Adif pide catro anos de cadea para o maquinista do Alvia por delito de danos, polo que non está imputado

Fragmento do escrito de acusación de Adif no que pide catro anos de cadea contra o maquinista do Alvia CC-BY-SA Praza Pública

A empresa pública sinala que ela non pode legalmente acusalo por homicidio pero muda a pena de multa que contempla o Código Penal para os danos por unha petición de prisión 

Catro anos de cadea e 1,4 millóns de euros de indemnización. Esa é a pena que a empresa pública Adif solicita para o maquinista do tren Alvia accidentado en Angrois, Francisco José Garzón, por un delito de danos por imprudencia grave. A petición prodúcese malia que o condutor non está imputado por ese delito, que o Código Penal castiga con multa. A propia Adif sinala no seu escrito de acusación que legalmente non pode acusar ao maquinista de homicidio por imprudencia, o delito polo que vén sendo investigado e polo que tamén está acusado polo xuíz un cargo da empresa pública, ao que esta exculpa. 

Xuíz instrutor e fiscal acusan tamén polo sinistro a un cargo de Adif ao que a empresa pública exculpa

A comezos do pasado decembro o xuíz instrutor do accidente de Angrois deu por rematada a investigación e propuxo levar a xuízo, co apoio posterior do fiscal, ao maquinista e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave profesional, no primeiro caso por despistarse e non frear a tempo o tren antes da curva de Angrois, na que descarrilou deixando 80 mortos e 144 feridos, e no segundo caso por non habilitar medidas que evitasen ese previsible erro humano. Un mes máis tarde Adif presentou o seu escrito de acusación, agora desvelado, no que apunta só contra o maquinista e obvia o seu cargo, que segue a ocupar un posto menor de libre designación nesa empresa pública. 

No seu escrito, asinado polo avogado do Estado, a empresa pública admite que “non formula acusación polos posibles delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave profesional, toda vez que o Adif carece de lexitimación para a persecución deste tipo de delitos e que o Tribunal Constitucional nega a posibilidade de que os órganos e organismos públicos exerzan a acusación popular”. Así, Adif opta por considerar o accidente “un delito de danos por imprudencia grave tipificado no artigo 267 do Código Penal” polo que que considera “responsable en concepto de autor o encausado Francisco José Garzón” e polo que di que “procede impor ao encausado a pena de prisión de catro anos”. Porén, o artigo 267 do Código Penal indica que “os danos causados por imprudencia grave en cuantía superior a 80.000 euros [como é o caso] serán castigados coa pena de multa de tres a nove meses, atendendo á importancia dos mesmos”. 

Escrito de acusación de Adif contra o maquinista do Alvia CC-BY-SA Praza Pública

Adif tamén pide unha indemnización de 1,4 millóns de euros polos desperfectos que o descarrilamento causou na súa infraestrutura ferroviaria

Adif tamén pide no seu escrito que o maquinista, e no seu defecto a súa empregadora, Renfe, e o seguro desta, a indemnicen cos preto de 1,4 millóns de euros en que cuantifica os danos producidos polo descarrilamento á súa infraestrutura ferroviaria. Igualmente, pide seis anos de inhabilitación profesional para o maquinista, que tras recuperarse do accidente foi destinado por Renfe a un posto de traballo nun taller afastado da condución de trens. A petición de catro anos de cadea de Adif para o maquinista por un delito de danos é similar á que formulara en 2015 o anterior fiscal do caso contra el por delitos de homicidio e lesións e que quedara en nada despois de que a Audiencia Provincial da Coruña reabrira o caso para investigar máis responsabilidades. Actualmente, despois da proposta do xuíz de dar por pechado o caso acusando ao maquinista e ao cargo de Adif por homicidios por imprudencia, varias partes elevaron recursos ante a mesma Audiencia, que está pendente de resolver. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.