A proposta que o instrutor fixo hai ano e medio de xulgar a un cargo de Adif xunto co maquinista agarda pola investigación dunha denuncia de posible borrado de datos do Alvia formulada hai nove meses
Sete anos despois as vítimas do accidente de Angrois agardan aínda xustiza. Os feridos e os familiares das 80 persoas que morreron o 24 de xullo de 2013 cando un tren Alvia descarrilou á entrada de Santiago ao non haber ningún dispositivo de seguridade que evitase o previsible despiste do maquinista aínda non saben cando se celebrará o xuízo despois de ver como a instrución xudicial sufría neste tempo todo tipo de atrasos nos que os catro meses de paralización xudicial polo coronavirus son só unha moi pequena parte.
A causa comezou cunha demora de medio ano para que puidesen empezar as peritaxes xudiciais do accidente, mudou de xuíz un ano despois e de fiscal aos catro anos, viu como o xulgado tardaba un ano en conseguir un informe europeo que foi realizado en apenas dous meses tras trabucarse de enderezo e sufría polo medio unha folga do persoal da xustiza. Uns obstáculos do sistema xudicial que non teñen en conta as diversas ocultacións por parte de Adif e Renfe rexistradas nestes anos malia as promesas políticas de colaboración coa xustiza.
O último gran atraso na instrución do caso produciuse despois de que hai ano e medio o xuíz instrutor dese por rematado o seu traballo e propuxese, co apoio do fiscal, xulgar xa ao maquinista do Alvia, Francisco Garzón, por non frear a tempo antes da curva de Angrois ao despistarse cunha chamada que lle fixera o interventor do tren, e a un cargo de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar e paliar como debía o risco de exceso de velocidade existente nese punto do AVE Ourense-Santiago.
Con esa decisión de rematar a investigación centrada na seguridade da liña pendente de revisión por parte da Audiencia Provincial da Coruña, o pasado outubro ese tribunal ordenaba investigar antes unha denuncia que nese momento formulou un ex-mecánico de Talgo de que tras o accidente a empresa borrara datos de posibles eivas do tren.
Tras varios adiamentos, entre eles un de catro meses pola paralización obrigada polo coronavirus, o xulgado non comezou a investigar a denuncia tomando declaración a denunciante e acusados ata nove meses despois, hai dúas semanas, o venres 10 de xullo, e agora aínda terá que decidir se continúa pescudando nesa liña ou se ratifica no remate da instrución.
Os peritos xudiciais tardaron medio ano en comezar a traballar tras o accidente porque dous deles foron substituídos pola Xunta por funcionarios seus sen experiencia previa
Pero os atrasos comezaron ben ao comezo da instrución. Os peritos xudiciais encargados de analizar o accidente tardaron medio ano en comezar a traballar porque dous dos inicialmente elixidos polo xuíz por sorteo de entre os mellores profesionais de cada colexio de enxeñeiros foron substituídos pola Xunta por dous funcionarios seus sen experiencia previa en materia ferroviaria. Posteriormente un deles plaxiaría partes da súa peritaxe da investigación oficial realizada por Fomento que facía responsable só ao maquinista. E os outros peritos terían que pedir en varias ocasións ao xuíz que lles axudase a reclamar a varias empresas públicas e privadas documentos que non lles querían facilitar.
Cando os peritos finalmente remataron os seus informes definitivos, a comezos de 2017, o xuíz instrutor non os citou para que os ratificasen oralmente ata cinco meses despois, en xullo daquel ano.
En 2014 cambiou o xuíz instrutor, en 2017 o fiscal do caso e en 2018 unha folga do persoal da Xustiza demorou declaracións
No propio xulgado un ano despois do accidente o primeiro xuíz instrutor, Luis Aláez, conseguiu un cambio de destino e un novo maxistrado, Andrés Lago Louro, tivo que tomarse varias semanas para facerse cun sumario que xa daquela acumulaba máis de 40 tomos. En 2017 cambiaría tamén o fiscal do caso, despois de que o primeiro, Antonio Roma, centrado só en investigar o maquinista, conseguise outro posto. E a principios de 2018 produciuse unha folga do persoal da administración de Xustiza en Galicia que provocaría demoras de catro meses nas declaracións de varios imputados, testemuñas e peritos.
En 2018 o xulgado trabucouse de enderezo e tardou un ano en conseguir un informe que a UE elaborou en só dous meses
Pero unha das demoras máis significativas é a que quedou en evidencia en xuño de 2018. Un ano antes o xulgado pedira á Axencia Ferroviaria da Unión Europea un informe para aclarar varias cuestións sobre a normativa a aplicar nas análises de risco ferroviarias nas que discrepaban dous peritos. Ese informe considerado de desempate pola maioría das partes persoadas foi solicitado en xuño de 2017, pero o xulgado trabucouse inicialmente de enderezo e enviou a súa petición á estación de tren de Valencienes (Francia) en vez de á sede da axencia europea noutra rúa desa mesma cidade. A petición tardaría cinco meses en chegar ao ente comunitario, que elaborou o seu informe en dous meses e o entregou o 15 de xaneiro de 2018 ao sistema xudicial francés para que o remitise ao español. Porén, non foi ata hai xuño dese ano que o instrutor informou ás partes de que ese informe aínda non lle chegara.
As vítimas critican os obstáculos ás investigacións xudicial, técnica e política
Ao coñecerse a demora, vítimas do sinistro e a eurodeputada do BNG Ana Miranda puxéronse en contacto coa axencia ferroviaria, que en só dous días fixo chegar o seu informe de xeito directo ao xulgado de Santiago. Nel desmóntanse boa parte dos argumentos que viñan empregando Fomento, Adif e Renfe para facer responsable do sinistro só ao maquinista e sinálase que eran preceptivas varias análises de risco que, segundo declararon no xulgado varios técnicos da consultora pública Ineco, non se realizaron na curva de Angrois, o que puxo os focos no cargo de Adif ao que o instrutor pide xulgar xunto co maquinista.
Á espera de que a xustiza lles dea xustiza, a plataforma de vítimas do accidente critica a demora xudicial e segue reclamando tamén no eido político que o Goberno central actual cumpra co que tampouco fixera o anterior executivo popular e, como lle segue a reclamar a UE, elabore unha nova investigación técnica do accidente. A que fixera no seu momento, centrada no maquinista e que serviu de base inicial ás peritaxes xudiciais, non foi independente e non analizou todas as causas do sinistro, polo que os afectados reclaman unha nova que poida tamén servir de base para que a inconclusa comisión de investigación política celebrada a finais de 2018 e comezos de 2019 no Congreso dos Deputados poida emitir as súas conclusións.
Para pedir xustiza en todos os eidos as vítimas, condicionadas polas restricións do coronavirus, volven concentrarse este venres en Santiago.