A resposta oficial que agora dá o Goberno central ás vítimas permitirá que estas poidan abrir outra vía xudicial contra o incumprimento por parte do Estado da normativa europea
A análise técnica do accidente de Angrois realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do daquela Ministerio de Fomento non foi independente e non valorou outras causas máis alá do erro humano do maquinista. Así o considera a Unión Europea, que vén reclamando sen éxito a España que realice unha investigación do sinistro que cumpra a normativa comunitaria. Para forzar que se faga, a plataforma de vítimas do accidente iniciou o pasado decembro unha estratexia que agora lle permitirá abrir unha nova causa xudicial contra o Estado na vía contencioso-administrativa independente da vía penal que leva sete anos e medio aberta e aínda pendente de resolución.
En decembro as vítimas pediron formalmente ao Ministerio de Transportes por unha banda o cesamento dos membros da CIAF pola súa negativa a realizar a nova investigación e, por outra, que se realice esa investigación de acordo coa normativa europea. Agora o ministerio vén de responderlles oficialmente rexeitando a petición de cesamento e obviando a reclamación dunha nova investigación, resolución formal asinada polo subsecretario de Transportes que pode ser recorrida, segundo se indica nela mesma, ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que será o que farán as vítimas.
Bruxelas considera que os investigadores non eran independentes e se centraron só en analizar o erro do maquinista e non outras causas, como a falta de avaliación de riscos pola que está imputado un cargo de Adif
A resolución agora emitida polo ministerio rexeita a petición de cesamento dos membros da CIAF formulada polas vítimas argumentando que o feito de que antes traballasen para empresas do sector non afecta á súa independencia. Nada di a resolución do motivo de cesamento contemplado na lei para o caso de “grave incumprimento das obrigas propias do cargo desempeñado”, como consideran as vítimas que se está a producir ao negarse os membros da CIAF a cumprir coa normativa europea sobre investigacións de accidentes ferroviarios.
A investigación técnica do accidente realizada no seu momento pola CIAF influíu nos primeiros momentos da investigación penal ata o punto de que un perito xudicial imposto pola Xunta plaxiou parágrafos enteiros daquela análise. Agora a plataforma de vítimas quere que se cumpra coas esixencias europeas de independencia dos investigadores e análise de causas subxacentes máis alá do maquinista.
Mentres, a causa penal polos 80 falecidos no sinistro está pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña avale ou rectifique a proposta do xuíz instrutor de xulgar como iguais responsables do accidente ao maquinista do tren Alvia por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif por non paliar correctamente o risco que alí existía. Malia eses indicios de delito máis alá do maquinista na investigación penal, a investigación da CIAF puxo o foco só nel.