A Audiencia Provincial rectifica ao xuíz e reabre a investigación do accidente do Alvia

Saída dun tren da estación © Boneca Lareta

A Audiencia Provincial da Coruña vén de emitir un auto no que ordena reabrir a instrución que investiga as causas do accidente do Alvia que en xullo de 2013 provocou a morte de 81 persoas en Compostela. O segundo xuíz instrutor que tivo a causa e o fiscal propuxeron pechar a investigación e xulgar xa ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, como único culpable por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois.

Nin xuíz nin fiscal ven relevantes penalmente as decisións de Adif de reducir en 2010 a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente e de autorizar en 2012 a Renfe a desactivar o control de velocidade ERTMS a bordo dos Alvia. As vítimas, pola contra, consideran que o maquinista non é o único culpable e recorreron ante a Audiencia para que se seguise investigando. Agora a Audiencia rectifica a decisión adoptada inicialmente polo maxistrado e conclúe que o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago debe seguir investigando para aclarar diversos extremos expostos nos informes periciais, nos que se inclúen as actuacións decididas por ADIF. 

"Existen indicios de que o método aplicado por ADIF, tanto como pauta xeral como no caso investigado, presenta carencias que determinaron que non se apreciase o risco realmente existente"

A auto da Audiencia Provincial sinala que algúns dos informes periciais permiten soster a existencia de indicios de que na curva da Grandeira se producía un risco de accidente por erro humano de tal intensidade que, de ter sido avaliado, tería imposto a súa minoración ou eliminación, "de xeito que se produciron na avaliación do risco [...] deficiencias técnicas que determinaron que se autorizase a circulación de trens sen adoptar as medidas necesarias para evitar ou reducir o risco de erro humano para xestionar a redución de velocidade na curva". Para a Sala, "existen indicios de que o método aplicado por ADIF, tanto como pauta xeral como no caso investigado, presenta carencias que determinaron que non se apreciase o risco realmente existente e que se transferise ou exportase ao persoal de RENFE sen avalialo nin adoptar medidas para comprobar que o risco se mantiña en niveis tolerables". A Audiencia chega a dicir que Adif actuou de maneira “fragmentaria” ao analizar os distintos riscos existentes na liña, o que lle impediu actuar fronte ao risco concreto existente na curva de Angrois. Unha “fragmentación de funcións e tareas” en Adif que tamén percibía o primeiro xuíz instrutor da causa.

A Sala acorda polo tanto devolver a causa á fase de dilixencias previas para aclarar "se existiu e era normativa e tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco" na liña "que tivese en conta a situación de perigo concretamente existente na curva onde se produciu o accidente". Así mesmo, pídelle ao Xulgado de Instrución número 3 de Santiago que confirme se é certo que, como alude o informe dun dos peritos, "existía un consenso técnico entre os expertos sobre a necesidade de protección das transicións significativas de velocidade mediante sistemas de control continuo ou puntual".

Jesús Domínguez: "O único que lles pedimos é que se poñan a traballar duro, que hai 81 mortos, que é un tema moi grave e que, claramente, hai posibles responsabilidades máis aló do maquinista"

Jesús Domínguez, un dos voceiros da Plataforma Víctimas Alvia 04155, sinala en conversa con Praza que reciben a sentenza "con satisfacción", destacando que a Audiencia "leu con detemento os informes periciais e os recursos". "Calquera persoa que lea os informes, sobre todo o realizado polo perito independente, César Mariñas, ve que neste caso hai responsabilidades máis aló das do maquinista", di. "Pechar o caso así tería sido unha vergoña e un escándalo, pero podería ter sucedido", engade. Domínguez critica tamén o traballo desenvolvido polo xuíz instrutor -Andrés Lago- e polo fiscal -Antonio Roma- e pídelles que atendan as argumentacións recollidas no auto da Audiencia Provincial: "se seguen facendo o que fixeron no último ano e medio, é dicir: nada, vai dar igual que se reabra a investigación, pode pasar coma no caso do metro de Valencia, que segue aberto pero o xuíz non fai nada". "O único que lles pedimos é que se poñan a traballar duro, que hai 81 mortos, que é un tema moi grave e que, claramente, hai posibles responsabilidades máis aló do maquinista", engade.

