Adif gastou 14.900 euros en "asesorar" os comparecentes na comisión de investigación sobre Angrois

Adxudicación de Adif dos "servizos de asesoramento aos comparecentes" na comisión sobre Angrois e comparecencia do seu cargo imputado co seu avogado CC-BY-SA Praza Pública / Congreso dos Deputados

A empresa pública entregou 'a dedo' o contrato ao bufete do avogado que asiste ao seu cargo imputado polo accidente 

Adif contratou a dedo por 14.900 euros, impostos non incluídos, ao despacho de avogados Hogan Lovells para “asesorar” os comparecentes na comisión de investigación do Congreso dos Deputados sobre o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013. Nese bufete traballa o avogado que vén asistindo ao cargo de Adif imputado polo sinistro, o ex-director de Seguridade na Circulación Andrés Cortabitarte, que xuíz instrutor e fiscal propoñen xulgar como responsable en igual grao que o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e 144 de lesións polo descarrilamento. Durante a comisión, as vítimas do sinistro lamentaron que varios dos comparecentes non fosen quen de contestar a diversas preguntas argumentando descoñecemento ou esquecemento. A empresa pública di que ese “asesoramento” foi voluntario e demandado por técnicos que afrontaban con incerteza a súa comparecencia no Congreso mentres había unha causa penal aberta.

Segundo reflicte Adif tanto na súa web como na plataforma de contratación do Estado, o pasado 19 de xullo a empresa pública dependente de Fomento adxudicou un contrato menor -que pola súa contía pode entregar a dedo á firma que desexe sen convocar un concurso público- a Hogan Lovells co obxecto “servizos de asesoramento aos comparecentes ante a comisión do Congreso dos Deputados en relación co accidente de Angrois na liña de alta velocidade”. Non houbo ofertas de máis empresas e foille adxudicado o contrato por un período de tres meses e un importe de 14.900 euros sen impostos (18.029 euros con eles).

Adxudicación do "asesoramento" aos comparecentes na comisión sobre Angrois publicada na web de contratos do Estado CC-BY-SA Praza Pública

Técnicos da empresa pública non foron quen de contestar no Congreso a varias das preguntas que se lles formularon argumentando descoñecemento ou esquecemento

Tras varios anos rexeitando tanto PP como PSOE a creación desa comisión de investigación política, reclamada pola plataforma de vítimas, o cambio de opinión dos socialistas permitiu poñela en marcha durante a pasada lexislatura, abrindo as comparecencias o 10 de xullo do pasado ano os afectados polo sinistro. As comparecencias paráronse durante o verán e retomáronse en setembro con diversos técnicos, varios dos cales non foron quen de responder ás preguntas que lles formularon argumentando descoñecemento ou esquecemento. 

Desde Adif sinálase que o contrato para o "asesoramento" aos comparecentes no Congreso foi unha decisións do anterior equipo popular que, xunto cos servizos xurídicos internos, valorou a posibilidade de convocar un concurso público aberto pero que optou finalmente por encargalo a Hogan Lovells por coñecer xa toda a ampla documentación e o proceso xudicial do accidente. O contrato foi adxudicado tres semanas despois de que o 28 de xuño o Goberno socialista designase nova presidenta de Adif a Isabel Pardo de Vera en substitución do seu antecesor cos populares, Juan Bravo. Pardo de Vera non tomou posesión do cargo ata o 26 de xullo, unha semana máis tarde da adxudicación, que considerou adecuado manter.

