0 Gardados para despois

Vítimas de Angrois lamentan que pasasen cinco anos ata a primeira dimisión e apuntan agora ao director de Adif

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Tras o cese do director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, os afectados lembran que o seu homólogo na outra empresa pública, Andrés Cortabitarte, tamén imputado, segue a ocupar outro posto de libre designación

“Un bo comezo”. Así valora o presidente da plataforma de vítimas de Angrois, Jesús Domínguez, a saída do posto de director de Seguridade na Circulación de Renfe de Antonio Lanchares, imputado na causa xudicial polo accidente que hai máis de cinco anos deixou 80 mortos e 144 feridos á entrada de Santiago. E ese é un dos elementos que salienta como negativo, “que tivesen que pasar cinco anos antes da primeira dimisión ou destitución”, que se produce agora, tras pedirllo en persoa o pasado martes no seu primeiro encontro ao novo ministro socialista de Fomento, José Luis Ábalos, malia reclamalo desde hai anos.

Agora as vítimas esperan que esta non sexa a única dimisión ou destitución e apuntan ao daquela homólogo de Lanchares en Adif, Andrés Cortabitarte, tamén imputado, que xa non ocupa ese posto pero que segue en cargos inferiores de libre designación. “Se Lanchares ten responsabilidade, Cortabitarte aínda máis”, salienta Domínguez, que pide á nova presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, que o retire de calquera posto de libre designación superior ao máis básico que lle correspondería como funcionario.

Cortabitarte autorizou a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control da velocidade un ano antes do accidente

Cortabitarte, de feito, foi en quen primeiro puxo o foco a causa xudicial ademais de no maquinista, Franciso José Garzón, tamén imputado, que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese activo ningún sistema que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. Cortabitarte foi quen autorizou a Lanchares a desconectar a bordo dos Alvia un ano antes do sinistro, en xuño de 2012, o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, porque ás veces fallaba e provocaba demoras nos trens. O sistema non foi reparado por Renfe ata un ano despois do accidente, deixando toda a responsabilidade do freado en mans dos maquinistas.

No cargo de director de Seguridade desde 2006, Cortabitarte tamén supervisou o deseño da seguridade da liña previo á súa inauguración en decembro de 2011, proceso no que o ERTMS tamén foi recortado nas vías ata uns quilómetros antes da curva de Angrois. Malia iso, coinciden os peritos xudiciais, de estar activo a bordo do Alvia, frearía o tren nese punto previo á curva se o maquinista non o facía.

En xuño a Axencia Ferroviaria Europea entregou no xulgado un informe no que di que Renfe e Adif deberan realizar unha análise de risco específica cando a primeira pediu e a segunda autorizou desconectar o sistema de seguridade dos Alvia

Tras negarse a declarar en varias ocasións, Cortabitarte acabou comparecendo ante o xuíz en xullo do ano pasado para insistir en que o ERTMS fora desconectado de xeito regulamentario, que a normativa non o obrigaba a realizar ningunha análise específica do incremento de risco que iso supuña en Angrois e que a responsabilidade de frear era do maquinista. Porén, en xuño deste ano a Axencia Ferroviaria Europea entregou no xulgado un informe no que di expresamente que esa desconexión era o suficientemente “significativa” como para si requirir unha análise de riscos específica tanto de Adif como de Renfe.

Cortabitarte e Lanchares, ex-directores de Seguridade de Adif e Renfe respectivamente

Cortabitarte desviou responsabilidades a outros departamentos de Adif e Renfe así como á consultora pública Ineco, o que acabou elevando a cifra de imputados aos sete actuais, entre eles el mesmo e o maquinista

Durante a súa declaración de xullo de 2017 Cortabitarte tamén desviou responsabilidades a outros departamentos de Adif e Renfe así como á consultora pública Ineco. Así foi como o xuíz acabou imputando no último ano a outras cinco persoas ademais do maquinista e Cortabitarte: a un subordinado seu xerente de Seguridade na área noroeste, Fernando Rebón Sartal; a Lanchares como director de Seguridade de Renfe; e a outros tres técnicos de Ineco, que devolveron a pelota a Cortabitarte declarando que Adif nunca lles encargou avaliar o risco da curva.

Ao contrario que Lanchares, que seguía ocupando o mesmo posto de director de Seguridade ata a súa saída del esta semana, Cortabitarte foi pasando nos últimos anos por distintos postos inferiores de Adif non relacionados xa co departamento de Seguridade pero igualmente de libre designación.

Saída de Andrés Cortabitarte da súa declaración no xulgado de Santiago

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.