Profesionais da alta velocidade española admiten no Congreso descoñecer a investigación oficial con recomendacións realizada tras o maior sinistro do sector
Tras o accidente do tren Alvia na liña de alta velocidade Ourense-Santiago o 24 de xullo de 2013, no que morreron 80 persoas, voces do Goberno central e da Xunta, encabezadas polo daquela secretario de Estado e despois ministro Rafael Catalá e o presidente Feijóo, insistiron en que non se podía dicir que fora un accidente do AVE. Segundo aquela visión, rexeitada hai tempo na causa xudicial por varios xuíces e peritos que coinciden en que tanto o tren como a liña eran de alta velocidade, dicir iso formaba parte do interese doutros países por desprestixiar o saber facer español nesa área da enxeñería cando había importantes concursos internacionais en xogo. Agora, técnicos que suman varias décadas de experiencia como profesionais desa alta velocidade española e que tiveron algún tipo de participación na construción ou supervisión do AVE Ourense-Santiago veñen de asegurar no Congreso que non leron a investigación oficial do accidente e polo tanto tampouco as melloras de seguridade que aquel documento recomendou tras o sinistro da curva de Angrois.
Un ano despois do sinistro a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento emitiu o seu informe oficial sobre o mesmo no que centrou toda a responsabilidade no maquinista, que se despistou e non freou a tempo antes da curva sen que houbese activo ningún sistema que evitase ou paliase o seu previsible erro humano, cuestión pola que hoxe están imputados na causa xudicial seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco ademais do maquinista. Aquel informe da CIAF incluía ademais nove recomendacións de mellora da seguridade dirixidas a Adif, Renfe e o ministerio de Fomento. Tres anos despois a Axencia Ferroviaria Europea considerou que aquel informe non fora realizado de xeito independente xa que a CIAF era nomeada polo ministerio, o que afectaría á conclusións que acadou sobre as causas do sinistro, pero non puxo en dúbida as súas recomendacións, que se veñen aplicando nos últimos anos.
Un dos comparecentes chegou a dicir que non tiña "acceso fácil" ao informe sobre o accidente malia que está colgado de xeito público na web de Fomento
Agora, na comisión de investigación política sobre o accidente que se está a celebrar no Congreso dos Deputados, están a comparecer diversos técnicos e cargos relacionados en maior ou menor medida co deseño, construción, supervisión ou posta en servizo do AVE Ourense-Santiago. Á maioría deles o deputado de Foro Asturias Isidro Martínez Oblanca, un dos que menos protagonismo está a ter nesas sesións, está a preguntarlles se coñecen o contido do informe da CIAF. E varios dos comparecentes xa declararon que non leron o informe oficial sobre o maior accidente ocorrido no sector no que levan décadas traballando.
O pasado 12 de setembro compareceu no Congreso Beatriz Sierra, enxeñeira industrial experta no sistema de control constante da velocidade ERTMS que traballa desde 2002 para a empresa pública Ineco, dependente de Fomento e encargada de supervisar a seguridade das novas liñas de AVE. Sierra participara nas probas de compatibilidade entre o ERTMS embarcado nos trens e o existente nas vías, pero na súa comparecencia, na que dixo non saber de moitas das preguntas que se lle formularon, insistiu en que ela non analizaba cuestións de seguridade. Cando Martínez Oblanca lle preguntou se coñece o contido do informe da CIAF sobre o accidente a súa resposta foi: “Non o lin”.
Máis sorprendente foi a resposta doutro comparecente a unha pregunta similar. O 26 de setembro tocoulle a quenda a Juan Olmedilla, técnico da unión temporal de empresas formada por Thales e Dimetronic encargada de instalar os sistemas de seguridade na liña Ourense-Santiago. Tamén con anos de experiencia no sector ferroviario, desde 2005 ata a actualidade, Olmedilla dixo que non leu o informe da CIAF. “Non está nas miñas atribucións como coordinador de seguridade coñecer ese informe, sei que existe pola prensa, o mesmo que o informe da Axencia Ferroviaria Europea, pero non o vin nin tampouco por outra parte teño acceso fácil a el”, foi a súa explicación. Porén, o informe está colgado na web do Ministerio de Fomento, neste enlace.
O mesmo 26 de setembro compareceu tamén Alejandra Pérez Jiménez, no seu caso técnica de Adif, empresa pública para a que supervisou a instalación do sistema ERTMS previa á inauguración da liña de AVE Ourense-Santiago. Leva 17 anos traballando no sector, tanto en Ineco como en Adif. “¿Vostede coñece o informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios?”, preguntoulle tamén Martínez Oblanca. “Non, non o coñezo”, foi a súa resposta.
O 3 de outubro compareceu na comisión outro técnico, Eduardo del Río, experto en material rodante da Axencia Ferroviaria Europea desde 2013. No seu caso, el no participou no AVE galego e está fóra do sector da alta velocidade española desde antes do accidente de Santiago. Pero tampouco el, malia a súa comparecencia na comisión, coñece o informe oficial sobre Angrois, no que tamén se analizan cuestións da súa área de especialidade. “Sei que hai un informe pero no o lin”, dixo.
Fronte a este descoñecemento do informe oficial sobre o maior accidente do sector no que traballan desde hai anos, outros profesionais comparecentes nesta mesma comisión si declararon coñecer o documento. Así o fixeron, por exemplo, o maquinista xefe de Renfe José Ramón Iglesias Mazaira, que alertara do risco da curva de Angrois un ano e medio antes do accidente, ou José Luis González Navarro, técnico da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria e previamente da Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento que autorizou a posta en servizo da liña Ourense-Santiago.
A plataforma de vítimas e grupos minoritarios como En Marea ou ERC veñen criticando que diversos comparecentes se escuden no seu descoñecemento ou falta de memoria sobre as preguntas que se lles realizan
Malia que nas comisións de investigación no Congreso os comparecentes non poden mentir, grupos minoritarios como En Marea ou ERC ou a propia plataforma de vítimas do sinistro veñen criticando que diversas persoas citadas se escuden no seu descoñecemento ou falta de memoria sobre as preguntas que se lles realizan para evitar dar respostas que ao seu ver poderían prexudicar ás empresas para as que traballan.