif, o xuíz tamén levantou o pasado decembro a imputación que pesaba sobre o seu homólogo en Renfe, Antonio Lanchares, que tres meses antes convertérase na única persoa que dimitiu do seu cargo tras o accidente nestes seis anos. A súa saída produciuse o pasado setembro só tres días despois de que, por primeira vez, un ministro de Fomento, o socialista José Luís Ábalos, chegado ao posto poucos meses antes, pedise perdón ás vítimas “en nome deste Goberno”. En febreiro faríano tamén os ministros cando se puxeron en servizo a liña ferroviaria, o socialista José Blanco, e o tren Alvia, Ana Pastor, que dixeron non ser coñecedores das decisións sobre a seguridade de Angrois pero lamentaron se as súas actuacións tras o accidente engadiron dor ás vítimas.

As intervencións de Blanco e Pastor no Congreso puxeron o punto final a unha longamente reclamada comisión de investigación política sobre o sinistro que rematou sen conclusións ao adiantarse as eleccións xerais. Nesas sesións Cortabitarte asegurou que non recibira presións políticas para tomar as decisións que tomou

Malia que a UE vén pedindo a España desde hai máis de dous anos unha nova análise técnica do accidente, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios de Fomento vén negándose e mantén a versión oficial que apunta só ao maquinista

As comparecencias no Congreso tamén serviron para que os responsables da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento teimasen en manter as súas conclusións oficiais sobre o sinistro de que este se debera só ao despiste do maquinista. Esa investigación técnica oficial exculpatoria de Adif e Renfe influíu nos primeiros compases da investigación penal, ata o punto de que un dos supostos peritos xudiciais independentes plaxiou varias partes do informe da CIAF.

Porén, a Axencia Ferroviaria Europea, ao tempo que puña en evidencia as eivas da análise de riscos de Angrois, tamén invalidaba a investigación da CIAF pola falta de independencia dos seus membros, nomeados por Fomento, e por non querer pescudar máis alá do maquinista. A Comisión Europea vén reclamando desde aquela a España que cumpra coa normativa comunitaria e faga unha investigación técnica independente e a fondo do sinistro, pero Fomento di que a CIAF agora xa si é independente e polo tanto xa non pode darlle ese tipo de ordes. E a CIAF insiste en que non considera necesario reabrir a investigación. 

Seis anos despois a única conclusión oficial sobre o sinistro de Angrois segue a ser aquela que estableceron os investigadores de Fomento de que a causa do accidente foi un exceso de velocidade “por non respectar o persoal de condución o establecido”. Conclusión da que xa dubidaron seis xuíces e un fiscal e que a UE vén reclamando sen éxito reformular.

Conclusións da CIAF culpando do accidente ao despiste do maquinista Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.