O caso Angrois segue a avanzar, pero moi aos poucos. O pasado decembro o xuíz instrutor da causa polo sinistro no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e outras 144 persoas resultaron feridas propuxo por segunda vez finalizar a instrución e abrir xuízo oral. O xuízo Lago Louro facíao cun auto que deixaba como únicos acusados ao maquinista, Francisco José Garzón, e mais ao director de Seguridade na Circulación de Adif no momento do accidente, Andrés Cortabitarte.
Pouco despois, a mediados de xaneiro, o fiscal adheríase á postura do xuíz, mentres que en cadanseus recursos de reforma as partes formularon diversas obxeccións. Así, os avogados do maquinista e de Cortabitarte reclamaron exculpar os seus defendidos, mentres que representantes legais das vítimas procuraron que as responsabilidades chegasen tamén a Renfe coa vista posta no xuízo oral. Tres meses despois, o xuíz vén de desestimar os recursos e agora agarda polos formulados ante a Audiencia Provincial da Coruña antes de seguir adiante definitivamente.
O instrutor mantén mantén un cargo de Adif e o maquinista como únicos acusados polo accidente no que morreron 80 persoas
Nun auto datado no 12 de marzo, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, Lago Louro desbota a petición das vítimas de manter como imputado ao ex-director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, Razoa que "cumpriu o seu cometido" de proporcionar un "material rodante tecnicamente axeitado", o tren, e "poñer aos mandos do mesmo" a un maquinista "debidamente formado".
Non era responsabilidade de Lanchares, considera, avaliar os riscos da desconexión do sistema de control constante da velocidade ERTMS tanto a bordo dos trens como nas vías. "A quen compete avaliar ese risco e adoptar as medidas precisas para atallalo é a Adif" e por iso mantén como imputado a Cortabitarte. Tampouco avala acusar o xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de ADIF nin a tres técnicos da empresa pública Ineco.
O instrutor desbota volver imputar outros cargos e agarda pola resolución dos recursos na Audiencia da Coruña, que en 2016 xa ordenara a reapertura da investigación que Lago Louro pechara co maquinista como único acusado
O xuíz tamén desbota exculpar o maquinista, cuxa responsabilidade volve equiparar á do ex-xefe de Seguridade de Adif. "Incumpriu a súa obriga esencial" de "respectar o cadro de velocidades máximas" e isto tivo "un resultado catastrófico", subliña. "O feito de que outros responsables de Adif incumprisen tamén presuntamente a súa obriga de realizar unha correcta avaliación dos riscos" non "exonera" o condutor do tren, resolve.
Unha vez resolvido co seu rexeitamento os recurso das partes, Lago Louro queda á espera de que a Audiencia da Coruña resolva os recursos de apelación que algunhas das partes tamén interpuxeron diante desta instancia superior contra o seu auto. É por iso que dispón a suspensión do trámite de cualificación dos presuntos delitos e de novas dilixencias que algúns dos avogados xa solicitaron. Faráo cando resolva a Audiencia, que en maio de 2016 xa rectificou o xuízo Lago Louro e propiciou a reapertura da investigación, que o instrutor pechara co maquinista como único acusado.