0 Gardados para despois

O maquinista que alertou do risco de Angrois asegura que avisou a quen debía en Renfe e lamenta que non lle fixesen caso

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


José Ramón Iglesias Mazaira di no Congreso que “o que pedía era que algo na vía recordase ao maquinista que tiña que frear” porque “pensaba no factor humano” máis alá de que se cumprise a normativa

En decembro de 2011, un ano e sete meses antes do accidente do tren Alvia que deixou 80 mortos e 144 feridos, e aos poucos días de inaugurarse a liña de AVE Ourense-Santiago, un maquinista xefe de Renfe, José Ramón Iglesias Mazaira, sinalou por escrito a un superior o risco que existía dun descarrilamento por exceso de velocidade na curva de Angrois se un condutor se despistaba e non freaba a tempo, xa que alí non había ningún sistema de seguridade de respaldo. Esa alerta chegou a polo menos dez técnicos e cargos de Renfe pero a situación seguiu igual ata que o 24 de xullo de 2013 o maquinista Francisco José Garzón se despistou e descarrilou provocando 80 mortos e 144 feridos. Este martes o autor daquela alerta, Iglesias Mazaira, compareceu na comisión de investigación política creada no Congreso dos Deputados e lamentou, a preguntas de En Marea, que Renfe o acusase de non tramitar de xeito adecuado a súa alerta.

Iglesias Mazaira dixo, a preguntas dos grupos parlamentarios, que, ante a ausencia de referencias na vía sobre onde comezar a frear ou de sistemas de seguridade que o fixesen ante un despiste do maquinista, “o que pedía era que algo na vía recordara ao maquinista que tiña que frear”. Segundo dixo, fíxoo porque “pensaba no factor humano”, na posibilidade dun erro dun maquinista, máis alá de que se cumprise a normativa, como veñen argumentando Adif e Renfe, que limitaba a información sobre a velocidade a manter en cada treito da liña ao que se indicaba no denominado libro horario, a documentación que levan os maquinistas na cabina.

Alerta por escrito de Iglesias Mazaira un ano e sete meses antes do accidente sobre o risco que existía na curva de Angrois

No seu momento varios dos receptores desa alerta, así como o propio Iglesias Mazaira, foron chamados a declarar polo xuíz instrutor. Explicaron que malia estar ese asunto recollido nas axendas previas a varias reunións que mantiveron entre eles, finalmente non foi tratada a cuestión por entender os implicados -en particular un membro da xerencia de Seguridade na Circulación, Ángel Lluch, segundo sinalou este martes Iglesias Mazaira- que a situación da curva de Angrois non incumpría a normativa ferroviaria e xa se indicaba a velocidade adecuada no libro horario, polo que nunca se lle trasladou o risco a Adif, responsable de mellorar a sinalización na vía.

“Non tiña contacto nin teño cos maquinistas de longa distancia”, di Iglesias Mazaira, negando así que a súa decisión de intensificar a formación aos maquinistas sobre o risco de Angrois chegase a Garzón

Iglesias Mazaira e o seu superior inmediato, José Luis Rodríguez Vilariño, declararon no xulgado, como este martes, que ante esa adecuación á normativa, a decisión que tomaron dentro das súas competencias foi a de “intensificar” a formación dos maquinistas para que estivesen alertas ante esa curva. Porén, esa formación nunca se lle deu ao condutor do Alvia. Este martes Iglesias Mazaira lembrou que el traballa no departamento de Media Distancia. “Non tiña contacto nin teño cos maquinistas de Longa Distancia”, dixo, en referencia aos Alvia que pilotaba Garzón.

