Feijóo di que o investigador de Angrois que acusou a Ana Pastor “pode ter responsabilidades penais”

Feijóo, este xoves na súa comparecencia tras o Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saíu este xoves en defensa da ex-ministra Ana Pastor despois de que este mércores quen foi presidente da comisión oficial que investigou o accidente de Angrois dixese, e logo se desdixese, que ela impedira continuar as pescudas sobre o sinistro cando así o reclamou a Unión Europea. Feijóo lembrou que “nunha comisión de investigación un relato incorrecto pode ter responsabilidades penais”.

O presidente considera que “quedou suficientemente claro que a ministra non deu ningunha instrución”

Este mércores Vicente Rallo Guinot, xefe da investigación oficial de Fomento que en 2014 concluíu que a responsabilidade do accidente era só do maquinista (hoxe na causa penal están imputados outros seis técnicos ademais do maquinista), dixo no Congreso pola mañá que Pastor non quixo reabrir as pescudas cando en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea así llo pediu a España. Poucas horas máis tarde, despois de que diversos cargos populares e da contorna de Pastor, hoxe presidenta do Congreso, se mobilizasen na súa defensa como hoxe Feijóo, Rallo Guinot volveu pedir comparecer na Cámara para dicir que non dixera o que si dixera, o que o situaría no transo de ter mentido pola mañá ou pola tarde.

Para Feijóo o cambio de postura “non debe sementar ningunha dúbida porque este señor fixo unhas declaracións, se lle pediu que as rectificase e as rectificou de forma inmediata”

Xa este mércores desde a contorna de Pastor se fixo ver que mentir nunha comisión de investigación parlamentaria pode ser perseguido como un delito. E iso mesmo volveu lembrar este xoves Feijóo. Preguntado se as declaracións de Rallo Guinot sementan algunha dúbida sobre a actuación de Pastor tras o accidente de Angrois, Feijóo dixo que “non debe sementar ningunha dúbida porque este señor fixo unhas declaracións, se lle pediu que as rectificase e as rectificou de forma inmediata”.

Para Feijóo “quedou suficientemente claro que esa comisión é independente para facer as investigacións que procedan en relación co accidente de Angrois e que a ministra non deu ningunha instrución ao respecto”. Porén, tanto a Axencia Ferroviaria Europea como a Audiencia Provincial da Coruña consideraron no seu momento que esa comisión de investigación oficial non era independente cando analizou o accidente de Angrois xa que os seus membros eran nomeados polo Ministerio de Fomento, situación que hoxe xa cambiou xa que son aprobados polo Congreso.

Por outra banda, malia que tras o accidente a daquela ministra Pastor asegurou que Fomento facilitaría en todo o posible as investigacións, diversas ocultacións e demoras de Adif e Renfe veñen obstaculizando nestes anos a instrución penal do sinistro.

 

Vicente Rallo Guinot, presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento cando investigou Angrois Dominio Público Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.