A causa volve ao punto en que estaba hai un ano, co tribunal provincial a piques de resolver sobre os dous mesmos acusados, decisión que aprazou á espera de que se investigasen as agora descartadas posibles eivas do tren
O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago vén de rexeitar, nun auto asinado este martes 27 de outubro, os recursos de reforma interpostos contra o auto previo que ditara a finais do mes de setembro no que deu por pechada a investigación do accidente de Angrois. No auto obxecto de recurso o xuíz ordenou que a causa se siga contra o maquinista do tren e o director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento de posta en funcionamento da liña por 80 delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia grave profesional, decisión que agora ratifica deixando o futuro do caso e a apertura de xuízo oral en mans da Audiencia Provincial da Coruña. A causa volve así ao punto en que estaba hai un ano, co tribunal provincial a piques de resolver sobre os dous mesmos acusados, decisión que aprazou á espera de que o xuíz investigase a denuncia dunhas posibles eivas no tren agora descartadas.
No seu auto o maxistrado explica que as últimas investigacións, realizadas tras a declaración dun antigo mecánico de Talgo que dicía que vira como uns responsables da empresa ordenaban o borrado de rexistros, carecen de relevancia. Así, o instrutor recalca que “non existe o máis mínimo indicio de que o tren non estivese en condicións de circular, nin o máis mínimo indicio de que os defectos aos que alude o ex-técnico existisen ou non fosen arranxados antes de saír o tren e, menos aínda, do pretendido borrado informático”, pero por riba de todo que, aínda que así fose, esas supostas eivas non influirían no descarrilamento do tren.
“O único elemento que puido contribuír causalmente ao sinistro, ademais da imprudencia do propio maquinista, é unha incorrecta valoración do risco por fallo humano", di o auto, que atribúe esa responsabilidade ao director de Seguridade de Adif
Canto á imputación do director de Seguridade na Circulación de Renfe cando sucederon os feitos, solicitada pola plataforma de vítimas, o xuíz asegura que a súa responsabilidade “se cinxe ao material rodante e á formación do maquinista”, aspectos nos que “non consta que incorrese en incumprimento normativo e/ou técnico ningún”. O maxistrado salienta que a Dirección de Seguridade na Circulación de Renfe “cumpriu co seu labor, que non era outro que habilitar un material rodante tecnicamente adecuado e poñer aos seus mandos un maquinista debidamente formado e dotado das habilitacións profesionais legalmente esixibles”. O instrutor descarta que no sinistro “tivese incidencia un posible defecto do material rodante, da documentación do tren ou da formación e/ou habilitación do maquinista”.
“O único elemento que puido contribuír causalmente ao sinistro, ademais da imprudencia do propio maquinista, é unha incorrecta valoración do risco por fallo humano vinculado á infraestrutura da vía e, máis concretamente, ao subsistema de control, mando e sinalización, pero a xestión do dito risco compete en exclusiva a Adif”, entende o xuíz, quen indica que, en caso de fallo humano, “realmente non existía unha segunda barreira de seguridade”. A quen lle competía avaliar ese risco e adoptar as medidas necesarias, segundo o auto, era a Adif, e por iso está imputado o seu director de Seguridade.
O instrutor tamén rexeita imputar o xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de Adif. “É evidente que máis aló da denominación do seu cargo carece de ningunha competencia no ámbito da avaliación de riscos”, apunta o xuíz, quen sinala que non figura “en ningún dos documentos vinculados á seguridade na circulación e avaliación de riscos”.
Respecto do recurso presentado polo maquinista contra a súa imputación, o maxistrado argumenta que está xustificada porque “incumpriu a súa obriga esencial: respectar o cadro de velocidades máximas, e iso xerou un resultado catastrófico”. O instrutor sinala que o feito de que outros responsables de Adif “incumprisen tamén presuntamente a súa obriga de realizar unha correcta avaliación dos riscos que puidese comportar melloras na infraestrutura ou no subsistema de control, mando e sinalización non exclúe a responsabilidade do maquinista nin o exonera da súa presunta responsabilidade na causación do sinistro”. Así, indica que se tivese respectado o cadro de velocidades “o accidente non se tería producido”.
Ademais dos recursos de reforma, que son os que se resolven no auto notificado hoxe, algunhas das partes implicadas no procedemento presentaron recursos de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. Por iso, o xuíz instrutor acordou non tramitar os escritos de acusación ata que o auto de peche da investigación sexa firme. A audiencia xa estivo a piques de resolver sobre esta mesma situación que se dá agora en outubro do pasado ano, pero paralizou a súa decisión á espera de que se investigase a denuncia lanzada polo antigo mecánico de Talgo. Agora a causa volve á mesma situación na que estaba hai un ano.