O quen e o canto da dor de Angrois

Protesta das vítimas na Praza do Obradoiro © Plataforma de vítimas do Alvia

Entre as vítimas do accidente de Angrois, con 79 mortos e 150 feridos, hai de todo. Lesionados leves que só buscan xustiza, familias rotas pola perda de quen era a súa principal fonte de ingresos necesitadas dunha indemnización para saír adiante, ou persoas que simplemente queren esquecer. Cada vida é un mundo e cada prioridade comprensible, insisten tanto os avogados coma as propias vítimas, por iso non hai grandes reproches públicos entre as dúas asociacións de afectados creadas tras o sinistro, que aínda que empreguen para iso estratexias distintas, comparten os mesmos obxectivos: que o caso non se peche culpando só ao despiste que sufriu o maquinista do tren e obter os mellores coidados e a maior indemnización posible, aínda que a dor non teña prezo.

A Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago (Apafas) foi a primeira en crearse e é a que máis negociou con Fomento para mellorar a asistencia ás vítimas. Pouco despois naceu a Plataforma Vítimas Alvia 04155, envorcada en aclarar as responsabilidades penais e políticas do sinistro. O xuízo penal co que acabará a actual instrución xudicial en marcha será o que resolva algunhas das aspiracións de ambas as dúas. Por un lado, establecerá quen é o culpable dos homicidios e as lesións, e por outro ese ou eses responsables serán os que deban facer fronte á indemnización final polo sinistro, contías que se establecerán na mesma sentenza.

Actualmente o único imputado é o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, que admitiu que circulaba despistado tras recibir unha chamada do interventor do tren e non freou a tempo antes da curva de Angrois. Non había ningún sistema de seguridade, nin na curva nin a bordo, que evitase ou paliase o seu despiste, polo que o primeiro xuíz instrutor da causa imputou a 27 cargos e técnicos de Adif, algún deles por dúas veces, pero a Audiencia Provincial exculpounos por falta de probas. Agora será o segundo xuíz instrutor o que, á vista das peritaxes realizadas, decida o futuro da investigación. Se finalmente o maquinista resulta ser o único culpable dos homicidios e lesións, será el, e no seu defecto o seguro da súa empresa, Renfe, a cargo da multinacional de orixe australiana QBE, quen deba facer fronte ás indemnizacións. Pero se a culpabilidade recae tamén en cargos de Adif, o seguro desta, Allianz Corporate, debería contribuír ao pagamento das indemnizacións, unha corresponsabilidade que, á hora de negociar contías, tamén podería beneficiar ás vítimas, segundo coinciden varios avogados.

Se finalmente o maquinista resulta ser o único culpable dos homicidios e lesións, será el, e no seu defecto o seguro da súa empresa, Renfe, a cargo da multinacional de orixe australiana QBE, quen deba facer fronte ás indemnizacións

Á espera desas indemnizacións definitivas, as vítimas xa foron cobrando parte ou todo do seguro obrigatorio de accidentes de Renfe, a cargo de Allianz Seguros e cuxas contías foran aumentadas previamente ao sinistro pola propia operadora entre un 25% e un 66% con respecto ao mínimo que establecía a lei, agora tamén mellorada. No caso de Angrois, ese seguro obrigatorio mellorado paga 60.000 euros por unha morte, mentres que as lesións oscilan entre os 70.000 euros das máis graves e os 1.500 euros das máis leves. As indemnizacións definitivas polo sinistro serán moi superiores, aínda que vítimas e aseguradoras discrepan dos baremos a empregar. As compañías adoitan usar como base o existente para os accidentes de automóbil, pero hai avogados de vítimas que xa anunciaron a súa intención de pedir moito máis, porque a un tren se lle presupón máis seguridade que a un automóbil e porque esperan que se recoñezan as circunstancias familiares de cada afectado, incluído o lucro cesante provocado polo sinistro en cada caso concreto.

Para saber as contías totais das indemnizacións tamén haberá que esperar a que as vítimas estabilicen as súas lesións, xa que algunhas aínda están a recuperarse.

Para saber as contías totais das indemnizacións tamén haberá que esperar a que as vítimas estabilicen as súas lesións, xa que algunhas aínda están a recuperarse. As cifras, de momento, bailan. O xulgado contabiliza 79 mortos, á espera de determinar oficialmente se o falecemento de varios feridos nos meses seguintes se debe ou non ao accidente. Pero en agosto do ano pasado, QBE tiña en conta xa un total de 82 falecidos e 150 feridos e informaba o xulgado de que xa consignara en contas xudiciais ou entregara como anticipo ás vítimas que as aceptaran indemnizacións por un total de oito millóns de euros. A aseguradora indicaba entón que "a cantidade ofrecida se corresponde aproximadamente co 50% da valoración da posible indemnización que lles puidese corresponder, en atención ás circunstancias persoais e individuais dos prexudicados, a natureza e o alcance –no seu caso– das súas lesións, os distintos gastos xerados polo accidente e, como non podía ser doutro xeito, de conformidade cos criterios de valoración do dano de común aplicación pola nosa Xurisprudencia en casos similares".

QBE e Allianz calculaban que, coa situación que entón presentaban as vítimas, deberían facer fronte a un desembolso total final duns 25 millóns de euros

Pola súa banda, Allianz indicaba en xuño do pasado ano que, a piques de cumprirse un ano do sinistro, prestara máis de mil servizos de asistencia a feridos e máis de 300 a familiares, e estimaba entón que os custos totais aos que tería que facer fronte finalmente polo seguro obrigatorio de viaxeiros se poderían situar en torno a nove millóns de euros". Isto é, entre QBE e Allianz calculaban que, coa situación que entón presentaban as vítimas, deberían facer fronte a un desembolso total final duns 25 millóns de euros, contía que os avogados dos prexudicados intentarán incrementar.

Ademais das responsabilidades penais e económicas, hai afectados que tamén esperan que se depuren responsabilidades políticas

Pero ademais das responsabilidades penais e económicas, hai afectados que tamén esperan que se depuren responsabilidades políticas. Os membros da Plataforma de vítimas son os que máis activos se veñen mostrando na reclamación de que, ademais da investigación xudicial, que consideran que está a ser entorpecida dende Adif e Renfe, se cree tamén unha comisión de investigación política do accidente. PSOE e PP, durante cuxos gobernos se construíu e puxo en servizo a liña de AVE na que sucedeu o accidente, negáronse en varias ocasións, tanto no Parlamento de Galicia coma no Congreso, co argumento de que está en marcha a instrución xudicial.

Para insistir nas súas reclamacións, sanitarias, penais ou políticas, as vítimas convocaron unha concentración para este día 24 na Praza do Obradoiro. Logo camiñarán ata Angrois, onde como o ano pasado, á mesma hora en que descarrilou o tren, a reivindicación deixará paso ao recordo íntimo.

Homenaxe civil ás vítimas de Angrois © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.