O autor dunha norma na que se escudou Adif para rebaixar a seguridade da curva nega no Congreso a interpretación dela que fai esa empresa pública, cuxo daquela director de Seguridade vén de ser acusado polo xuíz instrutor en similar grao que o condutor
“Eu coñezo o sector e sei que hai medo, eu sentín ese medo tamén, por estar nun sector que non quere abrirse”. Así o dixo este mércores no Congreso un cargo de Fomento durante varios gobernos experto en seguridade ferroviaria que intentou desmontar varios dos argumentos que viña empregando tanto o ministerio como Adif para culpar do accidente do Alvia de xullo de 2013 só ao maquinista por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois. Hai dúas semanas o xuíz instrutor do caso xa rexeitou parte deses argumentos de Adif e Fomento e propuxo dar por pechada a investigación xulgando tamén xunto co condutor, Francisco José Garzón, ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, como responsable en igual grao de 80 homicidios por imprudencia por non habilitar medidas que evitasen o erro humano.
Jorge Iglesias Díaz é actualmente director do Laboratorio de Interoperabilidade Ferroviaria do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) do Ministerio de Fomento. Hai unhas semanas, antes de que o xuíz propuxese xulgar tamén ao cargo de Adif, Iglesias enviou unha carta á comisión de investigación aberta no Congreso desmentindo a outros comparecentes previos o argumento, tamén expresado pola empresa pública no xulgado, pero desbotado polo xuíz, de que unha norma obrigaba a deixar desprotexida a curva de Angrois. Iglesias, como un dos responsables de elaborar esa norma, nega esa interpretación que fai Adif, e así o ratificou este mércores ao ser chamado a comparecer no Congreso, onde dixo que a empresa pública tiña a posibilidade de deseñar a seguridade da curva de Angrois de varios xeitos distintos que a deixarían máis protexida que o finalmente elixido.
Adif emitiu unha insólita nota de prensa cargando contra o experto e acusándoo de non alertar antes dos supostos riscos da curva de Angrois
Tras a carta de Iglesias ao Congreso criticando a Adif, e antes da súa comparecencia deste mércores, a empresa pública emitiu unha insólita nota de prensa (non adoita pronunciarse sobre o accidente) cargando contra el e acusándoo de non alertar deses supostos riscos da curva de Angrois malia traballar na súa construción. Iglesias respondeu este mércores que naquel momento el non tiña entre as súas responsabilidades supervisar os sistemas de seguridade do AVE Ourense-Santiago senón só coordinar as diversas obras que se estaban a facer. Pero esa nota de prensa de Adif contra a súa visión crítica foi o fío do que este mércores tiraron varios grupos parlamentarios para cargar contra a versión oficial de que a culpa fora só do maquinista na que incidiron Fomento e Adif tras o sinistro.
“Ou facemos unha compañía na que os que falen claro suban, ou teremos problemas”, di o comparecente
A Iglesias preguntóuselle tanto por esa nota de prensa de Adif crítica contra el como pola comparecencia previa contraditoria de quen presidiu a investigación oficial de Fomento sobre o accidente, que hai dous meses dixo no Congreso inicialmente que a daquela ministra Ana Pastor lle impedira refacer esa análise como pediu a UE pero que ás poucas horas rectificou. Varios grupos interpretaron esa rectificación de hai dous meses como produto de novas presións e este mércores Iglesias, tanto ao ser preguntado por ese feito como polas críticas dirixidas contra el mesmo, foi cando falou do “medo” no sector ferroviario español.
“Grazas a Deus estou no Cedex, que é un sitio que se caracteriza pola súa neutralidade e fixemos a veces traballos en contra do propio ministerio”, dixo, para engadir que “ou facemos unha compañía na que os que falen claro suban, ou teremos problemas”. Iglesias tamén se referiu a outro comparecente previo que tamén se amosara crítico con Adif e Fomento, Jaime Tamarit, experto e impulsor do sistema de seguridade ferroviaria que estaba desconectado no accidente de Angrois, do que dixo que a súa situación de “xubilado” facilítalle ser máis crítico que a doutros comparecentes que seguen a traballar no sector.
Directora de Seguridade de Adif e perito de parte
Este mércores tamén compareceu no Congreso a directora de Seguridade de Adif, que previamente foi perito de parte da empresa na causa xudicial e que asegura que se cumpriu coa normativa de seguridade
Este mércores tamén compareceu no Congreso Esther Mateo, que vén de ser ascendida a directora xeral de Seguridade de Adif e previamente actuou como perito de parte da empresa pública na causa xudicial aberta polo accidente de Angrois. No seu informe, que ratificou verbalmente no xulgado o pasado setembro, Mateo defendeu que Adif “actuou de acordo cos procedementos que incorpora o Sistema de Xestión da Seguridade” da propia empresa e que a liña de AVE Ourense-Santiago foi executada “de acordo coas normas técnicas que eran de aplicación”. Tamén dixo que Adif non ten en conta para avaliar os riscos das súas liñas o factor humano, como o despiste que sufriu o condutor do Alvia, xa que ese é un labor de Renfe, como empresa da que dependen os maquinistas.
Esas explicacións de Mateo como perito non evitaron que o xuíz instrutor do caso veña de propoñer pechar a investigación levando a xuízo, ademais de ao maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, a quen daquela era director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar correctamente o risco que existía en Angrois dun erro humano sen que estivese activo ningún sistema de seguridade que o evitase ou paliase.
Fronte á versión oficial que fai recaer no maquinista toda a responsabilidade, Mateo chegou a dicir este mércores que non pode atribuírse ao director de Seguridade de Adif toda a responsabilidade de poñer en servizo a liña con carencias de seguridade, como mantén o xuíz
Este mércores, na súa comparecencia no Congreso, Mateo centrou igualmente a súa intervención en que Adif cumpriu coas normas de posta en servizo da liña e evitou pronunciarse sobre feitos posteriores relacionados coa seguridade argumentando que non os analizou na súa peritaxe, limitada só ao primeiro momento. Igualmente, insistiu que a análise dos riscos de erro humano dos maquinistas correspondería a Renfe, non a Adif.
Fronte á versión oficial que fai recaer no maquinista toda a responsabilidade, Mateo chegou a dicir este mércores que non pode atribuírse a Cortabitarte toda a responsabilidade de poñer en servizo a liña con carencias de seguridade, como mantén o xuíz. “Sería impensable que a última persoa aúne toda a responsabilidade”, dixo, para engadir que nese punto final de revisión da seguridade da liña o cargo acusado polo xuíz “ten responsabilidade só administrativa”.