Dimite o director de Seguridade de Renfe imputado polo accidente de Angrois

Antonio Lanchares, director de Seguridade de Renfe, na súa comparecencia como investigado o 7 de novembro CC-BY-SA Praza Pública

O Ministerio de Fomento vén de aceptar a dimisión como director de Seguridade na Circulación de Renfe de Antonio Lanchares, imputado na causa xudicial polo accidente do tren Alvia en Santiago que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos na curva de Angrois. O xuíz considera que Lanchares e o seu homólogo en Adif, Andrés Cortabitarte, reduciron a seguridade dos Alvia na curva de Angrois sen avaliar como debían o risco que alí existía dun descarrilamento por despiste como o que sufriu o maquinista do tren, Francisco José Garzón, tamén imputado. Vítimas do accidente viñan reclamando desde hai anos o cesamento de Lanchares e así llo pediron en persoa o pasado martes ao novo ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, que se comprometeu a estudalo. Segundo confirman a este diario fontes do ministerio, tras ese encontro Lanchares, cuxa continuidade xa estaba a ser cuestionada polo actual equipo de Fomento, presentou a súa dimisión e foille aceptada, ao contrario que pasou hai uns meses, cando tras a súa imputación fixo o mesmo pero o daquela equipo directivo de Renfe, do PP, o mantivo no cargo.

Tras reclamarllo o martes as vítimas ao ministro Ábalos, Fomento deixa caer a Antonio Lanchares, quen un ano antes do accidente pedira ao seu homólogo de Adif desconectar a seguridade dos Alvia

Lanchares foi quen en xuño de 2012, un ano e un mes antes do sinistro, pediu ao seu homólogo de Adif, Andrés Cortabitarte, permiso para desconectar o sistema de control constante da velocidade propio do AVE (ERTMS) a bordo dos trens Alvia na liña entre Ourense e Santiago porque daba fallos. A avaría, que Adif sempre defendeu que se producía nos trens e non nas súas vías, debería estar reparada nun mes, pero non foi así e os Alvia seguiron circulando sen ERTMS ata que un ano e un mes despois un deles descarrilou en Angrois por exceso de velocidade. Tras ese sinistro, Adif instalou outras medidas de seguridade convencionais, pero o ERTMS non foi reparado e posto en servizo novamente a bordo dos Alvia de Renfe ata outro ano e un mes despois, en agosto de 2014. En total, baixo a dirección de Lanchares o ERTMS permaneceu desactivado a bordo dos Alvia dous anos e dous meses.

Así como Cortabitarte deixara de ser director de Seguridade de Adif pouco antes de que se producise o accidente e hoxe ocupa postos de rango inferior -pero igualmente de libre designación-, Lanchares leva ocupando ese posto en Renfe desde hai máis dunha década. A súa imputación na causa xudicial produciuse en outubro de 2017, derivada da declaración ante o xuíz tres meses antes do daquela principal investigado, Cortabitarte, que desviara a responsabilidade a subordinados seus e outros departamentos como Renfe, o que acabou provocando a actual imputación doutras cinco persoas ademais el mesmo e do maquinista. No seu auto, o xuíz salienta que “non podemos obviar” que Lanchares foi quen solicitou a desconexión do sistema de seguridade nos Alvia “sen que conste que, con carácter previo, se realizase unha previa avaliación do risco que podería representar para a seguridade na circulación tal desconexión que, se ben en principio prevíase temporal, á postre mantívose durante case un ano e estaba vixente á data do accidente”.

Durante o anterior Goberno, Renfe eloxiou e avalou a Lanchares, ao que mantivo no seu posto

Tras a súa imputación, e antes da súa declaración ante o xulgado, Renfe, daquela controlada polo PP, eloxiou e avalou a Lanchares, ao que mantivo no seu posto mesmo despois de que este amagase con dimitir. Na súa comparecencia ante o xuíz en novembro do pasado ano o imputado argumentou que nin Adif nin os seus subordinados o avisaron do risco existente en Angrois. Tamén dixo que a decisión de desconectar o sistema de seguridade a bordo dos Alvia “nunca” podía ser considerada como un cambio significativo que obrigase a realizar unha análise específica do risco que supuña. Porén, a Axencia Ferroviaria Europea presentou o pasado xuño un informe no xulgado no que di expresamente que esa desconexión si debía ser considerada un cambio “significativo e cun impacto na seguridade, cuxos riscos débense avaliar sistematicamente” e sinalaba que esa análise debía ser realizada tanto por Adif como por Renfe. O pasado martes vítimas de Angrois puxeron ante o ministro ese feito como exemplo do descoñecemento de Lanchares da normativa de seguridade europea que ao seu xuízo o inhabilitaba para seguir no cargo.

En 2014 o propio Lanchares admitira no Congreso que se sentía "fracasado" tras o accidente de Angrois

Moito antes da súa imputación, en outubro de 2014 Lanchares compareceu no Congreso na subcomisión de avaliación do sistema ferroviario español en xeral que se creou tras o accidente de Angrois. As sesións eran a porta pechada, pero as intervencións foron recollidas en actas. Segundo ese documento, na súa intervención Lanchares desviou ao fabricante a responsabilidade da demora na reparación do ERTMS. Pero rematou a súa intervención asumindo o seu “fracaso”: “Vaia desde aquí a miña lamentación e a miña condolencia coas vítimas. Como responsable de seguridade síntome, digamos, fracasado e lamento o accidente”, dixo daquela Lanchares no Congreso.

Correo de Lanchares (Renfe) a Cortabitarte (Adif) pedindo permiso para desconectar o sistema de seguridade nos Alvia CC-BY-SA Praza Pública
CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.