A data chega coa causa xudicial pendente de que a Audiencia da Coruña decida se valida ou rectifica a proposta do xuíz instrutor e do fiscal de xulgar como responsables en igual grao ao maquinista e ao director de Seguridade de Adif
Como en anos anteriores, a plataforma de vítimas do accidente de Angrois vén de convocar actos de protesta e lembranza para o sexto aniversario do accidente. O 24 de xullo, ás 11 horas, marcharán polas rúas de Santiago desde a estación de tren ata a praza do Obradoiro, onde lerán un comunicado. Pola tarde, tras unha misa na Colexiata do Sar ás 18 horas, concentraranse na curva da Grandeira, en Angrois, na que ocorreu o accidente, onde realizarán diversas intervencións de lembranza dos falecidos ata as 20.41 horas, o momento en que descarrilou o Alvia. Tras os actos públicos do día 24, as familias afectadas celebrarán o día 25 un acto privado no Pazo do Faramello.
O sexto aniversario do accidente chega este ano coa causa xudicial pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña decida se valida ou rectifica a proposta do xuíz instrutor avalada polo fiscal de levar a xuízo polas 80 mortes ao maquinista do tren e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, o primeiro por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois e o segundo por non habilitar as medidas de seguridade necesarias para evitar o risco previsible dun erro humano que alí existía.
No eido político, a UE abriu este ano unha nova investigación contra España polo xeito en que analiza os riscos ferroviarios, cuestión clave na investigación penal de Angrois. Pola súa banda, a comisión de investigación política que as vítimas reclamaron durante cinco anos rematou a comezos deste ano no Congreso sen que se chegasen a emitir conclusións sobre o sinistro polo adianto das eleccións xerais.