O bufete elixido para asesorar os comparecentes no Congreso, Hogan Lovells, ten entre os seus avogados ao letrado que vén asistindo tanto na causa xudicial como tamén na súa propia comparecencia na Cámara baixa ao cargo de Adif imputado polo accidente, Andrés Cortabitarte. Preguntada Adif pola posibilidade de que o asesoramento ao resto de comparecentes puidese estar mediatizado ou influenciado polos intereses particulares do imputado, a empresa pública sinala que, máis alá de defender ao seu imputado, “Hogan Lovells é o despacho de Allianz, a aseguradora que leva a responsabilidade civil de Adif” e, como tal, quen debe facer fronte ás indemnizacións ás vítimas no caso de que Cortabitarte sexa condenado -se o condenado é o maquinista, sería o seguro de Renfe o que pague e, se son os dous, a medias-. Hogan Lovells tamén foi o bufete que se encargou de asistir aos membros do consello de administración de Adif que foron inicialmente investigados pero cuxas imputacións foron arquivadas. “Coñecen ao dedillo os detalles do caso”, xustifica Adif.

Adif asegura que o "asesoramento" foi "voluntario" e que os comparecentes seguen nos mesmos postos que antes sen que ningún sufrise ningunha represalia tras as súas declaracións

Tras o accidente do Metro de Valencia de 2006, con varias similitudes co de Angrois, a Generalitat foi acusada de "adoutrinar" os comparecentes na investigación daquel sinistro a través dunha consultora externa. Neste caso Adif nega ningún tipo de adoutrinamento ou presión e salienta que o asesoramento aos comparecentes foi “voluntario”, que non todos o empregaron, que uns recorreron a el e outros ao dos servizos xurídicos da propia empresa pública e que todos os comparecentes seguen nos mesmos postos que antes e ningún sufriu ningunha represalia tras as súas declaracións. 

Adif non considera adecuado facilitar as identidades dos comparecentes que si recorreron ao “asesoramento” do bufete externo e salienta que eran técnicos que se vían por primeira vez na situación de ter que comparecer nunha comisión de investigación no Congreso. “Tiñan incerteza e temor por estar a causa xudicial aínda aberta”, din desde a empresa pública, que indica que se lles explicou “como era o funcionamento” da comisión, que tiñan que “dicir a verdade” e que cousas “estaban obrigados e non a dicir”. “Hogan Lovells fixo un informe sobre toda a documentación que xa se entregara ao xulgado e ao Congreso para que soubesen que había”, engade Adif sobre ese “asesoramento” aos comparecentes.

As comparecencias na comisión remataron en febreiro pero o adianto electoral impediu que se chegase a emitir o ditame político sobre o accidente

As comparecencias na comisión de investigación remataron o pasado 11 de febreiro cos ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, no cargo respectivamente cando se deseñou a seguridade da curva de Angrois e cando ocorreu o accidente, pero a convocatoria de eleccións xerais e a disolución das Cortes impediu que se chegase a emitir o ditame político sobre o sinistro. 

Vítimas de Angrois ante o Congreso dos Deputados Dominio Público Plataforma Víctimas Alvia 04155

No eido xudicial a Audiencia da Coruña debe decidir se se xulga xa ao maquinista e ao cargo de Adif imputado como piden o xuíz instrutor e o fiscal

No eido xudicial, en decembro o xuíz deu por rematada a instrución propoñendo xulgar tanto ao maquinista do Alvia como ao director de Seguridade na Circulación de Adif. O primeiro despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese activo ningún sistema que evitase ou paliase o seu previsible erro humano, eivas das que considera responsable ao segundo. O fiscal apoiou a proposta do xuíz e o caso está agora en mans da Audiencia Provincial da Coruña, que debe resolver diversos recursos presentados tanto polos acusados para que se arquive a causa contra eles como polas vítimas para que se estenda a máis cargos de Adif e Renfe.

Durante a instrución, tanto Adif como Renfe ocultaron ou demoraron a entrega de diversa documentación ao xulgado instrutor en varias ocasións. Unha instrución que puxo o foco na posible responsabilidade de Adif despois de que Axencia Ferroviaria Europea emitise un duro informe sobre a actuación das autoridades ferroviarias españolas, que actualmente teñen aberto un procedemento de infracción por parte da Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.