0 Gardados para despois

O Goberno frea que a UE divulgue antes das xerais o seu informe sobre Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Unha alegación de última hora presentada polo Goberno de España impide que a Unión Europea faga públicas antes das eleccións xerais as súas consideracións sobre o accidente do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos á entrada de Santiago, na curva de Angrois. Vítimas do sinistro reclamaron a Bruxelas, en aplicación da normativa comunitaria sobre transparencia, que lles fixese chegar un informe que elaboraron os responsables comunitarios en materia ferroviaria. O BNG tamén o solicitou e o pasado mércores 15 de xuño comunicáronlle á súa voceira en Bruxelas, Ana Miranda, que a decisión sobre se é posible divulgalo non sería tomada ata despois das eleccións xerais. Agora un responsable comunitario vén de comunicarlles ás vítimas que o motivo desa demora é ter tempo “para considerar unha última alegación legal de España”.

A Axencia Ferroviaria Europea dille ás vítimas que antes de decidir se lles entrega ou non o seu informe debe estudar “unha última alegación legal de España”

Antes de que ocorrese o accidente de tren de Santiago, a Unión Europea xa abrira unha investigación sobre o grao de adaptación da normativa española á comunitaria en materia ferroviaria. Un dos elementos que estaba en cuestión era o grao de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), nomeada polo Ministerio de Fomento. A investigación que realizou a CIAF sobre o accidente de Angrois concluíu que o único responsable do sinistro foi o maquinista por despistarse e non frear a tempo logo de recibir unha chamada telefónica do interventor do tren. Ese informe serviu de base para a investigación xudicial, que o instrutor propuxo pechar culpando soamente o condutor. A finais de maio a Audiencia Provincial da Coruña reabriu o caso, cualificou o informe da CIAF como “non independente” e pediu que se estuden mellor as peritaxes que din que ADIF non analizou como debía o risco que supuñan as súas decisións de reducir as medidas de seguridade na liña ferroviaria. Tras o seu informe sobre Angrois, Fomento reformou a CIAF e dotouna de maior independencia.

Neste contexto, as vítimas do accidente solicitaran da Axencia Ferroviaria da Unión Europea o informe que estaba elaborando sobre o sistema ferroviario español e as consideracións que nel se puideran facer sobre como a CIAF investigou o sinistro de Angrois. Tras varias declaracións contraditorias nas últimas semanas, responsables comunitarios acabaron confirmando que a investigación sobre o sistema ferroviario español está rematada, pero amosaron as súas dúbidas sobre a interferencia que podería supor na causa xudicial argumentando que non analiza o accidente en si senón o grao de independencia da CIAF cando o investigou.

As vítimas viñan advertindo das presións que o Goberno de España estaba a exercer en Bruxelas para non divulgar o informe, o que agora din ver ratificado

As vítimas viñan advertindo das presións que o Goberno de España estaba a exercer en Bruxelas para non divulgar o informe, o que agora din ver ratificado coa última comunicación que veñen de recibir da axencia ferroviaria europea. Nela o seu director executivo comunicoulles o pasado venres que a súa entidade “necesita ampliar o prazo para considerar unha última alegación legal de España”. E engade que a axencia aínda está debatendo coa Comisión Europea se pode divulgar o seu informe en cumprimento da normativa comunitaria de transparencia ou se este debe permanecer segredo porque así o contemple algunha excepción, polo que solicita “máis tempo para que isto sexa clarificado”. A nova data que ofrece o director executivo da axencia é tras as eleccións xerais. “Poderei tomar unha decisión final o 8 de xullo”, conclúe o responsable da axencia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.