O pasado xaneiro o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) rexistrou o seu escrito de acusación coa vista posta no xuízo polo accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas o 24 de xullo de 2013. Ao remate da instrución xudicial ficaran como únicos procesados o maquinista do tren accidentado e ao daquela director de Seguridade na Circulación do propio Adif, Andrés Cortabitarte.
Naquel escrito a empresa pública exculpaba o seu antigo directivo, que agora ocupa un posto menor de libre designación, e pedía para o maquinista catro anos de cadea e 1,4 millóns de euros de indemnización. Poucos días despois o propio Adif, representado pola Avogacía do Estado, admitiu que esa petición de prisión para Francisco José Garzón era un "evidente erro".
A Avogacía do Estado admite nun escrito elevado ao xulgado que "incorreu nun evidente erro material" ao pedir unha "elevada pena de prisión e inhabilitación" para o maquinista por un tipo penal para o que só están contempladas condenas de multa
Como informou este diario, a devandita petición de cadea para Francisco José Garzón producíase atribuíndolle danos por imprudencia grave, un delito polo cal o condutor do tren nin sequera está imputado e que o Código Penal castiga con multa, non con cadea. Nun escrito dirixido ao xulgado de instrución número 3 de Santiago e datado no pasado 22 de febreiro, ao que tivo acceso Praza.gal, a Avogacía do Estado admite que o seu escrito incorreu "nun evidente erro material" ao "sinalar como pena aplicable a un delito de danos", regulado polo artigo 267 do Código Penal, unha "elevada pena de prisión e inhabilitación".
O precepto penal axeitado, evidencia este novo escrito "sinala unha pena de multa de tres a nove meses" e por iso debe modificar a petición contra Garzón. A correcta é "impoñer ao acusado a pena de multa de nove meses, con responsabilidade penal subsidiaria en caso de impagamento da multa, dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias de multa" non pagada.
Na parte do escrito de acusación que Adif mantén a empresa pública exculpa o seu directivo encausado e pide unha indemnización de case 1,4 millóns de euros polos danos do accidente na infraestrutura
No seu escrito ao xulgado o Adif non modifica o resto do seu escrito de acusación. Segue a optar, daquela, por exculpar a Cortabitarte, a quen o xuíz instrutor propón xulgar por delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave profesional, igual que ao maquinista, pero no seu caso por non habilitar medidas que evitasen o previsible erro humano do condutor do Alvia.
A compañía pública mantén, igualmente, que o maquinista -ou, no seu defecto, a empresa pública Renfe e o seu seguro- abonen unha indemnización por case 1,4 millóns de euros, importe no que cuantifica os danos causados polo descarrilamento na infraestrutura ferroviaria da curva da Grandeira e a súa contorna.