Ata o momento na investigación xudicial non está aclarado ata onde chegou finalmente dentro da estrutura de Renfe esa alerta nin como se decidiu e impartiu esa suposta formación sobre ese risco aos maquinistas. A empresa pública e varios dos superiores de Iglesias Mazaira aseguraron ante o xulgado que este non comunicara a súa alerta a través das vías axeitadas. Este martes a deputada de En Marea Alexandra Fernández preguntoulle se considera que Renfe tentou botarlle a el a culpa de non ter tramitado como debera esa alerta, ao que contestou cun “si”, explicando noutro momento que naquela altura, antes de que se regulase mellor como realizar advertencias en materia de seguridade, calquera comentario ao respecto que el como maquinista xefe realizase aos seus superiores debía ser entendido como unha alerta expresa, e máis neste caso facéndoo por escrito. Pola contra, o deputado do PP Celso Delgado enumerou varios foros de análise de diversas materias dentro de Renfe nos que Iglesias Mazaira estaba presente para evidenciar que o maquinista xefe non comunicara nada neles sobre a situación de Angrois.

Iglesias Mazaira di que non se sentiu presionado de xeito directo por Renfe pero que si asumiu como ataques directos a el informacións xornalísticas nas que Renfe o acusaba de non comunicar a súa alerta de xeito adecuado.

Por outra banda, a alerta de Iglesias Mazaira foi coñecida pola dirección de Renfe tras o accidente, en decembro de 2013, pero non lle foi comunicada ao xulgado. Tivo que ser o avogado do maquinista o que a desvelase en xaneiro de 2014 para que Renfe informase do que sabía ao respecto ao xulgado argumentando que nese mes e medio optara por realizar unha investigación interna antes de contarllo ao xuíz. Cando así o fixo, ademais do escrito de alerta de Iglesias Mazaira entregou no xulgado varios escritos dos técnicos implicados asinados por cada un deles explicando cadansúa actuación no caso, escritos que contiñan parágrafos idénticos entre uns e outros. Este martes a deputada de En Marea preguntoulle se se sentiu presionado nalgún momento por Renfe para dar a súa versión dos feitos, ao que contestou que non sentiu ningunha presión directa pero deu a entender que si asumiu como ataques dirixidos a el informacións xornalísticas nas que Renfe o acusaba de non comunicar a súa alerta de xeito adecuado.

O xefe de Tráfico nin leu a alerta

Na comisión interveu tamén este martes Nicolás Izquierdo, xefe de Tráfico de Renfe, que dixo que el nin leu a advertencia do maquinista e que el mesmo non tiña competencias en materia de seguridade

A comparecencia de Iglesias Mazaira prodúcese despois de que a semana pasada as vítimas abrisen a comisión no Congreso acusando ao Goberno popular daquel momento de facer unha “cacería ao maquinista” para evitar outras responsabilidades en Adif e Renfe e de que este incidise nesa idea.

Tras a comparecencia de Iglesias Mazaira, na comisión interveu tamén este martes Nicolás Izquierdo, xefe de Tráfico de Renfe, que estivo presente en reunións en cuxa axenda previa se incluíra a alerta do maquinista xefe sobre Angrois. Porén, Izquierdo reiterou, como tamén declararon xa no xulgado outros participantes neses encontros, que finalmente neles nunca se chegou a falar desa advertencia. Como outros implicados no xulgado, non foi quen de explicar por que si se resolvera outra cuestión distinta sinalada no seu correo por Iglesias Mazaira pero non esa alerta. Izquierdo dixo que el nin leu a advertencia de Iglesias Mazaira e que el mesmo non tiña competencias en materia de seguridade.

Nicolás Izquierdo, xefe de Tráfico de Renfe, na súa comparecencia no Congreso

O resto de comparecentes, ata case medio cento, pasarán pola comisión xa despois do mes de agosto. Entre eles estarán os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, tamén imputados na causa xudicial xunto co maquinista e outros catro técnicos por supostamente non avaliar como debían ese risco previsible alí existente. Os últimos en comparecer serán os ex-ministros José Blanco e Ana Pastor, no cargo o primeiro cando se inaugurou a liña, e a segunda cando se desconectou a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade e ocorreu o sinistro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.