 

Tres anos de instrución

No accidente de tren de Santiago non había activo nin nas vías nin no Alvia ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o descoido que sufriu o maquinista tras recibir unha chamada do interventor do tren

No accidente de tren de Santiago non había activo nin nas vías nin no Alvia ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o descoido que sufriu o maquinista tras recibir unha chamada do interventor do tren. Dous meses despois do sinistro o primeiro xuíz instrutor da causa, Luís Aláez, imputou a 27 técnicos e directivos de Adif por rebaixar a seguridade da liña. Pero o 31 de outubro de 2013 a Audiencia Provincial da Coruña, co mesmo maxistrado á fronte que agora, Ángel Pantín Reigada, levantou as súas imputacións por consideralas “prematuras” e animou o xuíz a realizar unha “investigación exhaustiva” sobre se a curva de Angrois “esixía ou non, desde unha perspectiva técnica, [...] un sistema de control permanente de velocidade que suplise unha actuación desatenta do condutor”, para o que pediu que contase coa opinión de expertos.

Cun avance desas peritaxes na súa man, o xuíz Aláez volveu imputar en maio de 2014 a 11 exdirectivos de Adif. Pero novamente a Audiencia, encabezada tamén por Pantín Reigada, levantou esas imputacións o 30 de setembro de 2014 porque ao seu xuízo non quedaba demostrado que incumprisen ningunha norma explícita de seguridade. Para entón xa estaba á fronte da instrución un segundo xuíz, Andrés Lago Louro, tras deixar o xulgado o primeiro, Aláez, por motivos persoais. En outubro de 2015 Lago Louro, co apoio do fiscal, deu por pechada a instrución e propuxo abrir xuízo oral contra o maquinista como único responsable penal do accidente. O fiscal pediu para el catro anos de cárcere por 80 delitos de homicidio “por imprudencia grave profesional” e 144 delitos de lesións, así como unha indemnización ás vítimas de 42,8 millóns de euros que debería asumir o seguro de Renfe como empregadora do condutor.

En outubro de 2015 Lago Louro, co apoio do fiscal, deu por pechada a instrución e propuxo abrir xuízo oral contra o maquinista como único responsable penal do accidente

As vítimas critican que o segundo xuíz instrutor pechase a investigación apoiándose en dous peritos da Xunta cuxos informes presentan deficiencias e están baseados na investigación oficial de Fomento, e que pola contra restase credibilidade a un terceiro perito, o único independente elixido por sorteo, que considera que Adif non analizou como debía o risco previsible da curva de Angrois. En particular, as vítimas apuntan a Andrés Cortabitarte, director de Seguridade na Circulación de Adif cando se deseñou e abriu a liña cunha seguridade inferior á prevista inicialmente e quen autorizou desconectar a bordo dos Alvia o control constante de velocidade. Nestes tres anos de instrución, con 60 tomos e máis de 25.000 folios, e a pesar dese papel crave, Cortabitarte non prestou declaración na causa en ningún momento xa que se negou cando foi imputado polo primeiro xuíz instrutor e o segundo non o volveu a chamar nin como testemuña. A propia Audiencia apunta agora o seu nome ao lembrar que Adif validou os riscos existentes na liña Ourense-Santiago a través dunha “certificación de seguridade na circulación (asinada no caso polo sr. Cortabitarte) previa á autorización administrativa de posta en servizo” da liña.

 

Reaccións

O presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, situou a decisión da Audiencia Provincial na "normalidade". "É unha valoración que fai a Audiencia, considerando que había determinados puntos que merecían ser investigados", dixo, rexeitando ademais que a reapertura da instrución supoña "un problema", en referencia aos prazos que fixa a Lei de Enxuizamento Criminal para a revisión das causas.

O PPdeG, a través de Paula Prado, dixo "respectar" a decisión xudicial e asegurou "non temer" a posible imputación de altos cargos do Goberno encabezado por Mariano Rajoy. Pola súa banda, o PSdeG ve "positiva" a reapertura do caso e espera que "non se dilate excesivamente", en palabras do seu portavoz parlamentario, José Luis Méndez Romeu.

En Marea celebrou a decisión e anunciou quee volverá esixir a comisión de investigación no Congreso. "Agardamos que esta decisión da Audiencia Provincial da Coruña sirva tamén para que o PSOE recapacite e rompa o pacto de silencio que mantén co PP neste asunto", engadiu a formación. Finalmente, o BNG subliñou que "a xustiza non se pode exercer se non se coñece a verdade".

Saída dun tren da estación © Boneca Lareta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.