A comisión de accidentes de tren non volverá investigar aínda o de Angrois tras dous anos pedíndollo a UE

Fernando Montes Ponce de León, actual presidente de la Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) Dominio Público Congreso dos Deputados

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) vén de decidir este venres non reabrir aínda a súa análise sobre o accidente de Angrois realizada hai máis de catro anos e darse máis tempo para estudar se deben ou non facelo. A realización dunha nova investigación oficial independente do accidente de Angrois que analice o sinistro máis alá do erro humano que sufriu o maquinista é unha reclamación que a Comisión Europea leva realizando a España desde que hai dous anos concluíu que a investigación que no seu momento realizara a CIAF non fora correcta. Malia esa petición, a CIAF insiste en que "non hai novos datos nin información que xustifique" a repartura.

Os investigadores de Fomento danse máis tempo para decidir se reabren a súa análise ou non tras concluír inicialmente que a única causa fora o despiste do maquinista

Ademais do maquinista, na investigación penal que se está a realizar nun xulgado de Santiago están actualmente imputados outros seis técnicos de Adif, Renfe e a consultora pública Ineco pola súa posible responsabilidade na ausencia de medidas de seguridade que evitasen o previsible erro humano do condutor, que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que ningún sistema o evitase.

A Axencia Ferroviaria Europea criticou que non tiveron en conta eivas de seguridade polas que hoxe están imputados na causa xudicial outras seis persoas

Un ano despois do accidente a CIAF emitiu o seu informe oficial sobre o sinistro considerando que a única causa do mesmo fora o despiste do maquinista. Ese informe, que influíu inicialmente nas peritaxes da instrución xudicial, foi descualificado máis tarde tanto pola Audiencia Provincial da Coruña como pola Axencia Ferroviaria Europea, que considerou que non era independente porque os membros da CIAF foran nomeados polo Ministerio de Fomento, e que criticou tamén o seu contido por centrarse só no maquinista e non analizar outras causas subxacentes como a ausencia dunha análise dos riscos existentes na liña de AVE Ourense-Santiago, considerada clave tamén na instrución xudicial. O Goberno do PP bloqueou a divulgación desa crítica comunitaria ata que pasaron as eleccións xerais de 2016.

Informe da Axencia Ferroviaria Europea que ratifica que a investigación de Fomento sobre Angrois non foi independente

A comisaria europea de Transporte leva dous anos pedindo a España que cumpra coa obriga da normativa comunitaria de realizar unha análise oficial correcta do sinistro

Tras esas críticas da axencia comunitaria, a comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, pediu en reiteradas ocasións a España que cumprise coa obriga da normativa europea de realizar unha análise oficial correcta do sinistro. A resposta que deu o anterior Goberno popular foi que tras o accidente de Angrois xa se reformara a CIAF para que os seus membros deixasen de ser nomeados directamente por Fomento e fose o Congreso quen aprobase a proposta de nomes que realizase o ministerio. A UE considerou que iso xa garantía a independencia da CIAF e o Goberno argumentou que se agora xa era independente, xa non podía ordenarlle reabrir a investigación.

A situación quedaba en mans da propia CIAF, cuxo novo presidente, Fernando Montes Ponce de León, proposto polo PP e ratificado polo Congreso, ven negándose ata o de agora a volver a analizar o accidente. O anterior, que estaba no cargo cando se fixera a primeira investigación, Vicente Rallo, asegurou a principios deste mes no Congreso que tras as críticas da axencia europea el viu con bos ollos reabrir a investigación pero que a daquela ministra, Ana Pastor, impediullo, algo que ás poucas horas Rallo negaría ter dito.

O que pedían as vítimas non era que a CIAF, de cuxa independencia seguen a dubidar, reabrise a investigación, senón que a propia Axencia Ferroviaria Europea liderase unha nova análise do sinistro con técnicos independentes

Tras o cambio de Goberno, as vítimas volveron solicitar ao novo titular de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, que dese resposta á reclamación da UE dunha nova investigación oficial. Porén, este venres a CIAF reuniuse e decidiu non decidir aínda nada e seguir estudando a situación antes de decidir se atenden ou non a petición da UE. "No Pleno da CIAF celebrado o 26 de outubro, considerouse que nestes momentos non hai novos datos nin información que xustifique unha reapertura do Informe Técnico de Santiago. Con todo, debido ás peticións recibidas e á vista da composición actual do Pleno, ábrese un período para estudar a posibilidade de realizar algunha acción ou análise adicional, en base á documentación existente", é toda a explicación que ofrece a comisión.

As vítimas van máis alá de pedir que se reabra a investigación da CIAF, de cuxa independencia seguen a dubidar, e reclaman que a propia Axencia Ferroviaria Europea participe nunha nova análise do sinistro con técnicos independentes.

Conclusións da CIAF culpando do accidente ao despiste do maquinista Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.