0 Gardados para despois

Un técnico de Adif que o xuíz cre “colaborador” do principal imputado por Angrois di que non tiña competencias

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


El non tiña competencias sobre o deseño da seguridade do AVE Ourense-Santiago no que ocorreu o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 senón que se limitaba a supervisar o seu funcionamento posterior. Esa foi a argumentación que expuxo este mércores no xulgado, nunha moi breve declaración, Fernando Rebón Sartal, xerente de Seguridade na Circulación de Adif para o noroeste imputado como colaborador do seu superior, o daquela director de Seguridade, Andrés Cortabitarte, principal investigado na causa ademais do maquinista por considerar o xuíz que non avaliou os riscos existentes na liña como esixía a normativa.

O instrutor sospeita que a omisión de medidas de seguridade por parte do director de Adif, Andrés Cortabitarte, pode ser extensible ao seu subordinado Fernando Rebón, que compareceu este mércores no xulgado nunha moi breve declaración

Este mércores Rebón Sartal, segundo indican varias fontes presentes na sala, comezou a súa comparecencia indicando que só respondería ás preguntas que lle formulasen o xuíz, o fiscal e o seu avogado, pero non do resto de partes persoadas. Porén, nas poucas preguntas que lle formularon xuíz e fiscal non se puxo o foco en se Rebón Sartal tivo ou non algún papel na decisión de Cortabitarte de autorizar a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control da velocidade que puido evitar o despiste que sufriu o maquinista, que provocou 80 mortes. Tampouco se lle preguntou como soubo desa desconexión. O imputado limitouse a dicir que el non tiña competencias sobre o deseño da seguridade da liña, un dos momentos en que o xuíz sospeita que Adif non avaliou como debera o risco que existía en Angrois.

Nas poucas preguntas que lle formularon xuíz e fiscal non se puxo o foco en se Rebón Sartal tivo ou non algún papel na decisión de Cortabitarte de autorizar a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control da velocidade

Rebón, segundo os presentes na súa declaración, explicou que o seu traballo limitábase a supervisar, con inspeccións de subordinados seus, o funcionamento da liña cando xa estaba en servizo e que nunca recibiu ningunha advertencia sobre ningún risco concreto en Angrois. Nese sentido, o imputado remitiuse á declaración que xa fixera no xulgado dous meses despois do sinistro, en setembro de 2013, na que asegurara igualmente que el non era responsable de decidir a seguridade da liña senón só de supervisar a existente. Porén, non se lle preguntou nada relacionado coa desconexión a bordo dos Alvia, cando estes xa estaban a circular pola liña, do sistema de seguridade, decisión tomada polo seu superior Cortabitarte noutro dos momentos dos que se dubida do xeito en que foron avaliados os riscos.

Cando o xuíz instrutor imputou a Rebón Sartal o pasado febreiro considerou “indubidable” que o seu superior Cortabitarte “tivo que contar coa colaboración” de subordinados

A declaración este mércores de Rebón Sartal prodúcese derivada da declaración hai un ano de Cortabitarte, que desviou responsabilidades cara a outros departamentos, o que levou ao xuíz a ter actualmente imputadas a seis persoas ademais do maquinista: o propio Cortabitarte; o seu subordinado Rebón Sartal, que declarou este mércores; o director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, que permaneceu no cargo cinco anos ata que dimitiu a semana pasada; e tres técnicos da empresa pública Ineco que avaliaron a seguridade do AVE Ourense-Santiago pero que declararon no xulgado que Adif non lles encargou analizar a curva de Angrois. Este mércores, na súa declaración, Rebón lembrou en varias ocasións que o máximo responsable da seguridade era o seu superior, Cortabitarte.

Cando o xuíz instrutor imputou a Rebón Sartal o pasado febreiro considerou “indubidable” que o seu superior Cortabitarte “tivo que contar coa colaboración” de subordinados como el e argumentou que “non é descartable que boa parte dos reproches que xustificaron a imputación” do director de Seguridade “poidan ser extensivos aos seus colaboradores”.

Máis declaracións

Este mércores tamén declarou no xulgado como testemuña un técnico das empresas que instalaron os sistemas de seguridade na liña. Na súa comparecencia dixo que non estaba entre os seus cometidos avaliar os riscos da curva de Angrois, en liña co declarado a finais do ano pasado por tres técnicos da consultar pública Ineco, á que Adif non lle encargou supervisar a seguridade dese punto senón só do resto da liña ata uns metros antes. O mesmo declararon en marzo outros compañeiros da testemuña hoxe comparecente.

As comparecencias no xulgado continúan estes xoves e venres coa ratificación presencial de peritaxes encargadas polas partes e que xa se achegaron por escrito á causa hai meses ou mesmo anos

As comparecencias no xulgado continúan estes xoves e venres coa ratificación presencial de peritaxes encargadas polas partes e que xa se achegaron por escrito á causa hai meses ou mesmo anos. O xoves ratificarán as súas peritaxes dous peritos do maquinista: un experto maquinista que dixo que a seguridade da liña presentaba eivas e unha psicóloga que sinalou que o risco de erro humano como o que sufriu o maquinista debía ser mellor tratado. O venres farano dous peritos designados por Adif que, pola contra, consideraron que a liña cumpría coa normativa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.