Vítimas de Angrois acusan a Adif de “adoutrinar” os comparecentes no Congreso para silenciar as causas do sinistro

Vítimas de Angrois concentradas ante o Congreso dos Deputados Dominio Público Plataforma Víctimas Alvia 04155

A plataforma de afectados compara a decisión da empresa pública de gastar 14.900 euros en “asesorar” aos citados pola comisión de investigación coa actuación da Generalitat de Valencia co accidente do Metro

A plataforma de vítimas do accidente de Angrois critica como unha “estratexia do silencio” o gasto por parte de Adif, avanzado en exclusiva por este diario, de 14.900 euros en contratar un bufete de avogados para “asesorar” os comparecentes na comisión de investigación do sinistro creada no Congreso. Os afectados consideran que a empresa pública dependente de Fomento, que ten un cargo imputado polo accidente, “adoutrinou os seus comparecentes na comisión parlamentaria”. Tamén comparan a súa actuación coa da Generalitat de Valencia tras o accidente do Metro de 2006, con similitudes co de Angrois, que tamén foi acusada de “adoutrinar” os seus técnicos.

O bufete de avogados contratado por Adif para os “servizos de asesoramento aos comparecentes ante a comisión do Congreso dos Deputados en relación co accidente de Angrois” é o mesmo, Hogan Lovells, no que traballa o avogado que asiste o cargo de Adif imputado, Andrés Cortabitarte. As vítimas censuran que a empresa pública destinase cartos públicos a ese fin coa intención de silenciar as súas propias responsabilidades e reclaman o cesamento da súa presidenta, Isabel Pardo de Vera. Pola súa banda, Adif desvincula ese “asesoramento” de calquera tipo de presión aos comparecentes salientando que foi un servizo “voluntario” que se lle ofreceu a quen o quixo.

As vítimas divulgaron un vídeo que recompila comparecencias na comisión de técnicos que din non saber ou non poder valorar as preguntas que lles formulan

As vítimas tamén poñen o foco en que varios dos comparecentes na comisión non foron quen de responder a varias preguntas que se lles formularon argumentando esquecemento ou descoñecemento. A plataforma divulgou un vídeo nas súas redes sociais no que recompila varias comparecencias de técnicos que din non saber ou non poder valorar diversas preguntas que lles formulan deputados de Ciudadanos, En Marea e ERC. O vídeo inclúe tamén declaracións de dous comparecentes alleos a Adif (un experto xubilado e un cargo doutro departamento de Fomento) que se amosaron moi críticos coa actuación desa empresa pública e apuntaron ao “medo” a falar doutros comparecentes. O vídeo remata coa consideración do deputado de Ciudadanos, Fernando Navarro, de que “alguén ten interese en ocultar algo, e ese algo ten que ser que algo se fixo mal”.

O BNG pide explicacións

A eurodeputada do BNG Ana Miranda pide explicacións a Adif e di que a súa actuación “constata que a comisión era un paripé de PP e PSOE para saír do paso”

Desde o BNG a eurodeputada Ana Miranda, que está a actuar como representante de feito das vítimas ante as institucións europeas, tamén reclamou explicacións a Adif pola súa actuación. “É inaceptable que eses traballos de asesoramento estiveran máis centrados en ocultar ou manipular a realidade que en esclarecer as causas do accidente máis grave acontecido en Europa nos últimos 25 anos”, di Miranda, quen asegura que o contrato de asesoramento constata “o que xa era unha obviedade: que esta Comisión non é máis que un paripé de PP e PSOE para saír do paso”. Ante esa situación, Miranda di confiar nos procedementos en marcha en Bruxelas para “coñecer a verdade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.