Como este xoves fixeron avogados defensores de Adif e Renfe cos peritos de parte do maquinista accidentado na curva de Angrois, este venres avogados do condutor e das vítimas do sinistro intentaron rebater no xulgado de Santiago as afirmacións que alí fixeron dous peritos designados pola primeira das empresas públicas. Estes ratificaron presencialmente as peritaxes que entregaran por escrito o pasado xaneiro e nas que afirman que a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente cumpría coa normativa de seguridade.
As declaracións dos expertos de parte da empresa ferroviaria prodúcense despois de que un día antes peritos do maquinista afirmasen o contrario
Na instrución do accidente o xuíz sospeita que Adif e Renfe non avaliaron como debían o risco da curva, que carecía de ningún sistema que evitase ou paliase un exceso de velocidade por un despiste dun maquinista como o que ocorreu o 24 de xullo de 2013 provocando 80 mortes, cuestión pola que están imputados seis técnicos ademais do maquinista. O pasado xuño un informe da Axencia Ferroviaria Europea incidiu na necesidade de realizar avaliacións específicas de risco tanto cando Adif e Renfe desconectaron en 2012 a bordo dos Alvia o sistema de control da velocidade que deixaba en mans do maquinista toda a responsabilidade de frear como cando se deseñou a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago antes da súa inauguración en 2011 e recurtouse uns quilómetros antes da curva.
A visión contraria por parte de Adif ratificárona este venres no xulgado os seus peritos: Esther Mateo, que era directora de instalacións da empresa pública cando emitiu en xaneiro o seu informe e que vén de ser ascendida a directora xeral de Seguridade; e Antonio Puyol, enxeñeiro industrial dedicado á avaliación da seguridade no sector ferroviario coa súa empresa familiar, que participou como consultora de seguridade da liña Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente e que segundo admitiu el mesmo na sala vén de recibir "contratitos" de Adif. Ás portas do xulgado vítimas do sinistro dubidaron da súa independencia e reclamáronlles que non puxesen por diante os intereses da empresa pública.
Vítimas de Angrois ás portas dos xulgados [CC BY-SA Praza Pública]
Ás portas do xulgado vítimas do sinistro reclamaron aos peritos de Adif que non puxesen por diante os intereses da empresa pública
Nas súas peritaxes os dous coinciden en indicar que a seguridade no sistema ferroviario está fragmentada entre diversos responsables, incluídos os maquinistas, e que Adif actuou de xeito correcto na liña Ourense-Santiago malia permitir que non houbese ningún sistema automático que frease os trens no caso dun erro humano como o ocorrido. Segundo Puyol, a aplicación do regulamento europeo que establece como avaliar a seguridade “non sería preceptiva no momento da posta en servizo [da liña Ourense-Santiago] debido ao avanzado estado de desenvolvemento das obra”. E engade que “aínda no suposto de realizarse unha EIR [Avaliación Integral de Riscos] involucrando a todos os subsistemas estruturais, os resultados non serían diferentes” e, ao seu ver, o risco dun accidente por despiste do maquinista como o que ocorreu sería “un suceso de frecuencia incrible”.
Puyol si admite que ese regulamento europeo si sería aplicable ao subsistema de control, mando e sinalización (CMS), porque sufrira un cambio entre o seu deseño inicial e o que finalmente funcionou, pero desbota que ese incumprimento fose importante porque di que as esixencias dese regulamento foron aplicadas igualmente a través doutro procedemento, segundo insistiu tamén este venres.
Un dos peritos admite que non se cumpriu cun regulamento europeo pero di que as súas esixencias se aplicaron doutro xeito
Pola súa banda, Mateo defende que a súa empresa “actuou de acordo cos procedementos que incorpora o Sistema de Xestión da Seguridade” e que a liña foi executada "de acordo coas normas técnicas que eran de aplicación a cada subsistema", matizando que un tipo de análise de riscos, o denominado Hazard Log ou rexistro de riscos, “só é preciso no caso do subsistema de Control, Mando e Sinalización, e así se fixo”. Este venres, na súa ratificación verbal ante o xuíz, Mateo, segundo varios asistentes, explicou que Adif non ten en conta o factor humano xa que ese é un labor de Renfe, como empresa da que dependen os maquinistas.
Este xoves dous peritos designados polo avogado do maquinista accidentado ratificaron no xulgado que era previsible un accidente na curva de Angrois e Adif debera tomar medidas para evitalo
Os dous peritos de Adif compareceron este venres no xulgado durante varias horas despois de que este xoves o fixesen dous peritos designados polo avogado do maquinista accidentado: Ángel Luis Sanz Cubero, maquinista cunha longa experiencia na formación doutros condutores, e Pilar Calvo, psicóloga especializada na análise de erros humanos. Os dous se ratificaron nas peritaxes que, como este venres os de Adif, xa entregaran por escrito en 2015 (o xuíz non considerou necesario ratificalas presencialmente ata agora). Nelas, a partir da análise de cuestións ferroviarias e psicolóxicas moi distintas coinciden en que era previsible, e Adif debera tomar medidas para evitalo, un accidente na curva de Angrois.
Vítimas e maquinista queren que comparezan no xulgado expertos da Axencia Ferroviaria Europea, "únicos imparciais"
Este venres tanto os avogados das vítimas como do maquinista coincidiron na necesidade de que comparezan no xulgado para unha ratificación verbal similar os expertos da Axencia Ferroviaria Europea que o pasado xuño emitiu un duro informe sobre os incumprimentos na avaliación de riscos. Consideran que os técnicos comunitarios, a diferenza dos de Adif, son os "únicos imparciais" con capacidade para pronunciarse sobre a cuestión.
A declaración destes catro peritos prodúcese despois da comparecencia este mércores como investigado do xerente de Seguridade na Circulación de Adif para o noroeste, Fernando Rebón. O xuíz imputouno no seu momento por considerar que a omisión de medidas de seguridade e de avaliación do risco que se lle atribúen ao principal imputado ademais do maquinista, o director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, poden ser extensibles a Rebón como subordinado seu. Este mércores, pola contra, Rebón negou ter competencias sobre o deseño da seguridade da liña e dixo que se limitaba a avaliar o seu funcionamento, lembrando que o máximo responsable era Cortabitarte.