A plataforma de afectados quere que a xustiza se pronuncie sobre a negativa a realizar unha nova investigación técnica do sinistro como reclama a UE
A análise técnica do accidente de Angrois realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do daquela Ministerio de Fomento non foi independente e non valorou outras causas máis alá do erro humano do maquinista. Así o considera a Unión Europea, que vén reclamando sen éxito a España que realice unha investigación do sinistro que cumpra a normativa comunitaria. Para forzar que se faga, a plataforma de vítimas do accidente abre agora unha nova causa xudicial contra o Estado na vía contencioso-administrativa independente da vía penal que leva sete anos e medio aberta e aínda pendente de resolución e ante a parálise política do caso.
Bruxelas considera que os investigadores do ministerio non eran independentes e que se centraron só en analizar o erro do maquinista e non outras causas subxacentes, como a falta de avaliación de riscos pola que está imputado un cargo de Adif
A causa penal polos 80 falecidos no sinistro está pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña avale ou rectifique a proposta do xuíz instrutor de xulgar como iguais responsables do accidente ao maquinista do tren Alvia por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif por non paliar correctamente o risco que alí existía. Malia eses indicios de delito máis alá do maquinista na investigación penal, a investigación técnica puxo o foco só nel, e malia que a UE segue reclamando unha nova análise a CIAF négase e o Goberno central argumenta que agora ese organismo xa é independente e non pode darlle a orde de que a faga.
Para intentar desbloquear esa situación a plataforma de vítimas presentou este venres un escrito ante o ministerio e a CIAF no que reclama ao primeiro que renove a composición da segunda para que non permaneza nela ningunha persoa relacionada dun ou doutro xeito con Adif ou Renfe e no que tamén pide á CIAF que realice unha nova investigación cumprindo a normativa europea. Se o ministerio e a CIAF rexeitan as peticións que formalmente se lle formulan tanto cunha negativa expresa como con silencio administrativo, a plataforma recorrerá esa resposta da administración ante un xulgado do contencioso-administrativo, ao que pedirán que faga que o Estado español cumpra a normativa europea ao respecto.
A investigación técnica do accidente realizada no seu momento pola CIAF influíu nos primeiros momentos da investigación penal ata o punto de que un perito xudicial imposto pola Xunta plaxiou parágrafos enteiros daquela análise. Agora a plataforma de vítimas quere que se cumpra coas esixencias europeas de independencia dos investigadores e análise de causas subxacentes máis alá do maquinista nunha nova investigación técnica que ao seu ver permitiría retomar con máis criterios de análise a investigación política aberta no seu momento no Congreso dos Deputados que nunca chegou a emitir as súas conclusións tras a declaración hai case dous anos dos ex-ministros José Blanco e Ana Pastor.
“Di moi pouco das nosas institucións que aínda non se puxera en marcha a investigación independente que solicitou a UE", lamentan as vítimas
“Di moi pouco das nosas institucións e dos nosos gobernantes que aínda non se puxera en marcha a investigación independente que solicitou a UE reiteradamente. E aínda di moito menos que o ministro Ábalos leve máis de dous anos ninguneándonos. É indignante que nin nos conteste, a pesar de declarar publicamente que recibiría ás vítimas cada vez que faga falla”, lamenta a plataforma de afectados.