As vítimas de Angrois piden a Pedro Sánchez a investigación técnica independente que reclama a UE

As vítimas de Angrois, ante o Congreso dos Deputados Dominio Público Plataforma Víctimas Alvia 04155

A tan só uns días de que se cumpra o sexto aniversario do accidente de Angrois, as vítimas reclaman a Pedro Sánchez, que poña en marcha a investigación técnica independente que solicitou a UE "en reiteradas ocasións, primeiro ao goberno do PP e despois ao do PSOE", como lembran nun comunicado este sábado. 

A Plataforma Víctimas Alvia 04155 considera "extremadamente grave" que aínda non se puxese en marcha esa investigación e lembran que a UE, "nun durísimo informe", concluíu "que o goberno non cumpriu coa obriga de investigar a traxedia, poñendo de manifesto a falta de independencia e a invalidez" da realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), ao "non analizar as causas raíz, precisamente as que afectan a Fomento, Renfe e Adif". 

As vítimas consideran "extremadamente grave" que aínda non estea en marcha a investigación independente e piden a Sánchez que os reciba "e ordene realizala"

A plataforma de vítimas acusa os ex-ministros de Fomento Ana Pastor e Íñigo de la Serna e o actual, Ábalos, de "ningunealos", pero non só a eles senón tamén á UE. Por iso, din solicitan agora "unha reunión" co presidente Sánchez. "Para que nos reciba e ordene realizar unha investigación independente"

"É imprescindible que se depuren todas e cada unha das responsabilidades e que se clarexe toda a verdade e se realice a investigación técnica independente para que se incorpore ao proceso xudicial", insisten, nun comunicado no que inclúen un vídeo que lembra a súa loita e todos os atrancos sufridos nos últimos seis anos e que titulan acusando o PSOE de "seguir os pasos do PP para ocultar a verdade".

Fomento argumenta, desde hai anos, que non pode pedir outra investigación porque agora os técnicos xa son independentes. Para as vítimas, "non investigar correctamente impide tomar as medidas axeitadas para evitar que feitos tan terribles poidan volver repetirse, un dos principais obxectivos sinalados pola normativa". 

Agora, a plataforma advirte tamén ao goberno socialista sobre a necesidade desa investigación indepentende, unha reclamación que fixeron tamén o pasado mes de xuño ao Defensor do Pobo. 

En canto ás responsabilidades penais, lembran que a instrución foi pechada no decembro pasado imputando o ex-director de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista, cun auto que, "en concordancia coa UE, invalida a investigación levada a cabo pola CIAF". 

Ademais, lembran que entende que tamén existe "responsabilidade penal por parte de Renfe" por ter "constancia por escrito dun aviso dun xefe de maquinistas sobre a perigosidade da curva" e non actuar "en consecuencia" tal e como obriga a directiva europea de seguridade. As vítimas presentaron recurso ante a Audiencia e esperan que axiña se abra xuízo oral. 

A plataforma de vítimas advirte que a comisión parlamentaria foi "pechada en falso e sen conclusións" e agarda que os traballos se retomen na vindeira lexislatura

Alén disto, aseguran que a comisión parlamentaria "pechouse en falso e sen conclusións" e agardan que na vindeira lexislatura "se retomen os traballos", que eles poidan comparecer e que se teñan en conta novas informacións relevantes: o gasto de Adif de case 15.000 euros en asesorar os seus comparecentes ou os procedementos de infracción que a UE abriu a España por incumprimento da normativa europea de seguridae ferroviaria. 

"Pais, irmáns, avós, amigos... Tivemos que ir a Europa para ser tratados como verdadeiros cidadáns, e tivemos que loitar moito para desmontar a verdade oficial. Seguiremos loitando", rematan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.