Un dos seus retos, ademais de rematar a xa moi avanzada liña de AVE entre Galicia e a Meseta, será o de xestionar a investigación de Angrois, que a empresa pública obstaculizou en varias ocasións
Isabel Pardo de Vera (Lugo, 1975), será a nova presidenta de Adif, a empresa pública dependente do Ministerio de Fomento encargada de construír e xestionar as liñas ferroviarias. De perfil técnico, con sona de esixente coas construtoras e con cargos tanto durante gobernos socialistas como populares, Pardo de Vera era ata o de agora directora xeral de Construción e Explotación de Adif, unha das sete direccións xerais da empresa.
Pardo de Vera foi ascendendo na estrutura de Adif a través de diversos postos inferiores, entre eles o de xerente en Galicia, ata que a comezos de 2016 deixou a empresa estatal e foi nomeada directora de mobilidade da Deputación de Pontevedra, nunha saída que foi vista por diversas fontes como froito dunha loita interna entre cargos de Adif. Menos dun ano despois Pardo de Vera volvería a Adif con máis responsabilidades e agora converterase na primeira muller en encabezar a empresa pública.
A propia Pardo de Vera ocupou varios cargos que a relacionan con ese sinistro, tanto como directora de obras como posteriormente como superiora do imputado e recolocado ex-director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte
Entre os retos de Pardo de Vera, ademais de rematar a liña de AVE entre Galicia e a Meseta xa en moi avanzado estado de execución, está o de xestionar a investigación sobre o accidente de Angrois, no que Adif dificultou en varias ocasións ao longo destes cinco anos a instrución xudicial. A propia Pardo de Vera ocupou ata agora varios cargos que a relacionaron con ese sinistro. Por unha banda, como sinala Europa Press, foi directora de obra de varios treitos da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente, entre eles o acceso a Santiago no que está emprazada a curva de Angrois. Posteriormente, baixo a súa supervisión sería recolocado en varios postos inferiores pero igualmente de libre designación o que era Director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, imputado polo accidente.
Tamén Renfe, a empresa pública equivalente a Adif encargada dos trens, puxo en varias ocasións obstáculos á investigación de Angrois. A súa presidencia recaerá agora en Isaías Táboas, que foi secretario de Estado de Transportes cando era ministro de Fomento José Blanco, época na que se rematou e inaugurou o AVE Ourense-Santiago.