Unha técnica de Adif presente nunha reunión que debateu a seguridade de Angrois di non lembrar o seu contido

Alejandra Pérez Jiménez, técnica de Adif experta no sistema ERTMS Dominio Público Congreso dos Deputados

“Eu participei nunha reunión hai oito anos, como me vou acordar”. Con esa e outras evasivas, visiblemente nerviosa, respondeu este mércores no Congreso na comisión de investigación sobre o accidente de Angrois unha técnica de Adif presente en abril de 2011 nunha reunión na que dous departamentos da empresa pública discreparon sobre se había que revisar mellor a seguridade da curva na que descarrilou o Alvia, algo que finamente non se fixo.

No encontro, previo á inauguración do AVE Ourense-Santiago, dous departamentos da empresa pública discreparon sobre se había que revisar mellor a curva e finalmente decidiron non facelo

Na causa xudicial sobre o accidente está en cuestión se Adif avaliou como debía o risco dun descarrilamento por erro humano e exceso de velocidade na curva de Angrois como o que ocorreu o 24 de xullo de 2013, que deixou 80 mortos. Adif vén argumentando que non era preciso realizar unha avaliación independente (ISA) dos riscos dese punto porque xa formaba parte da rede ferroviaria convencional de entrada a Santiago e estaba fóra da liña de AVE Ourense-Santiago propiamente dita, na que si se realizara esa análise.

Pero esa cuestión foi debatida en Adif en 2011, antes da inauguración da liña, segundo evidenciaron hai uns meses as propias vítimas do sinistro entregando no xulgado varias actas de reunións internas. Nelas, membros da Dirección de Seguridade na Circulación de Adif vían necesaria a avaliación independente mentres que membros da Dirección de Instalacións de Control de Tráfico consideraban que chegaba cun procedemento inferior. Finalmente impúxose a segunda opción e ningún organismo independente avaliou a seguridade da curva de Angrois, algo que validou o director de Seguridade, Andrés Cortabitarte, imputado na causa.

 

Acta na que Adif admite a necesidade dunha avaliación independente de riscos para o treito de Santiago no que está a curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

A técnica comezou negando a súa presenza na reunión para despois dicir que non lembraba o seu contido e que ela non tiña competencias sobre a curva porque ela só avaliaba o sistema de control da velocidade, que alí non estaba instalado

Naquel encontro no que os dous departamentos de Adif expuxeron as súas posturas contrapostas participou entre outros técnicos Alejandra Pérez Jiménez, experta que supervisou as probas do sistema ERTMS de control constante da velocidade e pertencente ao departamento que consideraba innecesario facer a avaliación independente. Este mércores, na súa comparecencia no Congreso, foi preguntada de xeito insistente por aquela reunión pola deputada de En Marea Alexandra Fernández. A técnica comezou primeiro negando a súa presenza no encontro para despois insistir en que non lembraba o seu contido. Tamén asegurou que, como experta en ERTMS, as súas funcións limitábanse ao treito da liña en que estaba instalado ese sistema, ata pouco antes da curva de Angrois, polo que non tiña competencias sobre a seguridade da propia curva, que carecía de ningún sistema, ERTMS ou convencional, que a protexese.

As súas respostas, tatexantes algunhas delas, foron criticadas pola deputada de En Marea, que lembrou respostas evasivas similares de anteriores comparecentes e considerou “incrible que estando en reunións de coordinación ninguén saiba o que dicía o do lado”.

Un técnico das empresas que instalaron a seguridade de Angrois atribúe a Adif toda a responsabilidade sobre "con que seguridade operar a liña" e nega presións políticas

Na sesión deste mércores da comisión de investigación sobre Angrois tamén compareceu un técnico das empresas que instalaron os sistemas de seguridade da liña, Juan Olmedilla. Tamén a el se lle preguntou pola decisión de Adif de non facer unha avaliación independente da seguridade da curva de Angrois senón só do resto da liña de AVE desde Ourense ata pouco antes dese punto. Olmedilla, que compareceu tamén no xulgado como testemuña o pasado 12 de setembro, indicou que as empresas limitábanse a facer o que Adif lles pedía e que é Adif “quen decide con que seguridade operar a liña”. Esa resposta, avanzada tamén por outros compañeiros seus no xulgado o pasado marzo, ratifica a versión que deron no seu momento tamén ante o xuíz varios técnicos de Ineco, a consultora independente á que Adif encargou supervisar o resto da liña pero non a curva de Angrois, segundo a súa declaración.

O técnico comparecente este mércores tamén negou presións políticas para axilizar as obras da liña antes da súa inauguración en decembro de 2011. “Presionado? Non especialmente, as datas que poñen os políticos sempre están aí, pero non especialmente”, dixo.

Juan Olmedilla, técnico das empresas que instalaron a seguridade no AVE Ourense-Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.